• 1 Queremos normalidade
  • 2 Primeiro de Maio: Contra o espolio das nosas vidas
  • 3 Anova, coa moción de censura e contra o Réxime da Corrupción
  • 4 Cassandra Vera, cando o Estado trata as vítimas como verdugos
  • 5 Beiras en La Tuerka: "A miña xeración non tivo mentor ningún, os que había estaban na nosa contra"
  • 6 A soberanía dos pobos como alternativa. Xuntanza internacionalista en Barcelona
  • 7 Anova convoca a súa III Asemblea Nacional en Pontevedra
  • 8 Entrevista a Xosé Manuel Beiras (Cicloxénese Expresiva)
  • 9 No pasamento do mestre Fernando Acuña Castroviejo
  • 10 25 de xullo en irmandade
  • 11 Beiras: “Se trasladásemos os resultados do 26X ao Parlamento galego, o PP non gobernaría”
  • 12 Brexit: Calquera perspectiva de cambio pasa por abordar o funcionamento antidemocrático da UE
  • 13 Acción Feminista de Anova en solidariedade coa compañeira Laura Bugalho
  • 14 Anova fai un chamamento a seguir construíndo En Marea dende a base
  • 15 A Xunta deixa sen asistencia as mulleres galegas
  • 16 A militancia de Anova prioriza por ampla maioría o camiño común cara ao cambio político
  • 17 Anova remata as súas primarias e comeza unha nova consulta á militancia
  • 18 Anova-IN aposta por que sexan as bases quen decidan todo o importante
  • 19 Beiras: a ética debe estar por riba da política
  • 20 Unidade popular para decidilo todo
  • 21 Bruxelas e a barbarie global
  • 22 Nunca máis cómplices, nunca máis silencio
  • Queremos normalidade

    DÍA DAS LETRAS GALEGAS 17-M 2017

     Sería desexable que o Día das Letras Galegas dera ido máis alá da memoria literaria, da liturxia, dunha simple conmemoración da existencia da nosa lingua.

    Máis alá da homenaxe aos nosos escritores e escritoras e da necesaria difusión dun sistema literario erguido contra toda adversidade, o Día das Letras Galegas foise convertendo por acción popular nunha xornada de reivindicación dos nosos dereitos lingüísticos e por tanto dunha crecente extensión social do idioma que entre nós vimos creando desde hai séculos. Trátase de manter viva e con futuro a lingua, e iso quere dicir que teimamos en vivir nela o presente. Porque é ese dereito fundamental o que segue a estar en xogo: vivirmos a totalidade das nosas vidas na lingua que nos é propia. Non é, pois, a lingua en si a que debe ser reivindicada; é o noso dereito a usala en cada lugar, en cada espazo, en cada actividade, en cada momento das nosas vidas.

    LER MÁIS
  • Primeiro de Maio: Contra o espolio das nosas vidas

    O Primeiro de Maio é Chicago, a loita por mellorar as indignas condicións da explotación, as bandeiras vermellas, a represión. Catro pinceladas que encadran a loita do proletariado pola súa emancipación desde que empeza a adquirir conciencia de si como clase. Desde aquel día de 1886 ata hoxe mesmo, máis dun século de loitas, conquistas, dereitos e melloras nas condicións de vida e de traballo. A celebración non vén sendo senón a memoria renovada dese impulso emancipatorio irrefreable mesmo nos momentos máis duros, como sucedeu no Estado español cando a ditadura franquista. Non esquezamos que Galiza foi vangarda da loita obreira en momentos de enorme represión coas masivas mobilizacións dos anos 70 en Vigo e en Ferrol, cando as forzas franquistas asasinaron os traballadores do naval Daniel Niebla e a Amador Rey, hai agora 45 anos. 

    LER MÁIS
  • Anova, coa moción de censura e contra o Réxime da Corrupción

    Desaloxar a Mariano Rajoy e derrotar democraticamente o Partido Popular para rematar co Réxime da Corrupción.

    LER MÁIS
  • Cassandra Vera, cando o Estado trata as vítimas como verdugos

    Compostela, 31 de marzo de 2017-. Anova-Irmandade Nacionalista quere manifestar que repudia sen miramentos a condena a un ano de cadea e sete de inhabilitación absoluta á moza Cassandra Vera por chancear nunha rede social sobre a morte do almirante fascista Carrero Blanco hai 43 anos, máis do dobre dos que ten Cassandra nestes intres. O veredicto do tribunal é, con seguridade, un dos maiores atentados á liberdade de expresión das últimas décadas no Estado español e nos retrotrae aos tempos nos que Atila sementou as cunetas con barbarie.

    LER MÁIS
  • Beiras en La Tuerka: "A miña xeración non tivo mentor ningún, os que había estaban na nosa contra"

    Pablo Iglesias entrevista a Xosé Manuel Beiras en La Otra Vuelta de Tuerka. Vídeo completo.

    LER MÁIS
  • A soberanía dos pobos como alternativa. Xuntanza internacionalista en Barcelona

    Organizacións soberanistas do Estado reúnense en Barcelona para artellar un discurso baseado na soberanía dos pobos como alternativa tanto ao neoliberalismo hexemónico como á preocupante ascensión da xenofobia, a estrema dereita e as diferentes formas de fascismo en xeral.

    LER MÁIS
  • Anova convoca a súa III Asemblea Nacional en Pontevedra

    A Coordinadora Nacional, celebrada o 4 de febreiro de 2017, aprobou a convocatoria da III Asemblea Nacional de ANOVA-IN, cuxo plenario final terá lugar o sábado, día 18 de marzo de 2017 en Pontevedra baixo o lema "Galiza no camiño da unidade popular".

    LER MÁIS
  • Entrevista a Xosé Manuel Beiras (Cicloxénese Expresiva)

    Realizada por Cicloxénese Expresiva. "Van xa 80 anos dende unha República que o veu nacer e que desembocou na ditadura de Franco, na transición e no período que agora vivimos. Xosé Manuel Beiras Torrado hospeda un ronsel de experiencias nas súas costas. Ten memoria por ter vivido e analiza a actualidade con perspectiva. Moitas persoas falan del como o presidente que soñaban ter, algúns aínda agora".

    LER MÁIS
  • No pasamento do mestre Fernando Acuña Castroviejo

    Anova lamenta profundamente o pasamento dun home, Fernando Acuña Castroviejo, que fixo da ciencia unha relixión; da defensa dos persoas máis desfavorecidas, unha angueira; e de Galiza, a súa paixón. O Portavoz Nacional, Xosé Manuel Beiras, acudiu hoxe para presentar os seus respectos ao funeral en San Andrés de Trobe (Vedra).

