• 1

COMUNICADO DE ACCIÓN FEMINISTA DE ANOVA SOBRE RESOLUCIÓN XUDICIAL DO XULGADO CONTENCIOSO ADMINISTRATIVO Nº 1 DE VIGO EN RELACIÓN ÁS MANIFESTACIÓNS SEXISTAS DUN FUNCIONARIO DA UNIVERSIDADE DE VIGO

Acción feminista de ANOVA quere manifestar o seu apoio ás compañeiras e aos compañeiros que denunciaron con valentía o grave comportamento sexista e discriminatorio dun funcionario da Universidade de Vigo.

Acción feminista de ANOVA entende que non é tarefa doada xulgar as condutas doutras persoas, sobre todo cando hai que aplicar principios básicos en materia de igualdade, eixe que ten producido significativas modificacións legais e cambios trascendentais no eido laboral e social.

A sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo nº 1 de Vigo (que considera deslexitimados aos denunciantes para solicitaren a apertura de expediente disciplinario contra un funcionario que infrinxe o articulado legal en clave de igualdade) reflicte as dificultades de conseguir que se consideren reprobábeis as mensaxes intencionadamente discriminatorias e aldraxantes dos homes contra as mulleres.

Acción feminista de ANOVA considera ademáis que queda claro na resolución xudicial que existe unha evidente controversia, de xeito que parece necesaria unha maior definición xurídica sobre as conductas empregadas durante anos por ese funcionario, sobre todo se temos en conta que varios organismos municipais, políticos, sindicais ou a propia Valedora do Pobo teñen manifestado publicamente a mágoa, vergoña e indignación que lle teñen provocado ler unhas mensaxes incuestionablemente vexatorias e discriminatorias para as mulleres.

Acción feminista de ANOVA considera que a crítica ás sentenzas de xuíces e tribunais é saudábel, mellora a condición democrática e permite un profundo labor de reflexión xudicial. Moito máis se estas decisións teñen que ver con cuestións centrais sobre a igualdade de xénero e moito máis se os comportamentos denunciados se producen en ámbitos públicos e co emprego de recursos públicos.

Acción feminista de ANOVA entende, pois, que, xa que a sentenza non é firme, e existen dúbidas xurídicas dabondo, deben ser as traballadoras e os traballadores denunciantes as/os que deben seguir loitando para poñer en valor a importancia xurídica do I Plan de Igualdade da Universidade de Vigo ou da Lei Orgánica de Igualdade 3/2007.

Sirva, xa que logo, esta manifestación pública de Acción feminista de ANOVA para solidarizarse con todas/os aquelas/es capaces de seguir presionando para que os poderes públicos deixen de ocupar o ESPAZO das leis.