• 1

A IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres rematou o pasado sábado, 17 de outubro, cun acto multitudinario e diverso en Lisboa. Marga L. Barreiro, responsábel nacional de Acción Feminista de Anova, estivo aló.

A Marcha Mundial das Mulleres realizou a despedida da súa  IV acción internacional en Lisboa, logo de que a semana anterior a caravana pasase por Galiza. A Coordenadora Galega –da que Anova-Irmandade Nacionalista forma parte– estivo presente neste importante evento, no que participaron preto de 600 mulleres de diversas partes do mundo.

Segundo nos contaba Marga, "O lema desta acción: Os nosos corpos - Os nosos territorios, trataba de explicar a relación indisolúbel que existe entre a liberdade de dispor do noso corpo e de sermos donas dos nosos territorios". "Tratáronse múltiples temas. Por exemplo, durante o paso da Caravana polos distintos países fóronse xuntando unha serie de sementes autóctonas de cada país, nun acto simbólico, co fin de visibilizar o que se nos está a roubar nos nosos territorios, para facérense donos de todos os recursos do común, quitándonos o dereito de nos autoabaster e obrigándonos así a depender doutros lugares e doutras empresas que nos son alleas e que non controlamos. Falouse de soberanía alimentar e de moitas máis cuestións", continuou a que tamén é concelleira da Marea de Vigo.

Curiosamente nun acontecemento tan importante practicamente non había medios de comunicación. Como expresou unha compoñente da organización portuguesa: somos mulleres, non interesa. "Se, pola contra, o grande auditorio da Universidade Nova de Lisboa acollera algún evento no que houbese o mesmo número de homes, ou mesmo a terza parte, de tan diversas procedencias e culturas, tódolos medios de comunicación estarían alí presentes. Aínda queda moito por facer no eido do feminismo, da soberanía e da liberdade, máis as mulleres seguiremos na loita até que tod@s sexamos libres", concluíu Marga L. Barreiro.

  MÁIS INFO: MMM PORTUGAL / MMM GALIZA

Percorrido da caravana na Península