É unha práctica habitual que as zonas próximas a vieiros (sexan de titularidade municipal, deputacións ou estatais) sexan tratadas para a eliminación da vexetación mediante un sulfato sistémico que ten como compoñente principal o glifosato, desenvolvido por Monsanto e comercializado co nome de “Rondup”. Úsase tamén en parques e outras zonas de uso público onde se queira manter controlada a vexetación silvestre.

Este produto está considerado pola OMS (Organización Mundial da Saúde) como potencialmente canceríxeno. A pesar de coñecerse a súa perigosidade, no Estado Español está permitido. Unicamente o Real Decreto 1211/2012 “limita” o seu uso en zonas achegadas a cursos de auga ou obriga a “sinalizar” o seu uso en zonas de uso público (xardíns, etc). Fronte a esta permisividade algúns concellos prohibiron usalo indo máis aló do que dispón a lei estatal.

En Anova queremos facer un chamamento a que en tódolos concellos galegos se prohiba uso do glifosato e se substitúa por outras prácticas como son o cultivo con tapizantes –que non sexa céspede comercial– tal e como recomendan diferentes organizacións ecoloxistas, ó tempo que temos a seguridade de que é necesario substituír na agricultura o uso de calquera produto contaminante por outras prácticas que non danen o medio, indo cara a unha agricultura ecolóxica que nos proverá de alimentos ricos en nutrientes e xa que logo precursores dunha boa saúde.