Antón Sánchez-. Asistimos cunha mestura de amargura e esperanza á vaga de mobilizacións en defensa do sector lácteo. Amargura, por comprobar que como país non somos/fumos quen de artellarnos politicamente para asegurar o presente e o futuro dos nosos sectores produtivos, por comprobar que o goberno da Xunta non ten vontade nin capacidade política para reverter a situación de envellecemento e abandono do noso rural.

As solucións que require o leite son de urxencia para evitar o peche de explotacións nun momento conxuntural, pero non deberíamos deixar de lado a análise profunda das causas políticas que nos levan á desertización do rural, ao subdesenvolvemento doutros sectores agrarios, ao noso déficit en produción alimentaria, á especialización de Galiza na produción agraria de materias primas de baixo valor e pouco xeradoras de emprego.

De fondo subxace que as políticas que se levan a cabo son o froito de abrazar o neoliberalismo como única solución.

Porque a continua desregulación ou como eufemisticamente se chama “liberalización” non provoca maior liberdade dos gandeiros nin da pequena industria para operar, nin oportunidades, como se cansou de repetir o PP e incluso forzas de esquerda, senón que é un paso máis para que as grandes empresas o gran capital sexan os que verdadeiramente deseñen o noso futuro como país.

Contábame un dos progresistas que non cuestionan o neoliberalismo que unha das cuestións que estaban a axudar na crise era que determinada empresa de distribución quería concentrar a produción do seu leite en Aragón, cunha macroexplotación onde concentrar os seus insumos baixo a coñecida fórmula da integración vertical. E qué esperaba logo?A lóxica monopolística docapitalismo é clara. Estas empresas deciden, tiran plusvalías, pero non asumen os custes das consecuencias ambientais e sociais que si son asumidas polos orzamentos públicos.

Nas negociacións da nova Política Agraria Común que marcará os destinos do rural en Europa nos vindeiros anos, nin o goberno da Xunta, nin populares, nin a socialdemocracia cuestionaron a liña desrregulatoria como camiño a seguir. E as consecuencias son evidentes.

Deixar a produción alimentaria dun país en mans do chamado mercado, que na alimentación significa que decidan as multinacionais, será seguir camiñando cara o deserto rural.

Precisase política pública. Precísase protección e apoio. Xusto o contrario do que se leva facendo nos últimos anos.

Non hai política pública industrial, de ordenación do territorio e de mobilidade de terras máis alá das publicacións no DOG, e progresivamente se desmantela o sistema público de investigación e extensión agraria e forestal.

Sen unha política pública ao servizo do pobo e potente non será posible desenvolver sectores agrarios hoxe subdesenvolvidos pero con potencial para así facilitar a incorporación de xente moza ao agro e ao rural.

Que se saiba que defendemos as medidas de urxencia para salvar as explotacións pero que se saiba tamén que dentro do modelo de política agraria escollida o que estamos a vivir non é un fallo puntual do sistema senón que será tónica xeral e periódica do sistema.

Porque xa que se fala tanto de soberanía, temos que decidir quen ordena o país, quen decide como producimos, como nos alimentamos ou de onde veñen os alimentos. Ou o deciden os poderes públicos como representación do sentir popular (ben sei que isto é unha quimera) ou o deciden ENCE, Mercadona etc.

A falla de políticas eficaces contra a desertización e perda de peso do rural, non se produce fundamentalmente pola ineptitude dos dirixentes do PP senón polo desenvolvemento dun modelo de concentración económica e poboacional no eixo atlántico de Galiza e dun amplo espazo fornecedor de recursos, madeira, enerxía, alimentos baratos no resto do país.

Ao PP interésalle o que vemos porque defende os intereses dos que queren campo libre para explotalo.

E fronte a isto, o reto ademais de solucionar o inmediato é formular unha alternativa, real e realista, pero alternativa. Para hoxe e non partindo de modelos idealizados e contando co que nunca se contou nas políticas do rural, feitas sempre con visión urbanita, senón co coñecemento e opinión da xente que vive no rural e do rural.