As xornadas, que se celebrarán entre o 10 e 11 de decembro, deprazan á capital europea 55 persoas de Galiza para analizar as diferentes vías do acaparamento da terra en Galiza.

Con esta iniciativa, Alternativa Galega de Esquerda en Europa pretende levar a Bruxelas as diferentes formas de acaparamento da terra en Galiza e dar a coñecer as loitas que, en diferentes puntos do país, se están levando adiante para impedir a apropiación de terras e montes por empresas de todo tipo e mesmo para grandes infraestruturas pensadas en función dos seus intereses. Calquera actuación sobre a terra debe ser a de manter a prioridade de producir alimentos e sustentar o dereito do noso pobo á Soberania Alimentar.

A actividade en si, será un encontro no que persoas dos diferentes colectivos farán unha breve exposición, na que explicarán como afecta o proxecto contra o que están a loitar sobre a terra ou os montes.

Así, o día 10 de decembro, logo da presentación da xornada por parte da nosa eurodeputada, Lidia Senra, a xornada orbitará en torno a diferentes proxectos mineiros, entre eles Corcoesto, Triacastela, A Terra Chá, A Limia e O Courel.

O seguinte día, 11 de decembro, abordaranse diferentes temáticas, como a especulación urbanística, para o que se contará con veciños e veciñas de Cabral (Vigo), as grandes infraestruturas, nas que persoas de Redondela relatarán os seus pareceres, a forestación de terras agrarias, os eólicos ou os montes veciñais en man común coa lexislación vixente. Para rematar, Antón Sánchez, deputado de AGE no Parlamento galego, falará sobre a modificación das Leis na Galiza, cuestión que complementará Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, falando sobre o marco xeral do país.