    LER MÁIS
  • 25 de xullo en irmandade

    Anova-Irmandade Nacionalista quere lembrarse este 25 de xullo, Día da Patria Galega, moi especialmente deses pais da patria que hai un século fundaron as Irmandades da Fala, de aí que escollese como lema: 100 anos de irmandades.

    LER MÁIS
  • Beiras: “Se trasladásemos os resultados do 26X ao Parlamento galego, o PP non gobernaría”

    Unha delegación de Anova encabezada por Xosé Manuel Beiras, Alexandra Fernández, Antón Sánchez, Esther Duro e Raúl Asegurado acudiu esta tarde a Madrid a unha xunta de todas as confluencias de análise dos resultados eleitorais.

    LER MÁIS
  • Brexit: Calquera perspectiva de cambio pasa por abordar o funcionamento antidemocrático da UE

    Primeira valoración de Anova, de Xosé Manuel Beiras e máis de Lidia Senra sobre o resultado do referendo no Reino Unido. Xosé Manuel Beiras afirma que “hai segmentos xenófobos, claro, pero a clave é que a maioría das clases traballadoras xa non soportan o modelo –fracasado xa– da UE”.

    LER MÁIS
  • Acción Feminista de Anova en solidariedade coa compañeira Laura Bugalho

    Con motivo do xuízo contra a activista LGTBI e sindicalista da CIG Laura Bugalho, que terá lugar o vindeiro 7 de xuño en Compostela, dende Acción Feminista de Anova queremos sumarnos os diferentes colectivos feministas que están a promover diversas campañas en solidariedade.

    LER MÁIS
  • Anova fai un chamamento a seguir construíndo En Marea dende a base

    Anova anima a tódalas forzas políticas da esquerda rupturista, ás plataformas de loita cívica, ás asociacións de toda caste e en xeral a todo o corpo social que acredite no combate democrático cara o cambio radical das políticas que nos esganan, a dar un paso adiante para mudalo todo, para que nada siga igual.

    LER MÁIS
  • A Xunta deixa sen asistencia as mulleres galegas

    Acción Feminista de Anova denuncia os recortes do Partido Popular, que pretenden vulnerar novamente o dereito a decidir das mulleres sobre o seu corpo.

    LER MÁIS
  • A militancia de Anova prioriza por ampla maioría o camiño común cara ao cambio político

    A fórmula do partido instrumental sería a preferida por Anova para concorrer ás eleccións ás Cortes.

    LER MÁIS
  • Anova remata as súas primarias e comeza unha nova consulta á militancia

    As primarias internas de Anova-IN para escoller as persoas a propor para formar parte na lista de En Marea para as eleccións do 26X remataron hoxe ás 11:00 horas cun 61% de participación da militancia.

    LER MÁIS
  • Anova-IN aposta por que sexan as bases quen decidan todo o importante

    A organización fará unha consulta interna a vindeira semana sobre a fórmula xurídica de ‘En Marea’ e as persoas de Anova a integrar nas listas nas novas eleccións.

    LER MÁIS
  • Beiras: a ética debe estar por riba da política

    Xosé Manuel Beiras foi entrevistado por Aida Pena para a Cadena Ser. O portavoz nacional falou sobre ‘En Marea’ e a forma de concorrer ás eleccións xerais, que ao seu xuízo debería ser como partido instrumental para garantir a formación dun grupo parlamentar galego na Cortes, xaora que a fórmula de coalición non funcionou. Beiras apelou ao documento fundacional de 'En Marea', presentado en outubro pasado na compostelá praza de Mazarelos, para convidar ás outras partes da coalición a loitar polo mesmo.

    LER MÁIS
  • Unidade popular para decidilo todo

    Proposta de resolución aprobada na Conferencia Política Nacional de Anova o 10 de abril de 2016.

    LER MÁIS
  • Bruxelas e a barbarie global

    Anova-IN, reafirmándose nos seus principios republicanos, laicos e de defensa da igualdade, a liberdade, a fraternidade e a convivencia pacífica entre os pobos e as nacións do mundo, fai constar a súa máis enérxica repulsa polo acontecido hoxe, 22 de Marzo de 2016, en Bruxelas, principal sede das institucións da Unión Europea.

    LER MÁIS
  • Nunca máis cómplices, nunca máis silencio

    MANIFESTO DE ANOVA NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

    LER MÁIS

O saqueo de AUDASA ao pobo galego en 12 actos

  • 1
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 25 Nov - 2 Dec
  • 3 Dec - 19 Dec
  • 19 Dec - 26 Dec

Comunicados políticos

  • Beiras: “Se trasladásemos os resultados do 26X ao Parlamento galego, o PP non gobernaría” +

    Unha delegación de Anova encabezada por Xosé Manuel Beiras, Alexandra Fernández, Antón Sánchez, Esther Duro e Raúl Asegurado acudiu esta tarde a Madrid a unha xunta de todas as confluencias de análise dos resultados eleitorais.

    LER MÁIS
  • A militancia de Anova prioriza por ampla maioría o camiño común cara ao cambio político +

    A fórmula do partido instrumental sería a preferida por Anova para concorrer ás eleccións ás Cortes.

    LER MÁIS
  • Anova remata as súas primarias e comeza unha nova consulta á militancia +

    As primarias internas de Anova-IN para escoller as persoas a propor para formar parte na lista de En Marea para as eleccións do 26X remataron hoxe ás 11:00 horas cun 61% de participación da militancia.

    LER MÁIS
  • O dereito fundamental a existirmos na nosa lingua +

    O peor que poderiamos facer as persoas e organizacións comprometidas co dereito a existir na propia lingua sería responder aos discursos delirantes do Secretario Xeral do Partido Popular. En casos coma ese, cómpre non lle outorgar natureza comunicativa nin política ao orneo, senón deixar que o seu eco se escoite. Porque a xente común sabe distinguir perfectamente o orneo da palabra. LER MÁIS

  • Anova-IN aposta por que sexan as bases quen decidan todo o importante +

    A organización fará unha consulta interna a vindeira semana sobre a fórmula xurídica de ‘En Marea’ e as persoas de Anova a integrar nas listas nas novas eleccións.

