O peor que poderiamos facer as persoas e organizacións comprometidas co dereito a existir na propia lingua sería responder aos discursos delirantes do Secretario Xeral do Partido Popular. En casos coma ese, cómpre non lle outorgar natureza comunicativa nin política ao orneo, senón deixar que o seu eco se escoite. Porque a xente común sabe distinguir perfectamente o orneo da palabra.

O Partido Popular leva décadas de políticas lingüísticas obsesionadas con reducir o galego a un minúsculo eco residual de tempos pasados. No mellor dos casos, a unha peza de contemplación cun lugar no museo dos tempos perdidos. Esa constante determinación, intensificada ata o delirio nos tempos do goberno de Núñez Feijóo, que felizmente para a maioría social están a chegar á súa fin, bate duramente contra nós, galegas e galegos, que dunha maneira máis ou menos activa, conforme as condicións de cadaquén, facemos uso da lingua galega. Esas políticas lingüísticas redutoras ocasionan erosión nos diferentes usos sociais do idioma, pero non son a única causa e ademais son reversibles. Trátase apenas de que un novo goberno galego asuma a responsabilidade de garantir o dereito a que cada falante poida desenvolver a súa vida en galego. Ao cabo, simplemente, un dereito común a todas as persoas do mundo. E os dereitos fundamentais non se discuten.

Agora, ás portas da celebración das Letras Galegas dedicadas a Manuel María, o Partido Popular volve axotar a pantasma ridícula da imposición. Pero a cidadanía coñece ben o verdadeiro significado do termo. Se algunha imposición lingüística existe en Galicia esa é a que teima por impedirnos facer uso do noso dereito fundamental como falantes. No traballo, na rúa, ao ver televisión, no cinema, na escola e nos ámbitos de socialización infantil, na Universidade, no acceso ás obras da literatura universal, na difusión da nosa propia literatura e das nosas artes, no trato coas administracións... Porque os idiomas non se impoñen mediante declaracións; impóñense condicións que reducen ou anulan o libre exercicio de dereitos. E contra tal imposición facemos, dentro das nosas posibilidades, radical desobediencia.

A festa das Letras Galegas é a data que eliximos para expresar nas rúas e en todos os espazos sociais compartidos desta nación e da nosa relación co resto das nacións do mundo a nosa común existencia organizada arredor dunha lingua que imos construíndo en común e demoradamente ao longo da historia. Con máis dificultades e atrancos do necesario moitas veces, pero sempre con toda alegría. Porque lingua e vida son a mesma palabra, como ben expresa a convocatoria da manifestación do 17 de maio convocada por Queremos Galego, que Anova apoia sen reservas.

A lingua galega é viva e viva seguirá, mal que lles pese aos que teiman en ornear toda clase de imposicións contra o dereito fundamental que nos asiste como falantes. Iso non quita que sexamos conscientes das dificultades, dos efectos perversos que nos seus usos sociais e na transmisión causan as políticas lingüísticas dos gobernos que padecemos, a nosa dependencia e as condicións materiais ás que o sistema e o réxime nos condenan ás clases subalternas. Por iso, a nosa determinación política de facer todo o posible para que muden as condicións impostas e os gobernos que as promoven e as protexen é tamén unha determinación insobornable a prol do futuro dos nosos dereitos como falantes e por tanto da propia Lingua Galega en si.

Feliz Día das Letras Galegas

Co corazón e a razón postas na fraternal lembranza de Manuel María