Aproveitando a súa visita a Vigo o pasado sábado 24 de xaneiro, os portavoces de Anova-IN, Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega, acompañados do coordinador local, Chili Jacome, mantiveron unha xuntanza con representantes da Asemblea Aberta de Coia para recoller información sobre o conflito xerado no barrio nas últimas semanas e ofrecer a súa colaboración e apoio.

Neste sentido, Anova quere denunciar publicamente a incomprensíbel prepotencia do alcalde, Abel Caballero, que descoida os servizos sociais e insulta de continuo á cidadanía organizada con declaracións de tinte fascista.

Segundo Martiño Noriega “Abel Caballero ten vocación oculta de delegado do Goberno. Emprega a policía local coma se fosen antidisturbios cando non teñen competencia para iso e, ademais, non hai disturbio ningún, senón unha situación de inxustiza social de libro”. “Resulta inaceptábel a criminalización do movemento veciñal cando se están a demandar políticas sociais para a cidadanía agredida e non obras faraónicas que ninguén entende nos tempos que corren”, continuou o portavoz de Anova.

E engadiu: “existe unha complicidade evidente entre os responsábeis municipais e os responsábeis autonómicos en amparar a inexistencia de políticas sociais que garantan a subsistencia dos máis agredidos (retrasos na tramitación da Risga, políticas de inserción laboral inexistentes, apoio á beneficencia, tratamento vexatorio dos máis desfavorecidos) mentres, ao tempo, manteñen discursos propagandísticos que non se axustan á realidade”.