• 1

As mulleres somos suxeitos de pleno dereito, non somos persoas menores de idade ás que se lles teña que titorizar.

 

Somos nós as que debemos decidir como, cando, porqué e con quen queremos ser nais e ningún Estado ou Goberno debe obrigar a ningunha de nós a selo como tampouco debe criminalizar a ninguén por abortar.

Vivimos nunha época de crise global na que os partidos e a súa capacidade de responder ás aspiracións da xente están a ser moi cuestionados. Estamos intentando que estas debilidades teñan o potencial de tornárense en forza para construír un modelo diferente de organización política que nos permita conservar a olla nos obxectivo, xerar unha dinámica onde a organización non se active soamente en campaña electoral senón que estea ó servizo das persoas todo o tempo.

A dialéctica patriarcal é unha das bases do sistema actual que debemos combater porque é opresiva, e supedita ás persoas a xerarquías de xénero e á relación de subordinación. O feminismo é un dos movementos sociais que conseguiu máis dereitos para humanidade: o divorcio, o sufraxio universal, o acceso á educación, etc... Todos eles conseguidos co esforzo de desmontar e desentrañar con precisión cales son os alicerces sobre os que se substentan os mecanismos de poder na relixión, na familia, no Estado, no sistema de produción, na identidade sexual....

Semellaba que os dereitos conquistados eran intocables, pois non! O capitalismo e o patriarcado aproveitan a crise económica do sistema neoliberal de mercados para impoñer as súas normas e a súa moral. A Lei do Aborto non é arbitrariamente elevada aos primeiros planos do debate político xa que máis alá das reformas do PP xustificadas en razoamentos coxunturais de crise, a liberdade das mulleres é vendida como moeda de cambio para satisfacer á parte máis reaccionaria do seu electorado.

O nome da Lei non é casual, "Lei de Protección da Vida do Concebido e dos Dereitos da Muller Embarazada". A muller soamente é persoa en tanto que cumpra co seu papel de reprodutora. Os mercados capitalistas precisan devolvernos aos fogares ou en todo caso, manternos ás mulleres excluídas do emprego formal (declarado, con dereitos, non sumerxido). Precisan ancorar a modelo tradicional de familia onde o home é o gañador de ingresos e a muller a que sostén a organización socio­económica. O capital necesita os traballos non remunerados, tradicionalmente femininos, para garantir a reprodución cotiá da forza de traballo. Gallardón chegou a xustificar a súa lei apelando a que a suba de nacementos empuxaría a economía do Estado.

As mulleres sabemos o que supón estar doble ou triplemente explotadas por iso somos conscientes de que cada reforma laboral, da lei de dependencia, da sanidade pública, en servicios sociais... supón un ataque frontal contra a igualdade xa que afondan na estructura lóxica dominante do sistema económico e o reparto da responsabilidade social no mantemento da vida. Nesta ilusión de que na igualdade de sexos xa está todo feito, temos que denunciar que aínda persisten forzas reaccionarias que promoven a permanencia das mulleres no fogar, ou directamente a volta ao fogar.

A mesma xente que di defender a vida do concebido, non dubida en aceptar o aborto se é froito da violación (acaso ten o feto a culpa?, defendendendo a moral casposa de familia heteroparental e na decencia da muller) e rebaixan a protección do concebido nas condicións do risco laboral no primeiro embarazo.

Quérennos submisas, e tratan de convencernos dende que nacemos de que estamos especialmente capacitadas para a tenrura e os coidados, a LOMCE por exemplo contribúe a implantar un sistema educativo clasista e misóxino. O desmantelamento das oficinas de igualdade, o peche dos Centros de Planeamento Familiar, as subvencións a Red Madre, os recortes na sanidade pública, os ataques frontais ós dereitos das parellas homosexuais ou ás familias homoparentais ou monoparentais, o atentado contra os dereitos sexuais e reprodutivos,... todas elas agresións que afectan directamente ás mulleres e outros colectivos minoritarios producidas de algún xeito pola presión da Igrexa Católica e sectores máis duros da dereita española que están tras o obxectivo do sistema patriarcal e capitalista de acumulación de riqueza a través da explotación.

Este 8 de marzo as mulleres de Anova queremos berrar, en nome de todas e cada unha das mulleres deste país, que somos donas dos nosos corpos e das nosas vidas, e por suposto das nosas decisións. Loitamos por unha sociedade máis xusta onde se garantan os dereitos de todas as persoas. Propomos a inclusión da igualdade de xénero no currículum escolar, a resistencia ao desmantelamento dos servizos públicos, do sistema de pensións e de toda a protección social; que cesen as privatizacións e volvan os servicios básicos a formar parte do Estado, que prevaleza a sostibilidade da vida e das persoas fronte aos intereses macroeconómicos, que se fomente a economía sustentable e a soberanía alimentaria.

As mulleres somos suxeitos de pleno dereito, non somos menores de idade ás que se lles teña que titorizar. Somos nós as que debemos decidir como, cando, porqué e con quen queremos ser nais e ningún Estado ou Goberno debe obrigar a ningunha de nós a selo como tampouco debe criminalizar a ninguén por abortar. O aborto é un dereito que se debe exercer libremente sen coaccións, ten que seguir sendo accesible a todas e cada unha das mulleres deste país que decida declinarse por non continuar un embarazo e por eso ten que estar na sanidade pública de forma gratuita. As mulleres que abortamos estamos tomando unha decisión persoal, non cometemos crime algún. Somos mulleres, non somos incubadoras!

Anticonceptivos para non abortar, aborto libre para non morrer.

Redacción: Grupo de Traballo Acción Feminista

Anova apoia a manifestación nacional polo dereito ao aborto deste domingo, 9 de marzo.