• 1

As mulleres e os homes de Anova comprometémonos a ter no feminismo un dos nosos principios políticos que debera inspirar o noso discurso e a nosa acción. Isto é ir máis alá do que saírmos á rúa os días de conmemoración como o 8 de marzo ou o 25 de novembro, ou sacarmos un comunicado ou utilizarmos o feminino inclusivo...

De feito estamos construíndo ferramentas que nos axuden no proceso de despatriarcalización da sociedade, onde imos a carón das organizacións feministas, e no proceso tamén necesario de despatriarcalización da nosa organización: a aprobación do “Consello para a Pulsión feminista en Anova” é unha mostra da nosa vontade colectiva de camiñarmos nesa dirección. 

Agora, diante dun proceso electoral que esta organización vive como un elo máis do proceso de ruptura que dea paso aos necesarios procesos constituíntes, desde a Área de Acción Feminista queremos compartir coas compañeiras e compañeiros as seguintes reflexións e anhelos:

1ª Anova está participando na construción da unidade da esquerda que faga posible o cambio de réxime. Son moitas as cousas que está achegando a nosa organización neste proceso (nova cultura política, novas alianzas, estratexias de acumulación de forzas, nova praxe e novo discurso independentista...). Agora imos pedirlle a esta organización un esforzo colectivo por achegar a estes espazos de ruptura en construción todos aqueles ingredientes que fagan posible que estes procesos actúen como acelerantes do proceso de despatriarcalización da nosa sociedade. Nas mareas, nas asembleas cidadás, nas alianzas partidarias... a militancia de anova, ademais de condenar as actitudes machistas máis recoñecibles, debe comprometerse a favorecer e potenciar a participación e visibilización das mulleres nestes procesos, cuestionando tempos, espazos e xeitos que poñan barreiras a esta participación. O noso criterio debera ser que aqueles espazos de participación cidadá onde as mulleres non participen, deberan considerarse espazos con déficit democrático, polo tanto imposibilitados para transformar as institucións e abrir un novo ciclo histórico. Imos a por uns concellos constituíntes, as mulleres somos o 50 % da poboación. Traballar nese obxectivo é unha cuestión de democracia.

2ª Anova representa un novo xeito de estar e participar en política, debemos instruírnos colectivamente e practicar o activismo dos coidados. Por exemplo, o bo trato nas relacións entre as persoas das distintas correntes, o coidado coas demais persoas para que estas se sintan cómodas cando decidan expresar unha opinión e non teñan que ter medo a ser menosprezadas. Queremos que toda a xente que participe nesta andaina sinta que está arroupada e se produza, na medida do posible, un ambiente de cooperación e solidariedade. Todo isto sendo conscientes de que as actitudes tóxicas, estratexias destrutivas e os ataques ao proceso, se van dar, pero desde anova debemos coidar os espazos, os tempos e as necesidades das persoas que participan connosco, como o mellor antídoto ante estas actitudes e ataques. As mulleres vimos historicamente, como colectivo, desenvolvendo ese papel de coidadoras e mediadoras, que sostiveron a vida ata os nosos tempos. anova como organización debe esmerarse en coidar a vida deste proceso en marcha, consciente das dificultades para encaixar todas as pezas, onde se precisan prácticas de escoita, respecto e mediación.

3ª A participación cidadá vai construír nos próximos meses estratexias e programas para expulsar das institucións ás políticas do roubo e destrución do ben común. Para volver a ter futuro precisamos que estas institucións sentidas como as máis achegadas á cidadanía, se incorporen desde o mes de maio ao proceso de acumulación de forzas para a ruptura democrática.

Neste ámbito local é onde Anova vai atopar as mulleres máis activas: no movemento veciñal, nas AMPAS, na defensa do territorio... alí onde haxa que coidar da vida, quer dicir, onde haxa traballos de coidado das persoas e da natureza. Debemos, pois, nestes procesos de participación popular, construír concellos centrados na defensa e coidado da vida, que teñan logo a súa centralidade posta nas persoas e na natureza, nas súas necesidades de alimento, vivenda, saúde, afectos... De aí sairán as políticas de igualdade, conciliación, defensa do territorio e medios de subsistencia, de servizos públicos e unha nova cultura do espazo e do tempo que tanto precisamos.

Confiamos en que a organización que estamos a construír entre todas e todos vai ser capaz de asumir e de cumprir estes obxectivos.

Galiza, xaneiro de 2015