    LER MÁIS
  • En solidariedade cos políticos saharauis +

    Dende ANOVA queremos manifestar o noso total apoio aos presos políticos saharauís de Gdeim izik e ao resto de presos políticos saharauís nas cadeas marroquís, e unímonos con eles na reivindicación dun xuízo civil que sexa legal e se adapte ós canons do Dereito Internacional.

    LER MÁIS
  • 1
  • 2
  • 3

Texto íntegro do discurso de Xosé Manuel Beiras do debate sobre o eestado da nación 2013 no parlamento galego.

Texto da intervención de Xosé Manuel Beiras durante o debate sobre o estado da nación no Parlamento de Galiza o 15 de outubro de 2013. “É a hora da rebelión cívica como motor da nosa emancipación. É a hora dunha creba democrática con este rexíme putrefacto. Como cantaba a mocedade do meu tempo fronte ao franquismo con franco, venceremos nós.”

Coa venia da Presidéncia, señorías:

Señor Núñez, cantas vítimas máis serán precisas? Cántas vítimas máis das agresivas políticas antisociais que os seus amos dictan e vostedes executan, cántas máis comprirán para que vostedes entren en razón e rectifiquen? Cántas vítimas, inclusive vítimas mortais, tanto as evidentes, as que ostensíbelmente se fan públicas e mesmo aparecen cifradas, convirtidas en simples números, canto as non evidentes, que fican na sombra até que analistas serios e sensíbeis revelan que son tamén vítimas das suas polìticas ‘austericidas’, dos salvaxes recortes nos servizos públicos que atenden ás necesidades dos cidadáns do común en sanidade, asistencia aos vellos, discapacitados e demáis seres dependentes, de proteción ás mulleres acosadas por energúmenos ‘machistas, e asi seguido? Cando se fala do emprego que enxendra unha actividade laboral, adóitase computar os ‘empregos directos’, cifrados con exactitude, e máis os ‘empregos indirectos’, calculados só por estimación. Mais é frecuente que a magnitude dos ‘indirectos’ sexa meirande que a dos ‘directos’ -e unha táboa input-output ben elaborada e abondo desagregada abondaría para corroboralo con exactitude. Pois nisto das vítimas das suas antisociais políticas ultraliberais acontece algo análogo -só que en termos cáseque ‘porno’ de traxedia social e humá. Vitimas mortais evidentes dunha irresponsábel administración ferroviaria, como as da catástrofe de Angrois o vran pasado, en Galiza, ou dunha xenófoba e até racista política da UE, como a recentísima traxedia dos frustrados inmigrantes africáns, en Lampedusa. No actual estado de cousas, compre que haxa cadavres a esgalla ‘sobre a mesa’ -horrorosa expresión que vostedes empregan- para que se custionen determinadas actuacións do poder e as administracións públicas. E só actuacións concretas, nunca as directrices políticas ou os ‘compromisos podres’ que determinan esas actuacións. Iso nunca!. Bótanse vostedes a choromicar con bágoas de crocodilo, actúan como pranteiras alugadas, e morra o conto. Por iso rexeitaron a nosa iniciativa conxunta co BNG para que o Parlamento constituise unha comisión que participase na necesaria investigación extra-xudicial. E por iso tamén a UE non vai modificar a sua xenófoba, reitero, e anti-humanitaria política en materia de inmigración.

Pero logo están, ademáis, as vítimas ‘opacas’ , que só as plataformas de auto-defensa cidadán e máis os profisionais honestos e valerosos dos servizos mutilados por vostedes ousan revelar. Colectivos de siquiatras que avisan do medre das cifras de suicidios e advirten que non se deben a que á xente se lle dea por se tirar a vida en masa, como fascinados por un frautista de Hamelin redivivo, senón porque cada vez hai máis cidadáns en condicións límite de existencia. Cidadáns que se mobilizan para impedir desafiuzamentos de xente ao borde da miseria, e cando a vítima se auto-inmola berran “no es un suicidio, es un asesinato”. Médicos que advirten do ascenso na mortalidade dos vellos que non se medican por mor do co-pago/re-pago dos fármacos, ou porque as suas familias xa non poden pagarlles a estancia en residencias axeitadas. Cardiólogos que denuncian o aumento de mortes por recortes nos servizos, deterioro e alongamento dos traslados en urxencia -que ás veces convírtense nun via-crucis profano, especialmente no meio rural galego. Médicos e sanitarios que califican de ‘homicida’ a decisión de que os pacientes de enfermedades crónicas ou graves, dende o cancro até o sida, teñan que pagar polo tratamento extra-hospitalario. Ou até unha deputada madrileña do Partido Popular que sobrevivíu á catástrofe de Angrois e apostrofou como ‘terroristas’ aos presidentes de Renfe e de Adif -non sei se tamén minten os seus cando se saen da partitura oficial. É que vostedes non sinten arrepíos perante estes dramas, nen tan sequer un lene arreguizo no seu corpo?. Ou é que teiman en negar as evidencias, ou en descalificar como mintiráns revirados aos cidadáns e profisionais que se arriscan a denunciar a situación?. Carecen vostedes de sensibilidade, son vostedes de pau?

