• 1

Desde a área de Acción Feminista de Anova queremos aproveitar a celebración do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para amosar a nosa repulsa contra esta lacra que afecta á sociedade e repercute directamente nas vidas das mulleres.
Os reiterados recortes de dereitos: dereito á saúde, dereito a un traballo digno, dereito á vivenda, dereito de folga e manifestación, dereito a decidir sobre o noso corpo, afectan en maior medida ás mulleres, que unha vez máis son o sector máis desprotexido e que máis acusa a pobreza desta crise sistémica.

Queremos que a sociedade entenda, que violencia contra as mulleres non é só a obvia, a identificable por todos e todas e constitúe a última e máis dolorosa mostra que é a agresión física e psicolóxica. A violencia máis difícil de identificar e polo tanto de combatir é a estrutural, a que fai parte do sistema e está interiorizada na vida da xente do común como situacións ou costumes cotiás.
Violencia é que unha muller cobre menos que un home por un traballo semellante ou tradicionalmente "feminizado". Violencia son as discriminacións constantes que impregnan as nosas vidas e que proceden de diferentes ámbitos coma a igrexa, a moda, os medios de comunicación, o ensino, a linguaxe sexista, etc.
É obriga dun goberno garantir a non discriminación de ningún colectivo e a igualdade de dereitos e oportunidades e é precisamente a propia administración do PP a que lexisla contra as mulleres, contra o dereito a decidir sobre o seu propio corpo, retrocedendo en políticas encamiñadas á consecución da igualdade decenios de anos. Neste momento estamos involucionando gravemente en materia feminista.
Por todo o exposto, esiximos aos gobernos que nos administran, que establezan medidas en todos os ámbitos, para corrixir esta situación de desiguladade que arrastramos as mulleres desde hai séculos.
Desde Acción Feminista de Anova, queremos facer un chamado ás persoas que se declaran de esquerda, que ondean a bandeira da causa feminista un día ao ano e o resto dos días ignoran as causas e loitas da muller, para que se impliquen na loita pola igualdade de dereitos e oportunidades e na loita pola eliminación da violenvia machista.
Instamos pois ás mulleres e homes de esquerda a loitar a diario contra o machismo e as súas consecuencias, por iso animamos a todas as persoas implicadas na sociedade a sumarse ás diferentes concentracións e manifestacións que se farán ao longo do país con motivo do 25N.