• 1

As mulleres de Anova demandamos un modelo de educación afectivo sexual baseado na información e a liberdade de decidir sobre o propio corpo. A maternidade é un dereito, unha escolla libre, e non unha imposición.

O anteproxecto de lei reguladora do aborto no Estado Español, aprobado o venres, 20 de decembro, coa denominación Lei Orgánica de Protección da Vida do Concibido e os Dereitos da Muller Embarazada, recorta gravemente os dereitos das mulleres a decidir sobre o propio corpo, que ata agora podían abortar libremente até a 14ª semana. As mulleres fican con menos dereitos que o "nasciturus" e os motivos para abortar legalmente redúcense á violación, risco para a saúde física ou psíquica da nai (até a semana 22) e elimínanse as anomalías fetais como tal.

A nova lei do aborto trata ás mulleres coma persoas sen capacidade para decidir, deixando a decisión sobre o embarazo en mans de profesionais sanitarias e xurídicas.

 

 

Cando unha muller decide abortar, acolléndose ao suposto de "grave perigo para a vida ou a saúde da muller" que contempla a lei, debe pasar por obter "un informe previo emitido por dous médicos alleos ao centro onde se realizará o aborto que acredite os perigos que afecten á muller". E, posteriormente, "a muller dará o consentimento expreso no prazo de sete días tras recibir información e asesoramento", a xeito de período de reflexión. Ao drama que pode supor o aborto, súmase un galimatías administrativo.

A nova lei do aborto é contraria aos Dereitos Humanos, que inclúen os dereitos sexuais e reprodutivos. Afástase así o Estado Español da lexislación dos países máis avanzados en materia de interrupción voluntaria do embarazo, con leis de prazos.

A nova lei do aborto condena ás mulleres a abortar na clandestinidade. Quen teña cartos, no estranxeiro; quen non os teña, en clínicas clandestinas sen garantías sanitarias.

A nova lei do aborto desprotexe ás menores entre 16 e 18 anos con embarazos non desexados, menores que poden legalmente ter relacións sexuais pero non decidir sobre os seus corpos, tendo que contar obrigatoriamente co consentimento materno/paterno ou de titoras legais.

A nova lei do aborto é unha crueldade: a lei elimina o suposto de malformación grave fetal ao mesmo tempo que arrasa co investimento en políticas relacionadas coa dependencia.

A nova lei do aborto trata como delincuentes ás mulleres que desexen abortar e ás e aos profesionais médicos que quixeran optar por practicar abortos.

A nova lei do aborto é inútil: as normativas restritivas non reducen o número de abortos; seguirán a practicarse na clandestinidade. A taxa de abortos é menor nos estados con leis máis permisivas e maior información afectivo sexual, prohibir o aborto só aumenta o número de mortes de mulleres [vid Estudo de The Lancet en El País: http://sociedad.elpais.com/sociedad/2012/01/19/vidayartes/1327003646_734052.html, de Gilda Sedgh]

É infame amparar a reforma da lei do aborto en compromisos electorais: é case a única promesa electoral que está a cumprir o PP, coa maioría social en contra. O PP paga a peaxe do apoio recibido polas xerarquías católicas e pola ultradereita, que no Estado Español non ten apenas expresión electoral fóra do PP. Ademais, o PP aproveita a polarización social que provoca un tema como o aborto – que non necesariamente decanta a sociedade en "dereita" e "esquerda" - para sacar do debate público a grave regresión social que se está a producir coas políticas ao servizo da troika.

En Galiza, a lei do goberno central complementa o apoio do goberno de Feijóo ás asociacións anti-abortistas, como a Red Madre, que asumiu a función de asesoramento a mulleres preñadas, mentras se recorta en Centros de Información á Muller e en programas de orientación afectivo-sexual [vid Lei pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, Artigo 6.3. - DOG 23/xuño/2010].

As mulleres de Anova demandamos un modelo de educación afectivo sexual baseado na información e a liberdade de decidir sobre o propio corpo. A maternidade é un dereito, unha escolla libre, e non unha imposición. O mesmo goberno que precariza a condición das nais cos recortes en materia de servizos sociais é quen obriga ás mulleres a continuar cos embarazos non desexados. Para favorecer a maternidade hai que investir en servizos sociais públicos, incluídos centros de educación infantil de 0-3 anos, un dereito fundamental non cuberto.

Anova seguirá a participar e apoiar á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, necesaria máis cá nunca. Así mesmo, Anova sumouse ao Pacto entre Mulleres polos dereitos sexuais e reprodutivos.

Educación afectivo-sexual para non abortar, aborto legal e gratuíto na Sanidade Pública para non morrer.

As mulleres debemos ter plena liberdade e autonomía para decidir sobre os nosos corpos, somos soberanas: nin o Estado, nin as normas morais nin relixiosas poden mandar en nós.

Galiza, decembro de 2013.