• 1

O Grupo de Acción Feminista de Anova ante a celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

O Día Internacional das Mulleres vaise celebrar no noso país tendo como fondo de pantalla un proceso de descomposición do actual réxime político e nun proceso de acumulación de forzas cara á ruptura deste sistema austericida. 

Como denuncia reiteradamente o movemento feminista, as mulleres, coa política de austericidio, perden o emprego ou se precarizan, engordan as bolsas de pobreza e ven como, co desmantelamento dos servizos públicos, diminúen os apoios sociais, a cobertura de dereitos e a seguranza que garantían. De por parte, as forzas máis reaccionarias soñan con impor o seu modelo social perverso: reformas educativas, control e adoutrinamento nos medios de comunicación, mesmo están en disposición de lles impor ás adolescentes a maternidade obrigatoria.

Antes de dous meses, as forzas rupturistas e os partidos do réxime enfrontarémonos nun proceso electoral municipal. Os esforzos por construír espazos de converxencia, de unidade para rematar coa impunidade e o roubo de recursos e de dereitos, arrincan moitas esperanzas e xeran ilusión. Mais as feministas de Anova sabemos que un verdadeiro cambio, a construción dunha verdadeira democracia, non se pode alcanzar de costas aos dereitos e á participación do 50% da poboación.

Cómpre pois formularmos a despatriarcalización destes procesos políticos onde os espazos de converxencia e unidade favorezan a participación e representación das mulleres e incorporen as reivindicacións e discurso feminista. Cómpre apoiarmos estes procesos para construírmos un novo poder municipal que sexa quen de arrincar o patriarcado da vida municipal e favorecer que desapareza das nosas cidades e vilas, que desapareza das nosos vidas, levando consigo a violencia machista, o sexismo e a discriminación.

 Anova achega a este proceso un "programa municipal para a despatriarcalización" que está á disposición de todas aquelas forzas políticas e iniciativas cidadás que o queiran utilizar como ferramenta para conseguirmos o cambio na vida municipal, primeiro pulso neste ano 2015 coas forzas do réxime austericida, para conseguirmos abrir procesos constituíntes despatriarcalizadores.

Nós, as mulleres e homes de Anova, xuntámonos ás mobilizacións que en todo o planeta, lideradas polo movemento feminista internacional, se van desenvolver ao redor desta data do 8 de marzo, día  de recoñecemento internacional da loita feminista, que persegue a igualdade e a xustiza social para as mulleres, as mozas e as nenas. No noso país, a convocatoria dunha manifestación única e unitaria en Compostela ten todo o noso apoio.

Vémonos en Compostela! Vémonos despatriarcalizando os concellos do país!