Organizacións soberanistas do Estado reúnense en Barcelona para artellar un discurso baseado na soberanía dos pobos como alternativa tanto ao neoliberalismo hexemónico como á preocupante ascensión da xenofobia, a estrema dereita e as diferentes formas de fascismo en xeral.

A finais de ano (decembro de 2016) tivo lugar en Barcelona, co CIEMEN –Centre Internacional Escarré per a lles Minories Ètniques i lles Nacions, organización cívica con sede en Catalunya dedicada á solidariedade internacionalista– como anfitrión, un primeiro e pionero encontro de fundacións vencelladas ás esquerdas nacionais dos pobos do Estado Español. Era a primeira vez que organizacións políticas e sindicais que se reivindican parte do espazo ideolóxico entendido no sentido amplo como a esquerda soberanista (con tradicións moi diversas que van dende o anticapitalismo á sociademocracia progresista, pasando polo ecosocialismo ou o republicanismo) se atopaban para intercambiar impresións. 

Así, contouse coa participación das fundacións e/ou espazos de pensamento seguintes: a Fundació Josep Irla e Quim Soler (CUP), de Catalunya; a Fundació Emili Darder e o Ateneu Pere Mascaró, das Illes Balears; a Fundació Nexe, do País Valencià; a Iratzar Fundazioa, Alkartasuna Fundazioa e EzkerraBerri Fundazioa, de Euskal Herria; a Fundació Galiza Sempre e Xosé Manuel Beiras e Rafael do Pico (Anova-IN), de Galiza; e a Fundación Gaspar Torrente e a Fundación Aragonesista 29 de Junio, de Aragón; así como as fundacións vencelladas a centrais sindicais, como a Fundación Moncho Reboiras, de Galiza, e a Manu Robles Arangiz Fundazioa e a Ipar Hegoa Fundazioa, de Euskal Herria. Escusou a súa participación o espazo de pensamento e reflexión da formación Nueva Canarias, das Illas Canarias. Priorizouse a participación de axentes políticos e sindicais con peso salientábel electoral e social nos seus respectivos territorios, pese a que se tomou en consideración que se trata dun espazo ideolóxico aínda máis plural e heteroxéneo.

As sinerxias xurdidas do encontro foron valoradas moi positivamente polas organizacións participantes. Mostrouse claramente a vontade de seguir compartindo reflexións e ideas e fíxose un emprazamento concreto a continuar en contacto e preparar un novo encontro antes do verán.

De xeito xenérico coincidiuse na necesidade de artellar un discurso baseado na soberanía dos pobos como alternativa tanto ao neoliberalismo hexemónico como á preocupante ascensión da xenofobia, a estrema dereita e as diferentes formas de fascismo en xeral. Un discurso que traballe a necesidade dunha globalización alternativa á que os estados e o capitalismo neoliberal máis feroz impulsaron dende finais dos noventa –e que xestionou, cómpre dicir, de xeito nefasto, a crise de 2008– e que teña na defensa da solidariedade, a xustiza social, as liberdades sexuais e reproductivas, o ambiente, a diversidade cultural e os dereitos colectivos dos pobos o seu común denominador, o seu ADN.

Neste senso fíxose un chamamento a que as esquerdas e forzas progresistas aínda reacias a defender o dereito de todo pobo á súa libre elección, incluída a formación de novos estados se así o establecen as maiorías sociais democraticamente, muden de posición e aposten con determinación por este dereito, clave na construción dunha alternativa á globalización neoliberal, que afortala estados e mercados non escolleitos por ninguén para someter aos pobos e as maiorías sociais. 

Para rematar, e aproveitando a ofensiva que o Estado Español está a realizar e realizará durante os vindeiros meses contra representantes electos cataláns, as organizacións convocadas en Barcelona polo CIEMEN, quixeron e queren expresar o seu pleno apoio e solidariedade ao pobo catalán e ás súas institucións democráticas que, perante a cerrazón do goberno español, terán que optar pola vía da unilateralidade.