Pois a nós conmóvenos o padecemento das xentes que lles confiaron aos poderes políticos, ou sexa, actualmente, a vostedes, eiquí e no governo central do Estado, a misión de garantir os seus dereitos e liberdades, defender os intereses da maioría social, preservar o seu benestar, respeitar a sua dignidade como seres humáns e cidadáns libres. Velaí están as vítimas ‘non mortais’ dos crimes sociais que consuman as suas reaccionarias políticas antidemocráticas no máis xenuino sentido da palabra – poisque son políticas que disparan contra o demos, contra o povo no que debe residir a soberanía en toda democracia. A nós conmóvenos e alporízanos a situación das xentes do común que lles deron o seu voto, e máis das que non llelo deron, para que governasen para iles, e tópanse con que vostedes fan todo o contrario, ao servizo de plutócratas, especuladores, corruptores corruptos, ese enxamio de ‘meigas chuchonas’ realmente existentes que dictan as criminais polìticas que vostedes executan sen escrúpulo ningún. Nen sequer ten vostede, señor Núñez, escrúpulos pra proclamar que “Galicia cumple!”. Sí, claro: cumple cos estafadores que esbullan aos cidadáns deste povo secularmente maltratado. “Cumple” como cumplían os labregos servos que inda hai cen anos pagaban os foros aos amos das terras que os condeaban á miseria até que morrían ou emigraban. Como morren agora os cidadáns máis desvalidos, ou emigran os mozos e mozas, a empezar polos millor preparados. Entramentras, vostedes esméranse en mintir e enganar todo o que faga falla -que é moito mintir e enganar, abofé. Estarrican o pescozo como galo no poleiro, e outorgan, iso si, medallas que levan o nome de Castelao. Pois é de Castelao aquela conmovedora e acusadora estampa cun pé que dicía: “Non son pastores que vaian a Belén: son labregos que van pagar os foros”. Agora non son labregos os que pagan foros aos amos da terra -pra empezar, porque vostedes emprurraron á clase labrega á estrema do exterminio e teiman na desertización do mundo rural. Os foreiros de arestora sóno, en variada medida, tódolos cidadáns do común: todos pagan foro aos amos dos cartos alleos -que para máis, cando lles convén, róubanllelos aos lexítimos donos, como coas ‘preferentes’. Os amos dos cartos pagados en impostos e contribucións abusivas polos de abaixo, que deberan finanzar servizos públicos e sociais, pero que vostedes desvían dese destino para tapar os buracos negros da corrupta banca española e alemá. Vostedes son simplesmente os arrecadadores dos ‘trabucos’ impostos aos cidadáns reconvirtidos en servos, son os que cometen os atracos que ordenan os seus amos. Son vostedes cipaios ao servizo dos poderes que maltratan ao povo que os paríu e dálles mantenza e até votos como llelos daban aos caciques denunciados e retratados por Castelao no seu tempo, o da Iª Restauración Borbónica, a precedente desta IIª que está arestora a dar as boqueadas. (ou= a agonizar).

Velaí a primeira relaciòn de feitos. Velaí un boceto da faciana màis visíbel do ‘estado da nación galega’ que estamos a analisar e debater. Porén, por debaixo desa faciana máis visíbel e evidente, a que a xente percibe e padece na sua vida cotián, por debaixo, digo, está o ‘trasunto profundo’, é dicir, están as claves que dotan de sentido a esta situación e permitennos comprendela e interpretala. Porque só se a interpretamos e comprendemos en profundidade poderemos sentar as bases dunha alternativa real e efectiva para transformar esa realidade atroz e estarmos en condicións de resolver os problemas do común cidadán galego. Dunha alternativa que pasa por unha creba restauradora da democracia protagonizada polos proprios cidadáns.

Para empezar, iste é, para nós, o debate do estado da nación galega. Para vostedes, non. Para vostedes é o debate do estado da autonomía -que eu, con humor negro, denomino autoanemia como fixera, antes ca min, unha antiga compañeira de grupo parlamentar. E inda seica oficialmente chámase ‘debate de política xeral’ -ou sexa, algo así como caldo de berzas sen unto. Non bromeo: as palabras non son neutrais e o léxico non é inocente. Porque iste é o debate do estado dunha nación (a galega) subsumida nun estado que a nega, porque nos impón o dogma de fé de que nese estado só hai unha única nación, que chaman española. Impóñennos dogmáticamente que a nación ven definida polo estado, e non pola realidade histórica, así que a nación galega simplesmente non existe -‘e punto’, que diría Fraga Iribarne. Murguía e Otto Bauer, por caso, eran estúpidos ignorantes; Fraga e José Antonio, sabios infalíbeis.. Empezamos ben. Digo ‘empezamos’ -o de ‘ben’ é obviamente un sarcasmo- porque todo comenza coa famosa ‘doma e castración de Galiza’ no tempo dos Católicos, e tamén porque nesa negación da nosa identidade como nación radica a orixe ideolóxica do secular calvario e da catastrófica situación actual padecida polo povo galego. Mais o grave é que vostedes, que disque son ‘galegos de nación’ -no senso dos Ilustrados do XVIII- asumen a negación que fai o Estado da nación de vostedes, co que resulta que non son nacidos -nin ben nin mal- en Galiza, non se consideran fillos dela. Pra vostedes Galiza é un simples territorio, cousa que constitue un sin-sentido en aberta contradición co feito de que un territorio é tan só a base física de asentamento do povo que o habita. Claro: un territorio non pode ser suxeito de dereitos políticos, só un povo pode ser tal cousa. Así teñen resolto vostedes o problema: se Galiza é un territorio, o povo galego non existe ou é un apéndice humán dese territorio que non pode ser suxeito de dereitos políticos, ou sexa, de soberanía popular e nacional. Vaites, vaites.

Pero a cousa complícase máis aínda cando resulta que o Estado (español) que domina e nega á nosa nación (galega), resulta ser, á sua vez, un simples protectorado dun novísimo Imperio europeu: a UE, que é un disfraz dun IVº Reich alemán -iso si, sen exército nazi, polo de agora. Se consideran que estou a disparatar, recoméndolles lean , ou boten unha ollada, a La quinta Alemania, o recente libro dos solventes xornalistas Rafael Poch, Ángel Ferrero e Carmela Negrete -“un modelo hacia el fracaso europeo”, reza o seu elocuente subtítulo. E se coidan que reducir o Estado español á humillante condición de ‘protectorado’ -como Exipto e moitos outros países na fase final dos imperios coloniais europeus-, se coidan que iso é un delirio mental do Beiras, consulten a prestixiosos especialistas en teoría do estado e demostrenlles vostedes que non constituíu unha abolicion da soberanía das Cortes españolas a contra-reforma constitucional operada nun santiamén pola porta de atrás hai agora dous anos, para someterse sen remusgar ao ‘pacto fiscal’ imposto pola Merkel. Valente recital do famoso ‘patriotismo constitucional’ español do que tanto fachendearan para acusarnos de treición aos que profesamos nacionalismos emancipadores fronte ao chovinismo opresor do Estado! Os treidores á Constitución fórono vostedes. Porque dende esa contra-reforma, as Cortes non son soberanas para aprobar os orzamentos necesarios para atender as necesidades dos cidadáns se os ingresos ordinarios non abondan e compre incurrir en déficit, poisque o ‘pacto fiscal’ proíbeo ou restrínxeo a ínfimas porcentaxes insuficientes, e máis, por riba, impón a prioridade de destinar os ingresos a pagar aos bancos a débeda pública enxendrada á sua vez polo ‘rescate’ da corrupta banca especuladora -rescate feito cos cartos pagados en impostos polos mesmos cidadáns que agora aturan os ‘recortes’ na sanidade, o ensino e demáis servizos públicos e sociais para que o Estado poda pagarlles a débeda pública aos bancos ‘rescatados’. Ou sexa: os ladróns entran na casa, lévanse todo o que poden arrepañar, despois dilapídano, e logo chaman á garda civil e aos xuíces para que obriguen aos donos da casa na que roubaran a que lles repoñan o botín dilapidado. E se as vítimas do roubo queren acudir ao amparo da Xustiza, e non teñen os cartos que lles roubaran para pagar as leoninas taxas impostas polo ministro Gallardón, ficarán na situación de indefensión que a Constitución proclama que ‘en ningún caso‘ se pode producir: o ‘patriota constitucional’ Gallardón abolíu pola sua conta impunemente ese precepto da sua Carta Magna -coa garantía de que o sicario do seu partido que preside o Tribunal constitucional non lle vai emendar a plana. É a iso ao que vostede se refire, señor Núñez, cando di que ‘Galicia cumple’?

