Dende ANOVA queremos manifestar o noso total apoio aos presos políticos saharauís de Gdeim izik e ao resto de presos políticos saharauís nas cadeas marroquís, e unímonos con eles na reivindicación dun xuízo civil que sexa legal e se adapte ós canons do Dereito Internacional.

En febreiro de 2013 celebrouse no tribunal militar de Rabat, Marrocos, un xuízo a 25 civís saharauís acusados de organizar o campamento de protesta pacífica de Gdeim Izik que durante un mes no 2010 amoreou a moita poboación saharauí ás aforas de El Aaiún, a capital do Sáhara Occidental ocupada por Marrocos.

Foi un proceso sen ningunha garantía de legalidade nin transparencia, como poñen de manifesto os informes dos numeros@s observador@s internacionais que acudiron. As sentencias foron de nove cadeas perpetuas (unha delas en rebeldía), catro sentencias de 30 anos, tres de 20 anos, sete de 25 anos e dúas liberdades por condena cumprida.

Trece dos presos políticos saharauís de Gdeim Izik permanecen dende o día 1 de marzo nunha folga de fame reivindicando a celebración dun xuízo xusto e legal.

Dende ANOVA queremos manifestar o noso total apoio ós presos políticos saharauís de Gdeim izik e ao resto de presos políticos saharauís nas cárceres marroquís, e unímonos con eles na reivindicación dun xuízo civil que sexa legal e se adapte aos canons do Dereito Internacional.

Exhortamos ao goberno de España, como potencia administradora do territorio que aínda é mentres non se celebre un referendum no que @s saharauís poidan decidir o seu futuro; e ás institucións da Unión Europea a que interveñan e fagan presión sobre o réxime marroquí para que ese xuízo teña lugar, para ese referendum se celebre por fin e para que a política penitenciaria marroquí se axuste á legalidade e ao respecto dos Dereitos Humanos.