Non é necesario a estas alturas dicir que o modelo agrícola que se vén adoptando dende a metade do século XX non é bo para as abellas. Tampouco é necesario dicir que o modelo de “progreso” é totalmente pernicioso para estes insectos, hai estudos que o constatan e numerosos artigos e documentais ao alcance de case calquera persoa minimamente preocupada polo Medio que así o afirman. Sabemos, por exemplo, que os sulfatos e outros fitosanitarios son causantes directos da morte de millóns de abellas, ao igual que a contaminación das industrias e dos transportes. Sabemos, de igual xeito, que estes bechos son os que polinizan a meirande parte das colleitas que van alimentar a millóns de persoas. Sen abellas, polo tanto, podemos dicir que morreriamos de fame. Unha das novas máis delirantes con respecto á súa morte en masa e preocupante desaparición é que Monsanto, en vista do dano “colateral” que produce o modelo de agricultura que preconiza, está a empregar “abellas robots”. Monsanto, esa multinacional que tanto cría transxénicos como sulfatos, insecticidas como o DDT ou o pernicioso glifosato, e mesmo a coñecidísima sacarina, ese edulcorante que está recoñecido como canceríxeno, como case todo o que fan alí… mais sobre estas multinacionais hai tamén artigos arreo.

Poderiamos dar por finalizada a defensa danecesidade da supervivencia das abellas, e xa que logo dun modelo diferente de agricultura e industria, con ese parágrafo anterior, que contén moi sinteticamente a información necesaria para mirar ao redor e considerar outras opcións para dar solución ao problema do seu esmorecer en todo o Planeta. Así que dada a cantidade e calidade de información apelaremos dende Anova á sensibilidade que cadaquén teña de cara á Natureza para que dende mañá mesmo tomemos a decisión de facer o posible para que estes insectos non volvan verse ameazados polos nosos nefastos xeitos de vida, aos que hai que engadir ultimamente as “velutinas”, nespras asiáticas que se dedican a capturar abellas das colmeas para alimentarse e criar á súa prole en detrimento das abellas autóctonas. E iso significa que ti tamén tes parte de responsabilidade e que cando escolles conscientemente opcións máis “sustentables” estás realmente comezando a mudar algo.

Dicían as nosas avoas que “quen mata unha abella cen anos ten de pena”. A nosa cultura tradicional é moi sabia, a crianza de abellas era algo normal e necesario, delas obtiñan ademais do mel, a cera que os alumeaba nas noites, e xa nas últimas décadas púxose de moda o pole e o própole, produtos todos eles con usos moi diferentes que van dende a alimentación á cosmética, pasando polos medicinais. Mais esa crianza tamén enriqueceu o noso patrimonio cultural, casas con “lacenas” que no exterior parecen as entradas dunha caixa de correo de pedra, mais non… e por dentro compartindo o espazo habitado cas humanas mediante un oco preparado para albergar un “cobo” (a colmea), por certo colmeas que deron lugar a unha diversidade moi rica tanto de formas como de materiais, pero tamén as impresionantes concentracións delas en “alvarizas” que semellan pequenos “castros” para a crianza destes animais.

Pero vaiamos ao título novamente, “abellas: vacina contra a estupidez”… Pedíamosvos unha mirada ao que nos rodea. É obvio que sobre o noso medio, sobre a nosa paisaxe, tomamos decisións que transcenden o “feísmo” arquitectónico. Levamos décadas con políticas que non só matan abellas, tamén nos matan a nós, políticas que fixeron do noso agro un ermo cheo de silveiras, de bosques que deixaron de ser ecosistemas complexos e cheos de vida a monocultivos de eucaliptos ou piñeiros que superan en hectáreas, no caso dos eucaliptos, mesmo a Australia, de onde viñeron os primeiros. Dan tanto de si que ata se comenta que pouco falta para que traian koalas… Supoñemos que ata os canguros se sentirían divinamente neses montes. Pero tamén hai que falar da construción de vivendas, ben espalladas ou en “adosados” ou en “pareados” e outras asociacións igual de absurdas sen xeito, esparexadas por Galicia adiante, que nos encarecen os servizos básicos ao resto da veciñanza, políticas que favorecen os “caprichos” por riba da cordura e enténdase ben o de “caprichos”, pois temos que facer autocrítica e recoñecer que non todo vale, que non podemos construír en calquera leira ou monte por moi propiedade “nosa” que sexa, non podemos hipotecar ás xeracións futuras e mesmo condenalas a vivir (a sufrir máis ben) nun medio esnaquizado e intoxicado.

Precisamos pois políticas que comecen a reverter os efectos nocivos deste modelo social que moitas xa non aturamos. Cambiar a agricultura “industrializada” chea de veleno por outra sa, ecolóxica, de proximidade e de temporada. Mudar a forma de relacionarnos co noso territorio, acabar con esas nefastas leis que permiten recualificacións de monte a terreo construtivo para a especulación de catro avarentos. Fronte a iso é necesario restaurar o noso bosque atlántico con plans para eliminar plantas foráneas que nada “pintan” aquí, é necesario tamén comprender que non se pode construír en calquera lado deixándoo claro nos PXOMs (Plans Xerais de Ordenación Municipal). Asemade, ten que quedar claro tamén que debemos repensar o modelo industrial e por suposto o enerxético. Preferimos mil veces un muíño de vento afeando o lombo dunha serra antes que a porcallada que solta Meirama ou As Pontes, ou mesmo tódolos encoros que asolagaron parte desa Galicia fermosa, non importando se había pobos ou se eran zonas de cultivo. Preferimos tamén eses muíños antes que hectáreas e hectáreas de eucaliptais ou outro monocultivo silvícola, ou tellados cheos de paneis solares antes que saber que a “nube” que vemos sobre os nosos montes é en realidade a porcallada que emite Ence… as de aluminios ou calquera outra industria contaminante.

Preguntádevos se no voso concello sulfatan as cunetas con glifosato, se hai permisos para plantacións de OXM (Organismos Xeneticamente Modificados, é dicir, transxénicos) se hai plans para recuperar o sector do agro e si se apoia a agricultura ecolóxica, se hai cooperativas de consumo responsable nas que poder participar e involucrarte, se podes mudar a cooperativas de enerxía limpa e renovable. Preguntádevos tamén se os vosos bancos están cegos á hora de investir en todo o que dana o noso Planeta,  porque seguramente son dos principais investidores… mesmo preguntádevos se a empresa na que traballades ten responsabilidade ao respecto, así que canto antes comecemos, mellor, implicádevos!!

Se as abellas deixan de morrer en masa, se paramos o seu perigo de desaparición, poderemos dicir que a vacina contra a estupidez funciona.

Grupo de Sustentabilidade de Anova