Xosé Neira Vilas faleceu esta mañá en Gres. Autor da novela máis vendida na historia da literatura galega, escritor fecundo e sobranceiro activista da  cultura,  cruzou o S.XX e os primeiros relanzos do S.XXI ofrecéndonos, ao seu paso, a crónica dunha parte fundamental da nosa historia recente:  a do mundo do agro e a emigración.

Como tantos outros,  en 1949 emigrou a América. Alí tomou contacto de primeira man co galeguismo e o nacionalismo. Ramón Valenzuela, Dieste, Suárez Picallo, Seoane ou Lorenzo Varela constituén figuras clave na súa evolución como intelectual. Crea as Mocedades Galeguistas, a editorial Follas Novas. Casa coa súa compañeira de vida, Anisia Miranda, e en 1961 marchan para Cuba.

Na illa, durante 30 anos, desenvolveu un labor inxente en prol da cultura galega. En 1992, de regreso a Galicia, instálase en Gres e dirixe xunta a Anisia a fundación que leva o seu nome.

Tradutor, poeta, xornalista, ensaísta e narrador, a súa orixe rural, a vivencia da emigración, en suma, o  seu periplo vital forma a materia indeleble dun labor prolífico que perdurará.

Neira Vilas é o corazón dun século. A súa lembranza e o seu desexo por facer, sen lugar a dúbidas, seguirán a arder en nós. A nosa memoria non o abandonará nunca.

Non esquecemos o teu compromiso coa Nación e cos pobres e os explotados do mundo, compañeiro.