Áreas de traballo

Contidos en construción

Anova cara ao 25 de novembro: "Temos que despatriarcalizar a nosa sociedade"

Anova anima a cidadanía a unirse aos actos feministas que se convoquen ese día, 25 de novembro, ao longo do país. As mulleres e os homes de Anova reafirmamos neste 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, o noso compromiso para despatriarcalizar a nosa sociedade e contribuír á construción doutro modelo. Os procesos constituíntes, que impulsamos xunto a outras forzas políticas e sociais, terán que pór as bases para acabar coa violencia machista e a desigualdade.

Concentracións de apoio ao pobo saharauí

A Asociación de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí convoca a todas as persoas de ben a unha concentración diante do MARCO en Vigo en apoio ao pobo saharauí, contra a violencia exercida por Marrocos no Sáhara.

A concentración será mañá o xoves, 23 de xaneiro, ás 20.30 horas e será un acto de protesta contra a brutal violencia que a policía de Marrocos está utilizando estes días no Aaiún ocupado contra os cidadáns e cidadás saharauís.

A violencia contra o pobo saharauí vén motivada por unha manifestación pacífica que estas cidaás e cidadans realizaron para chamar a atención da ONU para que dea protección e soluciós aos saharauís diante da represión marroquí.

A contra-reforma da lei do aborto: un atentado terrorista contra os dereitos e a vida das mulleres

As mulleres de Anova demandamos un modelo de educación afectivo sexual baseado na información e a liberdade de decidir sobre o propio corpo. A maternidade é un dereito, unha escolla libre, e non unha imposición.

O anteproxecto de lei reguladora do aborto no Estado Español, aprobado o venres, 20 de decembro, coa denominación Lei Orgánica de Protección da Vida do Concibido e os Dereitos da Muller Embarazada, recorta gravemente os dereitos das mulleres a decidir sobre o propio corpo, que ata agora podían abortar libremente até a 14ª semana. As mulleres fican con menos dereitos que o "nasciturus" e os motivos para abortar legalmente redúcense á violación, risco para a saúde física ou psíquica da nai (até a semana 22) e elimínanse as anomalías fetais como tal.

A nova lei do aborto trata ás mulleres coma persoas sen capacidade para decidir, deixando a decisión sobre o embarazo en mans de profesionais sanitarias e xurídicas.

 

A fronte ampla cos anteollos violeta

As feministas organizadas en ANOVA vimos a necesidade de reunirnos para reflexionar sobre o proxecto de Fronte Ampla. Un debate vivo no seo da esquerda política e social ao que pretendemos aportar unha ollada violeta. Son moitas as perguntas que nos facemos e moitos os retos que temos por diante: que podemos aportar desde Anova ao movemento feminista? como deconstruír o patriarcado dentro da nosa propia organización? cales deben ser as alianzas e pactos que debemos fomentar? a Fronte Ampla sería unha ferramenta válida para o cambio que perseguimos as feministas?
Se che interesa este debate, onde procuraremos buscar resposta a todo isto e máis, estas convidada, estas convidado.

25 de novembro: Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Desde a área de Acción Feminista de Anova queremos aproveitar a celebración do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, para amosar a nosa repulsa contra esta lacra que afecta á sociedade e repercute directamente nas vidas das mulleres.
Os reiterados recortes de dereitos: dereito á saúde, dereito a un traballo digno, dereito á vivenda, dereito de folga e manifestación, dereito a decidir sobre o noso corpo, afectan en maior medida ás mulleres, que unha vez máis son o sector máis desprotexido e que máis acusa a pobreza desta crise sistémica.