A Xunta pretende entregar o litoral e as augas interiores galegas ás multinacionais da acuicultura.

Velaí o resumo das consecuencias que, en palabras do deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, terá, de se aprobar, a lei de acuicultura que redacta o Goberno de Alberto Núñez Feijóo. “Esta norma é unha barbaridade”, sinala Fajardo, “que condena á desaparición a milleiros de pescadores artesanais e mariscadoras. Un ataque definitivo ao sector do mar. Non se pode emendar, hai que retirala e elaborar unha nova lexislación despois de falar cos axentes implicados”.

A Consellaría do Mar, dirixida por Rosa Quintana, intenta sacar adiante unha nova regulamentación que supón “unha expropiación do mar”. A lei, baseada nun plan director acuícola ao cal AGE presentou alegacións en tempo e forma que nunca foron respondidas, aparece cunha grave eiva conxénita: “Non hai consenso ningún co sector, senón apenas imposición a medida das multinacionais norueguesas, canadenses e xaponesas. Quintana pon o litoral galego á súa disposición ao estabelecer que o 100% do mesmo é susceptíbel se acoller piscifactorías”.

A expropiación forzosa se unha industria quere instalarse nalgures será norma. “A acuicultura será a actividade principal, o que conducirá á expulsión da pesca tradicional”, engade o parlamentario de Alternativa. A privatización das augas, en suma. “Obrígase ás mariscadoras a se facer acuicultoras. A conselleira afirma que é voluntario, pero minte e engana, porque se non se rexistran como acuicultoras, non poderán optar a axudas administrativas”.

Máis información: nota de AGE