• 1

O Grupo de Acción Feminista de Anova, perante a inacción da Universidade de Vigo diante das actitudes ameazantes, manifestacións de abuso de poder, coaccións e comportamentos misóxinos por parte dun empregado público da comunidade universitaria, decidiu facer pública unha carta de denuncia e solicitude de explicacións e acción ao Reitor da mesma.

A nosa organización ten constancia da realización de ameazas, manifestacións de abuso de poder, coaccións e actitudes misóxinas por parte de Sergio Pajares Domínguez, Xefe de Sección do Servizo de Contratación Económica da Universidade que vostede xestiona.

Somos coñecedoras das múltiples denuncias que se teñen realizado por diferentes colectivos de persoas afectadas por esas actuacións, quer diante de vostede, quer diante doutros organismos universitarios (Unidade de Igualdade, Comisión de Intervención e Resolución de Conflitos, Tribunal de Garantías), denuncias que non tiveron efecto ningún.

Ante a inacción por parte da Universidade de Vigo e a reiteración na actitude deste empregado da mesma, só nos queda o camiño de exporlle publicamente o seguinte:

1º Que non entendemos a inhibición desta reitoría ante as continuadas denuncias de feitos tan graves dentro do ámbito universitario.

2º Que un xefe de sección de contratación económica con condutas misóxinas, e que realiza ameazas, coaccións e exerce abuso de poder, non garante os dereitos laborais das persoas que precisen acceder a ese servizo de contratación da universidade, e, no caso das mulleres, mesmo os dereitos humanos se ven en perigo constante de ser vulnerados.

3º Que nun momento tan delicado, onde as universidades públicas están sendo ameazadas por procesos de privatización moi agresivos, estas condutas dividen á comunidade universitaria, debilítana e fana máis vulnerábel a estes ataques neoliberais.

Polo que solicitamos:

1º O cese inmediato dese responsábel e a consecuente apertura de expediente disciplinario.

2º Mentres non se resolva a instrución deste expediente disciplinario, a retirada cautelar da súa participación no foro da Universidade, mecanismo que este xefe de sección de contratación utiliza especialmente para as súas ameazas, coaccións, abuso de poder e condutas misóxinas.

Para Acción Feminista de ANOVA-IN a conquista definitiva da igualdade entre os seres humanos pasa polo rexeitamento público deste tipo de comportamentos, en cuxa condea ademais debe coincidir toda a nosa afiliación.

Galiza, 2 de febreiro de 2015
Asinado.- Grupo de Acción Feminista de Anova-IN