Anova anima a construír colectivamente unha rebelión cívica para reverter unha "prórroga" que a todas luces é unha nova concesión con tinguidura de corrupción política.

Compostela, 28 de xaneiro de 2016-. Dende Anova-Irmandade Nacionalista queremos deixar claro o noso enérxico rexeitamento á chamada “prorroga”, concedida por parte do Goberno do Estado en funcións, que lle permitirá á empresa enclave ENCE ocupar os terreos de Lourizán até o ano 2073. Consideramos un feito extremadamente grave que o executivo do Partido Popular, en situación de provisionalidade dende hai máis dun mes, tome unha decisión política que só favorece os intereses privados dun negocio co que, asemade, mantén unha íntima relación de intereses. Que quen foron altos cargos de Medio Ambiente nas administracións central e galega, como a ex-ministra Isabel Tocino e o ex-conselleiro Carlos del Álamo, formen parte do Consello de Administración de ENCE, son dous casos palpábeis do funcionamento das chamadas portas xiratorias, que de seguro aínda van xirar moitas máis veces nos vindeiros meses e que só se poden definir baixo un mesmo termo: corrupción.

Con esta máis que censurábel medida, Mariano Rajoy, coa evidente complicidade dun Presidente da Xunta que ten enganado ao pobo galego reiteradas veces ao prometer, mesmo en programas electorais, o traslado da factoría, condenan o saneamento da ría de Pontevedra para todo este século, unha cacicada en beneficio dunha empresa condenada por delito ecolóxico. Estase obrigando aos habitantes da ría a ter que padecer de por vida a contaminación, os cheiros e o impacto paisaxístico dunha empresa instalada durante o franquismo e consolidada coas mesmas formas caciquís e antidemocráticas polos seus herdeiros.

Porén, esta nova concesión, pois definila como prórroga é unha soberana falacia, non prexudica só aos concellos e habitantes da ría, como Marín, Pontevedra, Poio e Sanxenxo, senón que supón un golpe terrorífico para todo o país, ao seguir avalando o Goberno a ditadura que exerce ENCE sobre a nosa política forestal, case exclusivamente dedicada á plantación de eucaliptos e outras especies de crecemento rápido que, sen dúbida, constitúen un dos maiores problemas ambientais dun país, o noso, que está a ser convertido nun enorme deserto verde.

Dende Anova tamén queremos salientar que os pobres, falsos e interesados argumentos do Partido Popular, centrados de cara á opinión pública na defensa do emprego da fábrica, son doadamente desmontábeis, pois o emprego en ENCE só representa o 1% dos postos de traballo da cidade de Pontevedra, e non ten en conta tanto o emprego esnaquizado durante décadas no marisqueo, na pesca, no turismo e noutros sectores, como as posibilidades potenciais de fomentar outro tipo de economía, máis sustentábel e con empregos de calidade se a fumeira de Lourizán non estivese na beira da ría.

Dende Anova comprometémonos a facilitar, dende os diferentes espazos políticos dos que formamos parte, tanto en Galiza como no Estado e en Europa, tódalas medidas xurídicas e administrativas necesarias para reverter esta intolerábel decisión. Asemade, apoiaremos tamén todas e cada unha das imprescindíbeis iniciativas sociais que loiten e pulen pola sustentabilidade e a defensa dos nosos recursos naturais e das nosas vidas.

Xa para rematar, animamos a toda a cidadanía a facer parte da manifestación que, convocada por Ence Fóra da Ría, partirá o vindeiro venres 29 ás 20:30h da Praza da Ferraría de Pontevedra, á que asistirán varios dos nosos cargos públicos, entre eles o Coordinador Nacional e vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez.

Máis información: .