Non pensen que estou fóra do tema deste debate, porque estou a deseñar o escenario político no que se desenvolve a actual traxedia do povo galego. Un escenario estruturado en tres círculos superpostos de diámetros sucesivamente meirandes: Galiza, o Estado español e a UE -e nos que a situación de Galiza faime lembrar o Círculo de xiz caucasián de Bertolt Brecht. Nese escenario, o acontecer político galego está cada vez máis supeditado á gravitación das decisións adoptadas no centro da UE e repercutidas eiquí dende o centro do ‘protectorado’ español.

Recordareille, señor Núñez, o que con outras verbas lle argumentaba eu cando da sua investidura. Se a ‘nosa’ Autonomía funcionase realmente como autogoverno do povo galego, a dinámica democrática debería operar de abaixo arriba: as decisións deste Parlamento e da Xunta adoptadas en exercizo do noso autogoverno, deberan ser respeitadas e asumidas primeiro polo Estado e logo pola UE. Ise sería o modelo funcional democrático. Mais funciona mesmamente ao revés: é a UE, ou milor dito son os organismos da UE que niguén elixíu, quen deciden por nós e contra nós, logo trasládanlle a súa decisión ao governo de Rajoy, quen llela transmite a vostedes para que a acaten servilmente -mesmo se invade as competencias de ‘autogoverno’ estabrecidas no Estatuto de Galiza. Incluso vostedes teñen a desvergoña política de invocaren reiteradamente esas decisións para eludiren as suas responsabilidades. Inútelmente, iso si, porque medra cada día o descrédito de vostedes perante os cidadáns agredidos por esas decisións. Como mostra ben recente, velaí a recente falcatruada do famoso ‘tax-lease’ cometida pola Comisión europea, verdadeira operación de eutanasia contra o malferido sector naval galego para borralo definitivamente do mapa despois de trinta anos de acoso ao único complexo industrial galego potente e moderno. Neste asunto, ante esta enésima fechoría da UE, Almunia, Rajoy e Núñez praticaron o ‘patriotismo constitucional’ español en favor das españolísimas Holanda, Dinamarca, Alemania e os seus asteleiros nas rías galegas do Báltico e o Mar do Norte. Non lles importou que ese ataque violase as normas configuradoras da AIE, a lexislación fiscal española e até o mesmísimo Código Civil. Ou a inda máis recente exclusión da flota pesqueira galega do caladoiro mauritano decretada tamén pola UE. Se iso non é treición só pode ser pusilanimidade de vostedes con corrupción e compromisos podres por detrás.

Porque ningunha de todas cantas decisións agresoras aos intereses galegos adopta a UE teñen consistencia democrática, poisque ningún dos órganos das que proceden, ou sexa, as diversas seccións da Comisión europea, foron elexidos directa nen indirectamene por sufraxio universal dos cidadáns. Inda máis: porque eses órganos e os seus inquilinos son monecos do ventrílocuo que dicta as suas ordes dende detrás dos bastidores dese escenário -a ruín plutocracia financeira especuladora e hastra delincuente que detenta o auténtico poder cuase omnímodo. Agresións constantes ao campesiñado en política agraria, ao mundo mariñeiro en política pesqueira, aos traballadores asalariados en política laboral e salarial, aos pensionistas en recortes e privatización a prol dos fondos ladróns, ás PIMES e as familias en política financeira a prol da banca que lles pecha as billas do crédito, ao conxunto co común cidadán co desmantelamento do cativo estado do medioestar e a conversión dos servizos públicos e sociais en negocio privado -e así seguido nun ronsel interminábel. E as poucas veces que as direitrices da UE son favorábeis -como en temas medioambientais, culturais ou lingüísticos de proteción das ‘linguas minorizadas’- vostedes fan caso omiso delas, como adoitan facer coas sentencias xudiciais que anulan as suas accións ecocidas ou etnocidas, mentras predican cínicamente o ‘respeito á legalidade e ás institucións’.

En resume: a dinámica política que os seus amos impoñen e vostedes pratican, lonxe de ser democrática e ascendente, é autocrática e descendente. Baixo a camuflaxe dunhas institucións deseñadas como democráticas, pero progresivamente baleiradas de contido, exércese un poder autocrático, antidemocrático, antiautonómico, opresor e despótico. Mesmo están vostedes a operar coa sua maioría absoluta nas Cortes un auténtico ‘proceso deconstituínte’ denunciado polos tratadistas e asociacións de xuristas demócratas màis solventes, meiante un regueiro de leis e decretos-lei que consuman unha auténtica abolición das trabes mestras e contidos cardinais da Constitución de 1978. E como un eco dese demoledor bombardeo esencialmente golpista, neste Liliput galego vostedes ametrallan a fráxil armazón do Estatuto de Galiza. Mesmo arremeten agora contra a autonomía das administracións locais e a funcionalidade das demarcacións xudiciais no peculiar ‘territorio’ galego, non só incumplindo o mandato estatutario verbo da comarcalización e as parroquias, senón convertendo o mapa xudicial nun mapa mudo con oasis de cartónpedra, e arremetendo contra os concellos pra empobrecelos, esganalos, maniatalos e convirtilos en meras oficinas de xestión cotián de recursos recortados e ríxidamente predeterminados na sua aplicación. Abusando dunha maioría absoluta que obtiveron no 2011, mais que ben saben que non terían agora, suprimen polas malas a necesaria autonomía dos concellos e dos governos municipais consagrada na Constitución e no Estatuto. Non é nada de estrañar, se venderon a soberanía das cortes á gran banca europea por unha cunca de herbellas. Pois agora, o amo da administración municipal galega xa é o ministerio de Facenda ocupado por un necio incompetente. O mesmo que fixeron coa autonomía das universidades, sometidas á chantaxe dese mesmo indivíduo. Iso si: ‘todo o poder para as deputacións’, que históricamente sempre foron e nas mans de vostedes seguen a ser as covas de caciques desaprensivos que denunciaban Castelao e os seus coetáneos da Xeración Nós. É un retorno ao franquismo sen franco, combinado coa Corte dos milagros valleinclanesca -aquilo de “puta y reputa la abuela” que escribira don Ramón María nunha servilleta de papel, e eu lera cando mozo.

