"O Partido Popular, co seu comportamento, xoga a desacreditar aínda máis do que xa está o rol do Parlamento", denunciou esta mañá, tras a Xunta de Portavoces dos grupos con representación no Hórreo, Xosé Manuel Beiras, "xoga a convertelo nun recinto amurallado sen ningunha relación co que acontece na realidade".

Para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o partido de Alberto Núñez Feijóo non fai outra cousa ca "marear a perdiz" e perder o tempo con cuestións burocráticas e de protocolos. Mentres, na rúa, a cidadanía do común, as clases traballadoras, sofren as consecuencias materiais terríbeis dunhas políticas decididas en instancias que non responden á vontade popular e que o PP aplica cun entusiasmo case sádico.

Nesta situación, Alternativa ten claro o diagnóstico. Expresouno Beiras: "A única solución é que a xente se poña en pé de guerra, civicamente, porque é indecente como están mallando nas clases traballadoras". A saída ao impasse político e social, daquela, procederá da mobilización e da protesta, do que o portavoz de AGE denomina "ruptura democrática". "Non creo que este réxime corrupto teña saída, non creo que se poida solucionar a corrupción no actual réxime, non creo que esta cámara de representantes poida volver ser cámara de representantes", considerou, "así que unicamente unha ruptura democrática pode rematar con esta podremia".