Alternativa Galega de Esquerda (AGE) logrou esta mañá o apoio de todos os grupos parlamentarios na comisión de Medio Rural para instar á Xunta a aprobar un plan de fomento da agricultura ecolóxica, a horticultura e a fruticultura. Con esta proposta, defendida polo deputado Antón Sánchez, AGE pretende contribuír a “equilibrar a balanza alimentaria negativa de Galiza e a crear empregos no rural”.

A proposición non de lei –PNL- implica a aprobación dos seguintes catro puntos:

  1. O acceso á terra mediante a xestión descentralizada do Banco de Terras e a dotación de persoal das Oficinas Agrarias Comarcais.
  2. Investigación e asesoramento públicos en variedade e técnicas de cultivo ademais de seguimento de proxectos.
  3. Comercio a través de circuítos curtos e marcas de garantía galega.
  4. Introdución de criterios como o da proximidade ou prioridade da produción galega na compra de institucións públicas como colexios, hospitais ou centros da terceira idade.

“Terras con aptitude agronómica seguen abandonadas ou úsanse para o eucalipto”, explica Sánchez na exposición de motivos, “e a balanza alimentaria é negativa nuns 900, 1000 millóns de euros. Parte é en alimentación animal, pero outra parte importante é na importación de hortalizas e froitas”. “Debemos acadar o equilibrio, e para iso cómpre levar adiante plans sectoriais específicos”, conclúe o deputado de AGE.

Fonte: AGE