• 1

Con motivo do Día Internacional das Mulleres, desde Anova Irmandade Nacionalista reivindicamos que este é un día tanto de celebración polas as conquistas acadadas como de loita ante as moitas discriminacións que aínda nos atacan, e debemos de superar.

As mulleres e os homes que compoñemos Anova Irmandade Nacionalista alzamos a voz para pedir unha sociedade máis xusta e equitativa con dereitos reais e integrais para as mulleres, como cidadás de pleno dereito.

Levamos moito tempo a oír que estamos en crise, tratando de xustificarnos un retroceso e unha precarización sen precedentes dos dereitos civís e laborais da cidadanía Pero somos as mulleres as que vivimos nunha situación de crise permanente e estructural que pon sobre a mesa a insostibilidade do propio sistema.

As medidas neoliberais impulsadas polos actuais gobernos, tanto de Madrid como da Xunta de Galicia agravaron máis a situación de discriminación crónica que sufrimos, vulnerando o dereito á igualdade entre mulleres e homes desde as estructuras socioeconómicas patriarcais do noso sistema, e desde aquí queremos denunciar que son estas brutais medidas de axuste as que están a obrigarnos ás mulleres a pagar un prezo demasiado alto por crise que non provocamos.

Somos nós as que lle poñemos cara ao traballo nin remunerado nin valorado, non contemplado nos cómputos económicos; como é o coidado de persoas maiores, menores e dependentes. A última reforma laboral aprobada violenta sen tregua ao conxunto da cidadanía, pero en grao máximo ás mulleres. Abarata o despedimento, aumenta a precariedade cunha maior temporalidade e subemprego; dificulta o exercicio do dereito a conciliación persoal, famliliar e laboral Tamén endurece os requisitos para o acceso ás pensións, e agranda a brecha entre as pensións que perciben as mulleres e as dos homes Tamén no sector público os recortes afectan máis ás mulleres que aos homes, xa que ocupa porcentualmente a máis mulleres que homes. A non renovación das prazas de emprego público e a eliminación das subvencións están provocando a precarización das unidades de igualdade.

E como colofón, e sen a desculpa da crise, o PP ensina a súa verdadeira cara, reformando a lei do aborto para impedir que as mulleres decidamos, sen ningunha tutelaxe sobre o seu propio corpo, a idoneidade de non levar a termo o noso propio embarazo.

Fronte a todo isto, é imprescindible abordar a crise que vimos padecendo dándolle unha perspectiva feminista, para impedir que o gran peso que recae sobre as mulleres aumente e perdure a nosa inxusta posición na sociedade. Por isto desde Anova Irmandade Nacionalista compartillamos e propoñemos:

  • Que é imposible conciliar avances sociais co mantemento dunha aposta económica neoliberal. Defendemos una revisión do concepto de economía, no que o benestar de todas as persoas non esté supeditado ao funcionamento do mercado.
  • É preciso refacer desde a perspectiva de xénero o que están a supoñer os decretos e reformas aprobadas coa escusa da austeridade, para propoñer alternativas de superación desde esta mesma perspectiva; apostando por un novo acordo entre homes e mulleres que nos permita compartir o emprego, o coidado, o poder e a toma de decisións.
  • Reivindicamos un novo contrato social, afastado dos parámetros divididos entre público-privado e productivo-improductivo. Priorizando a corresponsabilidade, no senso amplo do termo, desde a perspectiva de que o dereito ao coidado é un asunto de todas as persoas, homes e mulleres, Apostando polo impulso das unidades de igualdade, dotándoas de ferramentas técnicas, económicas e lexislativas maiores.

Dende Anova Irmandade nacionalista afirmamos que só conseguiremos unha sociedade equitativa e unha Galiza democrática cando haxa un cese dos recortes sociais, sanitarios, educativos e laborais, cese radical tanto na violencia económica como na negación dos dereitos civís e políticos básicos das mulleres. Reivindicamos unha Galiza onde as mulleres sexamos suxeitos activos con condicións de vida dignas.

Porque neste 8 de Marzo hai moito polo que loitar. Desde Anova Irmandade Nacionalista facemos un chamamento a toda a cidadanía para que se mobilice contra calquera clase de violencia contra as mulleres, por una Galiza onde a igualdade de oportunidades e dereitos sexa una realidade, unha Galiza na que as mulleres sexamos suxeitos de propio dereito. Donas do noso presente e futuro. Un chamamento amplo ao conxunto da cidadanía para que participe activamente nos diferentes actos e manifestacións convocadas polo movemento feminista que este 8M terán lugar nos nosos pobos e cidades.

Cartaz
O cartaz é froito dun concurso aberto entre a militancia, que gañou Alfonso Diz.