Antón Sánchez-. Compre que as urxencias e os debates apresurados non nos aparten dunha liña política que cuestione o sistema e o réxime corrupto do Estado español nos últimos 30 anos.

E digo que unha cousa é defender os dereitos dos traballadores e traballadoras de Alcoa e outra ben diferente é non cuestionar un gran negocio dunha multinacional americana e das eléctricas, coa complicidade do Goberno español, e á nosa costa, pagado a través da factura da luz.

Os traballadores como anzol

Coma no caso de Ence, a utilización dos traballadores como anzol para que a esquerda se entreteña coa árbore en lugar de ver o bosque, debe ser abordada sen rodeos -deixando claro, iso si, que na nosa oposición a este tipo de empresas cremos necesaria unha saída digna para os seus traballadores- e sen esquecer que colocando nunha balanza o emprego directo que crean estas empresas e o emprego que destrúen ou que impiden crear por abocarnos a determinados modelos de explotación económica, a nosa posición a respecto da situación destes traballadores é adecuada.

E digo máis, fronte a utilización por parte da empresa dos postos de traballo como elemento extorsionador para seguir lucrándose e a tentación de ceder á chantaxe sen modificar a cuestión de fondo, o mellor camiño para os traballadores de Alcoa, e para todos e todas as traballadoras, é denunciar claramente o gran saqueo que significou a operación Alcoa-Inespal, que busca nos paises onde se establece electricidade asequible, permisividade ambiental e man de obra barata.

É suficiente a información.

Historia dunha privatización

Inespal era unha empresa pública con 12 centros de traballo que en 1998, durante o goberno Aznar, e despois de 2 anos de beneficios, privatizouse vendéndose por 410 millóns de euros á multinacional americana Alcoa.

Pero descontáronselle 200 millóns para o pago de débedas anteriores -xeradas fundamentalmente polos procesos de investimento e modernización - e outros 100 máis tras unha serie de reclamacións.

Ademais, conseguiu un prezo especial para a electricidade durante quince anos. Estes 15 anos remataron en 2013, ano a partir do cal, ante as amenazas da empresa de pechar, o Estado outorga unha subvención á factura eléctrica a través do pago polo "servizo de interrumpibilidade", para que estas fábricas paren no caso en que sexa necesario por un exceso de demanda eléctrica. Un servizo que non semella moi necesario nun país cunha evidente sobrecapacidade de producción eléctrica.

Aínda así as chamadas empresas electrointensivas levan anualmente entre 500 e 600 millóns dos euros que se pagan na factura de electricidade por todos e todas as consumidoras, como parte dun recibo no que pesan moito todos este tipo de prebendas outorgadas ás eléctricas.

Naquel contrato de compra, Alcoa comprometiase a investir 390 millones de euros nos dez primeiros anos, incrementar a súa actividade, desenvolver novos produtos e manter o emprego.

Como poderedes imaxinar, nada de nada.

Ademáis, unha gran parte das reservas de carbón galego esgotáronse para servir a Alcoa e é unha das industrias que máis emisións contaminantes produce en Galiza.Colocáronse dúas térmicas, soportamos os seus impactos no país, os ríos cheos de minicentrais, os montes cheos de muiños de vento, e a cambio, que obtemos? Pagamos a luz ao mesmo prezo que calquera no Estado español, e se poñemos impostos autonómicos para compensar os impactos, segundo a nova lexislación, poderíasenos sumar á factura.

Non debe de quedar fóra deste asunto tamén a vergoñenta privatización do sistema eléctrico executada por Aznar, apoiada por PP e PSOE, que deixou de ser un servizo público para ser un negocio controlado por moi poucas mans.

Eléctricas subvecionadas, consumidores paganinis

Así, Alcoa contenta, pois cos beneficios pagados polas arcas públicas investiu fóra, e contenta seguirá mentres se lle garantan as prebendas. O mesmo que as elétricas, que en vez de ter que competir para ofrecer un prezo competitivo, cobran a prezo de consumidor a unha industria que en Galiza chegou a supoñer ate o 40 % do consumo eléctrico.

Os damnificados, os consumidores, que son os paganinis, e uns traballadores sobre os que pesa a espada de Damocles. Porén, os parches non valen. O que valen son só as solucións que rematen co expolio. Non confundamos os intereses de Alcoa cos das clases populares de Galiza.

Máis info: Bitácora de Antón Sánchez