Nestas condicións, resulta evidente que xa non só o autogoverno do povo galego, senón a simples autonomía, son realmente inexistentes: son só imaxes virtuais proxectadas nunha pantalla que oculta unha constante acción de exterminio económico, social, cultural, ambiental e político do noso país. Vostedes actúan eiquí como os parásitos, sexa no reino animal ou no vexetal, que resultan tanto máis letais canta máis fame padece ou menos nutrientes recibe o animal ou planta parasitados. E coa fame que empeza a inzar e as espeluncas da pobreza que están a se agrandar nas clases traballadoras e a maioría social deste noso país, de seguir así, o partido parasitario acabará por matalo de vez. Dixera eu ben antes de voltar a esta cámara que a Xunta de vostedes era unha brigada de demolicións. Á vista dos resultados da sua actuación, rectifico: é un comando especial de exterminio. Vostede, señor Núñez, pasará ás crónicas -que non á historia- como ‘o enterrador’. Mais un enterrador frustrado, porque este país é inmorredoiro, como diría don Ramón Otero Pedraio, meu venerado mestre en ética cívica e humanidades, un país xeográficamente insólito, onde o eixo das variacións non vai de norte a sul senón da montaña ao mar, como no verso de Cabanillas; un país a proba de lumes e de xenocidios, dondo e macizo, mesmo xeolóxicamente o máis antergo da Penínsua, bloque hercinián de granito e xistos que até ficou incólume dos cataclismos terciarios, que bateron nil e só o fixeron bascular formando a maravilla das rías atlánticas. Como dixera Castelao, os amos aos que vostedes serven “son uns imperialistas fracasados”.

Mais, inda así, claro que vostedes fan destragos a esgalla: por iso compre desaloxalos canto antes dos habitáculos do poder que efémeramente ocupan. A razón de ser das precarias institucións de governo tan-só-autónomo actuais teñen dous fundamentos. O primeiro éo exercer a expresión, garantía e defensa da identidade deste povo como nación proclamada no seu Himno oficial, do seu dereito como suxeito político dotado de soberanía, dos seus valores e patrimonio identitarios proprios tanto naturais coma culturais, antropolóxicos e lingüísticos, e máis dos dereitos e liberdades dos seus cidadáns todos, sen distincións. O segundo é conquerir, preservar e millorar o benestar material, cultural e social da cidadanía galega toda, que só será realidade se ese benestar disfróitao a maioría social, e non só unha minoría privilexiada. Abonda repasar a acción política de vostedes, tanto neste Parlamento coma na Xunta, para resultar evidente que non só vostedes non son leais a esas duas ordes de fundamentos das institucións autónomas, senón que, de maneira descaradamente ostensíbel por primeira vez se cadra na xeira autonómica, vostedes utilizan o poder contra natura: contra a identidade deste povo tentando erradicar a consciencia dela no imaxinario colectivo; contra a sua autoestima e dignidade tentando convirtilo nunha grea de servos; contra os seus dereitos e liberdades tentando reconvirtir aos cidadáns en súbditos e mallar niles se resisten ou arrepóñense; contra o seu benestar material tentando destruir o tecido produtivo, exterminar aos non asalariados e autónomos, e condear de por vida ao paro ou á precariedade aos asalariados -nen sequer poderán optar por emigraren, porque agora oficialmente a emigración non existe, é mobilidade exterior; contra o benestar social desmantelando ou mercantilizando os necesarios servizos indispensábelmente gratuitos; contra o mundo da cultura, tanto autóctona como universal, póndolle asedio pra que morra por inanición -só lles falta calificar de arte dexenerada a criación literaria, musical, pictórica, escultórica, arquiteitónica ou artesanal de quen non faga ‘pastiches’ ao gusto dos chimpancés; contra a ciencia e a investigación aplicando o bárbaro aforismo celtibérico de “que inventen otros” para condear ao exilio, exterior ou interior, a mozos e veteranos homes e mulleres de ciencia, porque un país descerebrado é o ideal para a barbarie no poder; contra os ricaces e sensíbeis ecosistemas agrarios e mariños para convirtir o territorio galego nun ermo a repartir en retrincos trazados a tiralíneas entre os seu amos e sacarlle das entrañas os recursos do sochán como nos países subsahariáns ou Katanga.

Vexamos someramente o impacto das suas accións destrutivas nalgúns niveis e andares cruciais da armazón da sociedade e das institucións galegas. Encetemos o repaso por este Parlamento. Nos vinte anos da presencia miña anterior nesta cámara, que inclúen os tres lustros da chamada ‘era fraguiana’, nunca vira eu nen padecéramos os deputados da oposición un tan descarado sometemento deste Parlamento e dos seus órganos reitores aos arbitrarios dictados da Xunta e do Partido Popular. O Parlamento fai o que a Xunta quere e como a Xunta queira -ás veces con episodios grotescos coma o do recente debate da lei de teito (ou ‘testo’) orzamentario. No ano que levamos de lexislatura, nunca foi aceptada ningunha petición de comparecencia de ningún conselleiro ou conselleira formulada pola oposición: comparecen cando lles peta, e por riba acumulando as peticións da oposición pendentes, para inutilizalas. Tampouco o Presidente da Xunta, agás nunha soa ocasión en todo o ano: xa pode afundirse un sector ou empresa estratéxicos da nosa economía, espoliárennos e desapareceren as caixas de aforros, dispararse o desemprego a cifras exorbitantes, contárense por milleiros os cidadáns estafados polas preferentes ou botados das suas vivendas ao ‘vintimperio’, descubrirse públicamente a corrupción e finanzamento ilegal do PPg ou as suas inespricadas amizades perigosas con narcotraficantes, acontecer a catástrofe ferroviaria de Angrois, etcétera etcétera: nada. O señor Núñez, impávido, ‘non sabe, non contesta’. Por riba, cando ineludíbelmente ten que someterse ás preguntas da oposición, non só non dá resposta a ningunha, non só minte e contradícese cada vez -‘píllase antes a un mintirán cá un coxo’- senón que se erixe il en inquisidor dos parlamentarios que lle fan as preguntas -sen que a presidéncia da cámara o chame ningunha vez ‘á cuestión’, xa non digo ‘á orde’. Mais, nun inaudito exercizo de cínica soberbia, reclamámanos a nós ‘respeito ás institucións’. Vale.

