• 1

Ao abeiro da constitución do goberno de Grecia abriuse un debate público sobre o feito de que ese novo goberno, que se identifica co principio de cambio en Europa, non conta con ningunha ministra. O Grupo de Acción Feminista de Anova quere facer publicas as súas reflexións a respecto deste debate:

1º A democratización da vida pública foi truncada na Revolución Francesa ao negárselle o dereito ao voto ás mulleres. Asinase un novo contrato social onde as mulleres non estamos representadas nin temos dereito a decidir. Podemos falar dun déficit democrático e unha débeda contraída coa metade da humanidade que nos coloca nunha situación de profunda desigualdade para o exercicio dos dereitos políticos.

2º Levounos mais dun século ás mulleres construír un movemento social, o feminismo, para defender a nosa condición de persoas e cidadás con dereitos, tamén dereitos políticos.

3º Unha das batallas fundamentais libradas polo feminismo foi o dereito ao voto. Temos que lembrar que algúns respectados estados europeos concederon este dereito hai apenas catro décadas. É o caso de Suíza, en 1971, ou Grecia, en 1956. Este dereito tardou en ir acompañado polo dereito a ser electa.

4º Hai unha estreita relación entre a presenza activa de movementos feministas nun país e os niveis de presenza feminina nas súas institucións. A expulsión histórica das mulleres do ámbito do público está sendo enfrontada por unha loita feminista que avanza e retrocede en Europa ao longo do século XX, pero que se mostra indispensable para construír a democracia.

5º Só nesas claves, incorporación tardía de Grecia ao recoñecemento de dereitos políticos ás mulleres e debilidade do movemento feminista, podemos entender a preocupante ausencia de mulleres no goberno grego (ten só dúas viceministras), e a non menos preocupante presenza de mulleres no seu parlamento, só un 21 %. O proceso de despatriarcalización europeo, cos seus avances e os seus retrocesos, segue imparable. Proba diso é que até hai moi poucos anos, e grazas aos debates e propostas feministas sobre paridade nas institucións e partidos, un goberno só masculino representaba o natural, o cotián. Hoxe, as lentes violetas que o feminismo agasallou a unha parte importante da nosa sociedade permite colocar este tema dentro do debate da valoración do goberno de Tsipras, e polo tanto evidenciar que, a pesar da esperanza de mudanza que este goberno representa, e que está comezando a aplicar como así o demostran as súas primeiras medidas, está moi lonxe de representar un cambio radical, semellando ser pouco capaz para comezar a deconstrución en Grecia, dun dos piares fundamentais da desigualdade e a dominación que é o patriarcado.

Despatriarcalizar Galiza, despatriarcalizar Europa.

Adiante as mulleres dos pobos do sul!