• 1

Acción Feminista de Anova denuncia os recortes do Partido Popular, que pretenden vulnerar novamente o dereito a decidir das mulleres sobre o seu corpo.

Galiza, 25 de maio de 2016-. Durante os últimos meses, a Plataforma Galega polo Dereito ó Aborto vén denunciando os continuos recortes sobre os dereitos das mulleres. A partir do segundo trimestre do embarazo, no Estado español só se permite legalmente abortar se existen graves riscos para a vida da muller ou do feto. As mulleres que se atopen nesta situación non teñen garantida a asistencia necesaria –nin a dunha matrona nin a do persoal médico axeitado– en varios hospitais públicos galegos, como o da Coruña e Ferrol. Temos constancia de casos nos que as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño.

O director do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, Xosé Vidal e a psicóloga clínica, María Jesús Díaz, confirmaron que o que acontecía na Coruña, non era algo exclusivo deste hospital. Máis ben pola contra, esténdese a tódolos centros do Sergas, non cumprindo estes ningún dos protocolos internacionais.

A Xunta anunciou unha investigación perante o recoñecemento de que había eivas, pero negouse a mudar o protocolo e rexeita que os problemas se deban aos recortes ou á obxección de conciencia por parte dos profesionais. A alternativa que deu o Sergas para garantir unha asistencia médica completa e o acompañamento continuo da muller, foi trasladar os casos a unha clínica privada en Madrid, onde se garantía a asistencia axeitada e a cobertura de tódolos gastos. Pero vemos que xa nin isto é así.

Saen á luz novos recortes na prestación da asistencia, reducindo as axudas de desprazamento á metade. Ás mulleres obrigadas a acudir a clínicas de Madrid, aboaráselles dende este mes –a 12 céntimos o quilómetro– e se retiran as axudas para acompañante. Non se lles paga o hotel nin as dietas, ademais de ter eliminado o recurso de “Bono Cama” con Renfe. Todo isto exclúe da prestación as mulleres que non poidan adiantar os cartos.

Dende o Grupo Acción Feminista de Anova queremos amosar o noso rexeitamento ás medidas de recortes do Partido Popular, xustificadas só por cuestións ideolóxicas, que tralo fracaso da reforma de Gallardón pretenden vulnerar novamente o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo. Instamos ao Goberno da Xunta a que implante os protocolos axeitados para dar cobertura e asistencia ás mulleres que decidan exercer o seu dereito de interrupción do embarazo dentro do sistema galego e público de sanidade.