Anova súmase á declaración da institucionalización do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galiza no día de Defuntos, promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística
 
EN GALEGO, AGORA E SEMPRE

RESTAURAR A MEMORIA LINGÚÍSTICA 

Os lugares máis evidentes da desmemoria lingüística de Galicia son os cemiterios. Por incomprensible que poida parecer a “parroquia dos mortos” non fala a mesma lingua ca dos vivos. As lápidas dos camposantos galegos demostran a renuncia dos galegos ao seu idioma: prefiren lembrar aos seus defuntos nunha lingua que non falan no ámbito familiar. Esta actitude puido ter xustificación polo comportamento da Igrexa galega, mais hoxe non se pode admitir por máis tempo. No marco das liberdades lingüísticas establecido pola lexislación vixente nada impide o uso do noso idioma nos actos fúnebres.

Só unha minoría consciente exerce a galeguidade no ámbito da esfera individual e familiar. Os datos son elocuentes: só unha de cada mil lápidas está escrita en galego; e unicamente  un 2% das esquelas publicadas nos xornais está redactada no noso idioma.

Para explicar esta situación está a recorrencia á argallada de que “neses momentos tristes ninguén está para reparar nese problema”. Este razoamento non ten fundamento lóxico. Cómpre reaxir e mudar os hábitos de uso da lingua galega.

PODERES PÚBLICOS E OS MOVEMENTOS SOCIAIS

Os concellos como entidades máis próximas aos cidadáns teñen a obriga legal de removeren os atrancos para que o principio da cooficialidade lingüística sexa real e efectiva. A eles incúmbelles a tarefa de artellaren unha pedagoxía social que traslade á cidadanía a importancia da defensa dos nosos valores patrimoniais.

Os partidos políticos, os sindicatos, as asociacións de veciños e as entidades culturais deben ser promotores dos valores da igualdade, da liberdade, do pluralismo e da defensa da cultura propia de Galicia, polo que cómpre que asuman e coprotagonicen a normalización do uso do galego nun eido tan senlleiro como o que nos ocupa. Para iso nada mellor que divulgar entre os seus membros e afiliados esta declaración para que a leven a práctica.

EN GALEGO, AGORA E SEMPRE

A lingua galega é o signo máis preclaro da nosa identidade. Este debe permanecer vivo nos ámbitos onde mora a memoria colectiva, e os cemiterios son espazos de memoria. Pero de memoria distorsionada. Son espellos cóncavos ou convexos que deforman a visión do pasado.Restaurar a súa nidieza é unha necesidade urxente.

Ligazón ao vídeo en Galeguizar Galicia (pinchar para ver)