Este Parlamento está convirtido nunha oficina de trámite, onde as iniciativas que chegan do governo para seren debatidas, saen práticamente tal como entraran. E cando son da oposición, rexéitanse práticamente todas, tanto en pleno coma en comisión -e xa se contan por centos. Vostedes, na prática, néganlles a representación nesta cámara a tódolos cidadáns que non os votaron a vostedes: para vostedes non existen como votantes, portanto non son cidadáns. Mais, simultáneamente, vostedes predican o ‘consenso’ -enténdase ben: o consenso consiste pra vostedes en que os demáis digamos ‘amén’ ao que vostedes propoñen e impoñen. Mesmamente como os contratos de suministro elétrico, por caso. E se non pasamos polo aro, daquela somos ‘os do non’. Claro está que, perante estes aldraxes aos dereitos dos nosos representados, algúns indignámonos e revirámonos. Daquela aplícasenos un rexime disciplinario proprio dunha institución penitenciaria: se nos arrepoñemos, castígasenos de diversas maneiras. Impónsenos o vocabulario que vostedes escollen e que nos proibe utilizar adxetivos que figuran como tais nos dicionarios, porque vostedes deciden que faltan ao respeito ou á hipócrita ‘boa educación’ nacionalcatólica rediviva da que me eu librei cando era neno, grazas ao meu represaliado mestre Pereira, e que Wert e máis vostedes queren volver impór, hastra con labazadas se non falamos ‘la lengua del imperio’ nen comulgamos (con rodas de muíño). Chámasenos á orde mentras os seus faltan á orde impunemente. Bótasenos do pleno: mesmo cando unha deputada nosa é insultada na sua condición feminina por un dos seus machistas, e arreponse, a Presidente, que é muller, expulsa á agredida no canto do agresor. E logo está o réxime carcerario das visitas, que eiquí son os cidadáns convidados ás sesións polo grupos parlamentares da oposición. É sabido que nos cárceres, se o preso ou o seu visitante non se portan ‘ben’, suprímenselle ao preso as visitas. Eiquí, primeiro, tentouse convirtirnos aos deputados en policías dos visitantes, mais, como non aceitamos, castígasenos non podéndomos convidar a ningún cidadán, mesmo durante un período enteiro de sesións se somos ‘reincidentes’. E análogo rexime disciplinario téntaselles aplicar nesta Cámara aos traballadores, como no caso das traballadoras da limpeza, maltratadas pola empresa privada coa que o Parlamento contratou (externalizou) ese servizo.

Poderán pensar os cidadáns que me escoiten que estou a falar de cousas internas desta casa que a iles non lles interesan. Iso é o que vostedes pretenden, que pensen os cidadáns que o que ocurra dentro desta cámara é ‘cousa dos políticos’, que ademáis somos ‘todos iguais’, e que ao cabo o parlamento non val pra nada. É a maneira de criar as condicións axeitadas para poder convirtir un rexime formalmente democrático nunha tiranía. Por iso quero alertar aos cidadáns, inda a risco de que moitos non me comprendan: na polìtica compre facer unha honesta pedagoxía tamén -que tildarán de ‘demagoxia’ vostedes, os auténticos demagogos, claro. Por moi inútel que poda considerarse, eu nunca renunciarei a tentar facelo.

Isto polo que respeita á institución sobranceira de todo rexime democrático: a cámara de representantes dos cidadáns. Mais está logo o eido fundamental que é a ‘sociedade civil’, ou sociedade sen máis, a enorme agra aberta onde as xentes viven, traballan (se as deixan), sofren e disfroitan. As xentes do común que nos outorgan o seu voto para que resolvamos os seus problemas, vostedes no governo e nós na oposición. En condicións normais, deberamos todos asumir que uns e outros representamos concepcións e intereses diferentes e mesmo contrapostos de diferentes e mesmo contrapostos segmentos da cidadanía -niso consiste a dialética democrática. Mais duas cousas deberan estar claras. A primeira, que a razón e o coñecemento están repartidos entre uns e outros: non están só dunha banda e inexistentes da outra. A segunda, que a vostedes correspóndelles governar, e pola mesma adxudicárense os éxitos se acertan, mais tamén apandar cos fracasos se erran. Pois non é así. Seica vostedes son ‘sábelotodo’ e nós ‘sábelonada’. E seica, se a realidade social é un fiasco e unha traxedia, vostedes non teñen responsabilidade nigunha, porque todo é culpa dos que governaron antes -a famosa ‘herdanza’- esquencendo a mantenta que antes tamén governaron vostedes, non só na lexislatura pasada, senón durante vintesete dos trinta e dous anos que levamos de autonomía. Vostedes son especialistas en estaren no governo e na oposición simultánemanente. No governo, para teren o poder e faceren o que lles pete con il. E na oposición para acusaren dende o governo á nós, a oposición, de todo canto mal padecen os cidadáns. Mais a realidade é a inversa. Vostedes son os responsábeis dos resultados da acción de governo realizada durante as seis sétimas partes do tempo que levamos de ‘autogoverno’. E os resultados están á vista, e os cidadáns son os ‘paganos’ do fiasco.

