• 1

Dende o grupo de Acción Feminista de Anova-Irmandade Nacionalista queremos mostrar o noso apoio a Marcha Estatal contra a Violencia Machista que se desenvolverá mañá polas rúas de Madrid. Sumámonos así a convocatoria xunto con colectivos feministas, colectivos sociais, sindicatos e outras organizacións políticas ao longo de Estado.

Dende Anova animamos a toda a cidadanía a participar das convocatorias do feminismo galego, estatal e internacional para continuar así traballando na despatriarcalización da nosa sociedade e contribuír a  construción doutro modelo que remate coa violencia machista e a desigualdade.

Esiximos:

  • Que a loita contra o terrorismo machista debe ser cuestión de estado.
  • A reforma da Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para que aparezan reflectidas todas as formas de violencia contra as mulleres.
  • As organizacións, institucións e sociedade en xeral deben comprometerse na loita contra a violencia de xénero.
  • Que a loita e os recursos inclúan tanto a violencia que exerce a parella ou ex parella como as agresións sexuais , o acoso sexual no ámbito laboral, a trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas e todas as violencias machistas.
  • Que todas as instancias do goberno se comprometan realmente na prevención e erradicación da violencia machista, así como na asistencia e reparación de todas as mulleres en situación de violencia, independentemente da situación administrativa na que se encontren as mulleres.
  • Que se poña o acento na protección das afectadas, facilitando diferentes saídas que impliquen unha verdadeira recuperación vital, económica e social das afectadas así como das súas fillas e fillos.
  • Que a prevención sexa unha política prioritaria, que conteña un sistema coeducativo en tódolos ciclos, a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos, nos medios de comunicación, na produción cultural e na sociedade civil na loita contra a violencia machista.
  • Que os medios de comunicación se comprometan a facer un tratamento adecuado da violencia machista, dándolle visibilidade, evitando o sensacionalismo morboso no seu tratamento e utilizando unha linguaxe e unhas imaxes non sexistas.
  • A eliminación da custodia compartida imposta e o réxime de visitas @s menores por parte dos maltratadores condeados. A retirada e non cesión da patria potestade ós maltratadores.

#EuVou7N  #FóraMachismo  #QuerémonosVivas