O Parlamento apoia unha proposta do deputado Antón Sánchez para constituír un grupo de traballo a partir de medidas concretas como a dotación de recursos ás Oficinas Agrarias comarcais, creación de liñas de axuda para prácticas en explotacións agrarias, axudas para inicio de actividade ou protección de mercados locais. >> Consulta a proposta na ligazón: aquí.

Alternativa Galega de Esquerda impulsa un grupo de traballo, conformado por todos os partidos con asento no Parlamento, para, en palabras do deputado Antón Sánchez, "realizar unha transición nacional dunha agricultura industrial cara a outra rexeneradora, que ten vantaxes económicas, sociais e ambientais". Tras unha emenda transaccionada co PP que non alteraba o contido da proposición non de lei confeccionada por Sánchez, a proposta saíu adiante no pleno do Parlamento coa única abstención do BNG.

"O modelo agrícola produtivista está esgotado, no mundo e en Europa", expuxo o parlamentario de AGE, "e é hora de dar paso a novos paradigmas: soberanía alimentaria, sustentabilidade, multifuncionalidade da agricultura". O obxectivo central da iniciativa de Antón Sánchez reside na incorporación de mozas e mozos á actividade agraria en Galicia, tamén como unha medida máis para intentar inverter a pirámide da poboación. "Existe unha alta relación entre o abandono da actividade agraria e o envellecemento da poboación", denunciou Alternativa.

A PNL inclúe, entre outras medidas, a necesidade de dotar de medios ás oficinas de actividades agrarias, a creación de liñas prácticas en explotacións agrarias, o potenciamento dos mercados locais e circuítos curtos de comercialización, ou que os concellos xestionen as terra do Bantegal.