Denunciara eu eiqui, cando da sua investidura, o espólio que están a padecer o noso país e o noso povo nos diversos eidos da sua realidade. Non teño tempo para facer unha relación dos agravios –que sería tan longa como a famosa lista de mulleres violadas por don Giovanni. Só algunhas mostras moi actuais. No espolio enerxético. Hoxe remata o prazo para recurrir o RDecreto 9/2013, devastador para o noso sector eólico, no que fomos vangarda até que chegaron vostedes: foi recurrido por diversas Autonomías, mais por vostedes, que eu saiba, non. Pero danlle 700 millóns de euros a Gasnatural-Fenosa para un suposto Plan Inversor que constitue una estafa monumental –como o foran o MEGA e a electrificación rural. No exterminio do campesinado. Con vostedes na Xunta pecharon 4.500 explotacións agrarias máis, mentras Galiza gasta cada ano 900 millóns de euros en importar alimentos que se podían producir eiqui. E Alimentos Lácteos é un fracaso ruinoso de vostedes por poñeren ao frente a dous incompetentes tenentes de alcalde seus. No exterminio das clases traballadoras asalariadas. Xa son perto de 300.000 os desempregados, e case 125.000 sen recibiren prestación ninguna. Empresas sen problemas nas suas vendas están paradas e cos traballadores despedidos, como T-solar ou Alfageme. Ao sector do automóvel déronlle 45 millóns en axudas, pero despide ou suspende contratos a centos de traballadores e deslocaliza auxiliares. Empresas que acuden a concursos públicos con temerarias ofertas á baixa, logo despiden ou ‘escravizan’ aos traballadores, e con cartos públicos. No torpedeo do ensino público en tódolos níveis e o roubo á mocidade do seu futuro. En catro anos, 500 millóns menos prao ensino público, pero 1.000 millóns para o privado-concertado, incluídos o centros que segregan por sexos. A mitade dos titulados universitarios fóronse para fóra de Galiza nos últimos anos, e só no ano 2012 abandonaron o noso país 2.100 mozos e mozas de entre 20 e 34 anos cada mes. Desmantelan o ensino na Galiza rural pechando aulas e colexios, o decreto de comedores malla nas familias ‘mileuristas’. No asedio por fame ao mundo da cultura, ningún sector nen colectivo están a salvo, mentres dilapidan 9 millóns de euros ao ano no mausoleo fraguiano do Gaiás –será tamén ésa unha ‘herdanza’ do ‘bipartito’?. No ataque racista e clasista ao noso idioma, trátano pior cá un idioma estranxeiro, e recrudecen o vello complexo diglósico de que o galego só val para falar coas vacas. Co patrimonio cultural, a Xunta actúa ao servizo de grandes empresas ás que o noso patrimonio impórtalles un nabo, só os seus lucros. Pero iso non é un auténtico etnocidio?. Na demolición da sanidade pública. A sinistra historia do Novo Hospital de Vigo, é un atraco aos cidadáns: vai custar catro ou cinco veces máis do previsto, en cartos entregados ás empresas encargadas dese hospital, que logo nolos cobrarán de novo ás arcas públicas. Van privatizar/mercantilizar os servizos de Alta Teconoloxía do SERGAS cun custe de case 100 millóns praos cartos públicos. As xubilizacións forzosas só se repoñen unha de cada dez, pero teñen vostedes o coallo de tramitar una Lei de Garantías Sanitarias que é todo o contrario diso. E logo o ‘ecocidio’: incendios como se estivésemos en guerra baixo bombardeos, contaminación do aire, os ríos e as rías que levan vostedes 30 anos sen atallar, ‘barra libre’ aos destrutores das costas, carencia de ordenación territorial. Coido que abonda para convirtilos a vostedes en reos de crimes contra o benestar, a cultura, os recursos e o patrimonio natural dos cidadáns galegos.

Perante esta dramática e desesperante situación, da que vostedes son os primordiais responsábeis e culpábeis no espazo político galego, engadida á corrupción e descomposición moral do seu partido, da ‘caste polìtica’ que constituen, e das institucións todas do actual rexime, incluída a casa real e a xerarquía eclesiástica, a maioría social deste país, o mesmo que a de todo o Estado, xa non cré en vostedes, nen nos seus governos, nen noas suas maiorías parlamentares -e as consultas de opinión póñeno en evidencia con porcentaxes que, en rigor, deslexitimanos por completo a vostedes: conservan legalmente a maioría nas Cortes e nesta cámara, porque llela deron os votos no seu momento, mais están deslexitimados porque enganaron, trucaron o mandato eleitoral, están a facer o contrario do que prometeron, e se houbese agora eleicións vostedes e Rajoy saben perfeitamente que as perderían. Fagan a proba, ousen convocalas.

Mais o estado de ánimo e a actitude dos diversos sectores cidadáns é diversa, primordialmente de dous tipos: os que se sinten impotentes, desesperan e se resignan, e os que se arrepoñen, autoorganízanse e combaten fronte a tanta barbarie no poder. Os primeiros veñen ser cidadáns pasivos, non a vontade, senón por falla de espranza e alento. Os segundos son os activos, os que con todo coraxe exercen como cidadáns libres, por moi improbábel que consideren vencer e por moitas batallas cívicas que perdan. Deses está a vir a maré de rebelión cívica que acabará co poder ignaro e autocrático de vostedes. A eses queremos nós reiterarlles o noso solidario apoio, o noso compromiso de combate democrático con iles dentro e fóra desta cámara. E aos demáis chamalos a unírense aos que combaten a ruindade do poder actual. E a todos asegurarlles que hai espranza, porque hai alternativa á actual barbarie. Pondal escribira aquilo de que “a lus virá para a caduca Iberia dos fillos de Breogán”. Non aspiramos a tanto porque non somos pretenciosos senón humildes, inda que sempre o nacionalismo e a esquerda galegos foron un faro de Fisterra alumeando cara terra adentro e non só ao oceano. Dende a rebelión agrarista ao sindicalismo anarquista, dende Rosalía a Manuel-Antonio e Ferrin, dende as Irmandades da Fala ao Partido Galeguista de Bóveda e Castelao. Mais estamos certos de que os cidadáns sempre acaban por derrotar aos tiranos de calquer caste, e que a cidadanía galega mobilizada e ben artellada será o motor dunha creba democrática co apodrecido rexime actual, non só no recinto polìtico galego, senón, solidariamente cos demáis povos, no ámbito peninsuar que Espríu denominara poéticamente la pell de brau, a pel de touro -do touro de caste rubia galega, neste caso.

É a hora da cidadanía exercente como tal. É a hora da soberanía popular no sentido proprio da palabra. É a hora da reconquista dos dereitos e liberdades cívicas e políticas efectivas. É a hora de asumirmos os principios e a práctica dos valores republicáns. É a hora da rebelión cívica como motor da nosa emancipación. É a hora dunha creba democrática con este rexíme putrefacto. Como cantaba a mocedade do meu tempo fronte ao franquismo con franco, venceremos nós.

Intervención de Xosé Manuel Beiras
15 outubro de 2013