Primeira valoración de Anova, de Xosé Manuel Beiras e máis de Lidia Senra sobre o resultado do referendo no Reino Unido. Xosé Manuel Beiras afirma que “hai segmentos xenófobos, claro, pero a clave é que a maioría das clases traballadoras xa non soportan o modelo –fracasado xa– da UE”.

Galiza, 24 de xuño de 2016-. Nigel Farage é un síntoma. A realidade maciza que nos devolve o resultado do referendo británico sobre a UE é que o actual modelo de construción desta superestrutura política –un modelo de despotismo ilustrado no mellor dos casos e de despotismo a secas no peor– está tocado de morte.

A expresión do malestar a través do odioso recurso á xenofobia e o racismo non debe distraernos do fundamental: a Unión Europea, como parte do proxecto globalizador neoliberal, desarma ás clases traballadoras e empeora as súas condicións materiais de vida a marchas forzadas. E isto, dun xeito ou doutro, ten consecuencias.

A falta de canles democráticas, dentro das institucións europeas, para a expresión do malestar co capitalismo globalizado e coa saída á crise que se pretendeu levar levar a cabo a costa das clases populares, propicia a erupción deste malestar nas contadas ocasións en que os pobos foron chamados a dicir algo sobre o proxecto europeo: Francia 2005, Países Baixos 2005, Irlanda 2008, Grecia 2015 e agora o Reino Unido son episodios dun mesmo fenómeno.

A respecto dos resultados nas nacións sen Estado do Reino Unido, Escocia e Irlanda –e coa excepción de Gales–, cómpre dicir que tamén aquí se evidenciou a vontade deses pobos por afirmar a súa soberanía, se ben neste caso a dialéctica se deu a respecto da nación hexemónica no estado-nación británico: Inglaterra.

O paradoxo de que estas nacións sen estado se afirmasen apostando pola súa permanencia nunha superestrutura antidemocrática forma parte das contradicións e da complexidade do momento. Pero a lectura xeral é a mesma: os pobos, por distintas vías, están a identificar que soberanía é democracia e democracia é soberanía.

No que toca ao Estado español, e salvo contadísimas excepcións, a cuestión da Unión Europea estivo ausente da presente campaña electoral. Mala estratexia é a do avestruz, sobre todo cando o problema que se pretende eludir ten que ver con cuestións axiais para a vida social: democracia económica e democracia política.

Desde Anova agardamos que o resultado do referendo británico sirva para que o debate sobre o funcionamento antidemocrático da Unión Europea e sobre a gaiola neoliberal que é, constitutivamente, a Eurozona, se abra de vez no Estado español. Cuestión fundamental para calquera perspectiva de Cambio non cosmético a favor das clases populares.

Así mesmo, confiamos en que o pobo galego extraia tamén a conclusión de que só con máis soberanía é posible combater e reverter as nefastas consecuencias do capitalismo neoliberal para as clases populares e para a democracia.

Primeiras declaracións de Xosé Manuel Beiras

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, lembraba está mañá, en coñecendo os resultados do referendo británico que: “levo dicindo tempo que a UE é coma o IV Reich. A hexemonía do III Reich comezou a rachar cando Inglaterra lle declarou a guerra. Co IV comezamos a vivir unha situación análoga”.

Beiras quixo diferenciar entre o Brexit e o Grexit, porque o segundo “implicaba tamén saír do euro. O Brexit é máis doado porque mantén incólumes os resortes de poder da política económica e monetaria no Reino Unido, nada que ver co que padecería Grecia. Non debemos, ademais, esquecer que Gran Bretaña sempre foi o portavións da hexemonía ianqui en Europa e que a zona esterlina ten máis ligazóns co dólar que co propio euro”.

E continuou, “malia que no Reino Unido non padecen tódolos nosos problemas, derivados de estarmos na zona euro, deciden liscarse igualmente. Coido que as clases traballadoras están até os narices desta historia antidemocrática da UE e, a pesares das consignas do Partido Laborista, o que deciden é apostar por facer políticas propias e gañar á dereita de Cameron e a City”. Asemade, quixo salientar de que “iso de que gañaron os xenófobos é unha soberana parvada. A propia UE é xenéfoba en si mesma, ou non o vemos cos refixiados? Hai segmentos xenófobos, claro, pero repito que a clave é que a maioría das clases traballadoras xa non soportan o modelo –fracasado xa– da UE”.

Para rematar, Beiras afirmou que "a causa primordial do Brexit foi ter postergado a construción política indispensábel para que todos puidésemos sentirnos 'cidadáns do común' europeos".

Valoración de Lidia Senra

Pola súa banda, a eurodeputada de AGEe, Lidia Senra, tamén fixo unha primeira valoración, destacando en primeiro lugar que “o feito de que no referendo sobre a permanencia ou non do Reino Unido na Unión Europea, gañara a posición de saír, fronte á posición oficial do Primeiro Ministro e tamén das grandes empresas e da City, incluso a pesares das prevendas acadadas da Unión Europea polo goberno para defender a posición da permanencia; amosan a pouca credibilidade dunha Unión Europea que se construíu en contra dos pobos, a favor das multinacionais e, cuias decisións responden única e excluxivamente á dictadura dos mercados e cuns lideres ao frenta da Comisión Europea e do Consello que non son capaces de resolver ningunha das graves crises (migratoria, social, ambiental, climática) que asolan hoxe a realidade deste espazo de (des)integración Europea”.

E lembrou: “cómpre non eludir máis os debates arredor da cuestión da Unión Europea e o euro e a súa compatibilidade coa democracia e a soberanía popular. Propiciar este debate público debe ser a nosa tarefa no futuro inmediato”.

As valoracións completas de Lidia Senra pódense consultar aquí: http://ageuropa.gal/a-decision-do-reino-unido-amosa-a-pouca-credibilidade-dunha-ue-construida-contra-os-pobos/