A indemnización que a petroleira BP pagará polo verquido do Golfo de México en 2010 contrasta coa absoluta incapacidade demostrada polo Estado español logo da catástrofe do Prestige en 2002.

Compostela  6 de outubro de 2015-. No día de onte confirmouse definitivamente que a British Petroleum (BP), titular da plataforma Deepwater Horizon que estoupou en 2010 creando unha enorme desfeita ecolóxica no Golfo de México, chegou a un acordo co Departamento de Xustiza estadounidense e os gobernos de cinco Estados –Alabama, Luisiana, Mississippi, Florida e Texas– para pagar a meirande indemnización da historia polos danos ambientais, máis de 18.500 millóns de euros. Con esta exemplar indemnización a conta pagada pola petroleira ascende xa a máis de 48.000 millóns de euros, se temos en conta outras multas e o xa desembolsado no seu día para os labores de limpeza. O acordo pechouse só cinco anos despois da catástrofe.

A calquera galega ou galego, lendo o anterior, viralle sen dúbida á cabeza a lembranza da múltiple marea negra do Prestige. Os monos brancos, as máscaras, as botas e o chapapote; as voltas e reviravoltas dun interminábel proceso xudicial, aínda á espera do Tribunal Supremo logo de 13 anos, practicamente sen culpábeis e sen indemnización algunha; a indecente operación para buscar un cabeza de turco no capitán Apostolos Mangouras; a ridícula e insultante cifra destinada pola aseguradora, 22,7 millóns de euros, que aínda está sen repartir; ou, especialmente, o fracaso das demandas do Estado español nos Estados Unidos, incapaz de sacar nada da pírrica indemnización –1.000 millóns de euros– solicitada á clasificadora do buque, a American Bureau of Shipping (ABS), que foi quen certificou o vello monoscasco do Prestige como apto para transportar o cru. Disque o Estado español gastou para o antedito proceso uns 31 millóns de euros en gastos xudiciais dos bufetes ianquis e 40 millóns en custes, o que sen dúbida aumenta aínda máis o ridículo feito.

O caso da BP, sen dúbida, tamén fará lembrar a calquera galego ou galega a negra bandeira de Nunca Máis, símbolo da resposta do pobo fronte o desprezo dun Estado que non só non os amparou, senón que os criminalizou, atacou e mesmo agrediu por defender o seu país. Aquela afirmación de “esborrallouse o Estado e emerxeu a nación” do Beiras a finais de 2002 resumiu, se cadra, a única verdade e o único bo de toda esta indignante vergoña. Para que nos serve xa que logo o Estado? Era a pregunta pertinente eses días e segue a ser pertinente hoxe.

A comparanza entre ambos os dous casos, o do Golfo de México e o das rías galegas, abonda para afirmar que o Estado, institución na que, en teoría, a cidadanía delega os seus mecanismos de solidariedade, non cumpriu, nin de lonxe, coa súa función. E non só iso, tratou por todos os medios de coller pola estrema, primeiro criminalizando á cidadanía organizada e, despois, lexislando contra ela. En xuño de 2003 publicábase o Real Decreto 4/2003, polo que, para recibir algún dos cartos destinados a indemnizacións por parte do Estado, obrigaban aos beneficiarios a renunciar o inicio no futuro calquera acción, procedemento ou reclamación relativa ao sinistro do buque. Porén, os fondos destinados eran migallas. O propio Real Decreto fixaba a ese efecto un máximo de 160 millóns de euros, que realmente quedaron en 151 e dos que só se pagaron, que se saiba, uns 120. Vaia, que lonxe de mirar polos seus "subditos", o Estado español decidía blindarse contra eles.

O remate desta escura e indignante historia resumíana moi ben Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez no Parlamento galego en novembro de 2013, no texto dunha Proposición non de Lei de AGE na que, entre outras cousas, pedían responsabilidades penais e civís derivadas da catástrofe do Prestige logo de coñecer o fracaso da vía xudicial unha década despois: “A negra historia do Prestige é a blindaxe das responsabilidades, tanto a dos responsables políticos (do goberno do estado, da Xunta), das partes contratantes (armadora, fretadora, aseguradora, da inspeccionadora) e do propio Estado como responsábel civil.  Todos e cada un deles pretenderon (e conqueriron, de momento) a blindaxe legal das súas responsabilidades (políticas, administrativas, penais, civís-económicas).”.

Pero o Estado e con el o partido gobernante non só errou, ou simplemente desapareceu durante aquelas tristes semanas de 2002-3 nas que a xente mobilizada emprendeu os labores de limpeza e defensa do común, senón que, coma nunha comedia tráxica, burlouse novamente do pobo premiando aos neglixentes xestores da catástrofe. Mariano Rajoy, o “señor de los hilillos”, sería designado por Aznar, califa do seu propio aznarato, candidato á presidencia do goberno, posto que lograría para, despois, encargarse persoalmente de premiar ao incompetente Arsenio Fernández de Mesa, delegado do goberno durante a desfeita, co posto de director xeral da Garda Civil.

Só o pobo galego, digno protector da nación, foi quen de castigar politicamente ao outro gran responsábel, Manuel Fraga, expulsándoo do goberno nas seguintes eleccións autonómicas.

Se o este Estado non serve, teremos que ir na procura doutro ou, cando menos, dunha nova, xusta e soberana relación con este.