Comunicado do DiEM condenando o acordo preliminar do cumio europeo para expulsar aos refuxiados a Turquía:

O DiEM, Movemento pola Democracia en Europa, condena rotundamente o acordo preliminar alcanzado na noite de onte (7 de marzo) durante o cumio da Unión Europea, de acordo co cal milleiros de refuxiados europeos serán devoltos a Turquía.

O DiEM considera este acordo vergoñento e contrario ás leis e tratados internacionais, entre eles a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea (art. 19, “Prohíbense as expulsións colectivas”) e a Convención Internacional sobre protección dos dereitos de todos os traballadores migratorios e os seus familiares.

O feito de poñer sobre a mesa un acordo así socava máis aínda a integridade e a alma dunha Unión que antes mostraba máis confianza na súa adhesión do humanismo, na súa proclamación da solidariedade e na procura dunha prosperidade compartida.
De completarse este acordo con Ankara, Europa estará enviando unha mensaxe aterradora ao resto do mundo: que os homes, mulleres e nenos que lograron sobrevivir á alta mar e aos horrores da guerra, independentemente do seu estatus ou idoneidade como receptores de asilo, non son benvidos en Europa.

Apelamos aos europeos e aos seus representantes electos para que rexeiten todos e cada un dos intentos que permitan á UE trocar vidas humanas e principios humanistas básicos por intereses retrógrados, estreitos e nacionalistas.

8 de marzo do 2016

DiEM, Movemento pola Democracia en Europa

Fonte: (Yanis Varoufakis): http://yanisvaroufakis.eu/2016/03/08/diem-statement-condemning-european-summits-preliminary-accord-to-expel-refugees-to-turkey/