Anova rexeita toda caste de maltrato animal, desde os zoos, onde os animais están privados de liberdade e en pésimas condicións (como ocorre no zoo de Vigo ), pasando polos espectáculos en que se empregan animais para diversión humana (como as achegas de bois), ata a compra e venda de animais de compañía, transporte sen garantías de benestar, situacións nas granxas, etc... 

Unha mención á parte merecen os espectáculos taurinos que se organizan nalgunhas vilas e cidades do noso país. Estes tenden a ser xustificados por mor dunha tradicción, pero tal tradición só é en realidade unha asunción estupidamente mimética das festas máis brutais e atávicas dun españolismo tan irracional como denigrante. 

Daquela, Anova súmase a todas as mostras de repulsa que se veñen facendo en distintos lugares e aplaude as decisións tomadas por varios concellos de prohibir e/ou non subvencionar as touradas. Da mesma maneira, demanda que o concello de Pontevedra siga idéntico exemplo.

Por outra banda, a pesar de que existe unha lei sobre maltrato animal, este tipo de delitos non se controlan con rogorosidade.