O pobo grego elixiu, e elixiu Syriza. Polo pronto, una vitoria, que máis alá do que é a disputa política, é una vitoria da democracia, da liberdade e da dignidade. Unha vitoria fronte ao medo imposto como argumento e como táctica polos poderes, xa non só gregos, senón europeos e mundiais.

Syriza móstrase ante os pobos da Europa periférica como unha esperanza, un parapeto contra as políticas da sinrazón económica, do austericidio, da xenofobia ou do extremismo antisocial. É a apertura dunha fiestra, un punto de inflexión, de intentar pór na práctica o que é unha necesidade obxectiva: rachar coa liña política que se veu mantendo en Europa nos últimos anos, baseada na austeridade e no empobrecemento en prol desa suposta competitividade que non deixa de ser escravitude feudal.

Pero a vitoria de Syriza non queda aí, vén a significar tamén unha nova etapa ideolóxica, núa de fantasías ideolóxicas, eufemismos e significantes baleiros. Unha política de feitos e discursos obxectivos que non nega o desagradable da situación dramática que se está a vivir pero da que se considera capaz de saír. A realidade é terrible, estratos sociais sumidos na pobreza, destrución salarial, auxe da xenofobia e do racismo e a propia corrupción sistémica que anega aos estados.

O triunfo de Syriza é tamén unha labazada ao bipartidismo rampante na Europa capitalista, dos duopolios de masas que compiten electoralmente por un centro político. Inamovíbel ate este domingo, pero que co descalabro do PASOK, abre novos camiños para encarar o futuro. Os poderes fácticos e os conservadores xogaron ao límite, pero finalmente confírmase a evolución dos últimos anos e o custo de ter apoiado unha gran coalición e terlle dado estabilidade á dereita. Syriza non é unha solución definitiva, pero ábrese a esperanza, e agora testarase se o espazo europeo é quen de permitir políticas alternativas no manexo da débeda que eviten que non se poida vivir con dignidade, nin non tendo traballo, mentres por riba se ve como se van perdendo as conquistas sociais de moitos anos.

Tsipras e a súa fronte terán que facer fronte á desfeita social na que se atopa Grecia, herdado de anos de políticas económicas da dereita e do propio PASOK, e deberá comezar a paliar todos os seus terribles efectos desde o primeiro momento, que non é pouco.

Syriza trae consigo diferentes leccións sobre o xeito de construír hexemonía social desde a esquerda, situando, con realismo, o enfrontamento político entre esquerda-dereita, entre clases populares e traballadoras contra as oligarquías e plutocracias, que non só se debe dar en Grecia, senón que debe ser quen de traspasar fronteiras e estenderse coma unha vacina que acaba co virus neoliberal en todo o continente. Syriza é unha coalición cun compoñente mestizo, que se define de esquerdas, e que se sitúa no rupturismo e no ecoloxismo, que foi capaz de acadar esa centralidade sen entrar na indefinición e demostrando que mantendo unha identidade e un discurso nidio foi ferramenta útil e convértese nunha saída cara adiante e pola esquerda desta crise, reafirmando a soberanía e a dignidade dos pobos de Europa nun marco de fraternal solidariedade internacionalista. Non é suficiente resistir, é hora de impoñerse, de facer retroceder á dereita neoliberal europea. A idea parece ficar clara, construír todas as Syrizas que fagan falta para ser capaces de abrir unha nova etapa en Europa.

Agora nós, aquí, saquemos conclusións das nosas necesidades.