O covoceiro nacional de ANOVA, Xosé Manuel Beiras, avisa na Radio Galega aos colectivos e grupos que se queiran sumar a partir de agora ao proxecto da Marea de cara ás autonómicas que deberán integrarse sen condicións. No espazo "A Entrevista", Beiras asegurou que, malia manter as "portas abertas", o tempo de negociacións en condicións de igualdade "pasou". [Radio Galega]

De cara ás eleccións autonómicas, das que mesmo ironizou coa súa posible non celebración como tal, Beiras asegura que "o importante é que En Marea se relance a nivel de escenario galego para as eleccións lexislativas galegas". Acto seguido engadiu como principal "que se elabore -e niso ten que tomar a iniciativa formalmente a coordinadora de En Marea e iso supoño se fará nos próximos días-  un grupo de traballo que empece a facer unha alternativa política e programática".

Respecto á proposta do secretario xeral de Podemos Galicia, Breogán Riobó, de abrir o debate a que a formación morada concorra en solitario, Beiras di que é un asunto interno de Podemos pero para o político veterano, Pablo Iglesias xa lle replicou. 

Ao preguntarlle pola situación do BNG, Beiras asegura que actualmente a formación frontista non é útil para o cambio político. Lembrou que o BNG rexeitou en diferentes citas electorais dende 2012 concorrer con outras forzas nacionalistas e acusou á UPG de boicotear tódolos acordos posibles.

Beiras desvelou conversas telefónicas que mantivo con Xosé Luis Rivas -Mini- e covoceiro nacional Xavier Vence nas que o voceiro de Anova lles amosaba a súa disposición a entenderse.

Pero, engadiu, "fíxose un encontro e a UPG foi a boicotear. Rebentou a posible unidade. Polo tanto se seguen así evidentemente nin sequera se lle pode chamar organización política, eu non sei se unha confraría, pero en fin". 

No que atinxe á actualidade estatal, coa non consecución do grupo parlamentario propio de En Marea no Congreso, Beiras díxose satisfeito coa resolución da situación. O voceiro de ANOVA admitiu que para eles "era fundamental manter a unidade de En Marea". E explicou: "Se nos mandaban ao grupo mixto ía ser moi difícil evitar que se desmembrase o conxunto En Marea. E nós no podiamos darlle ese recital desagradable aos cidadáns que apostaron por En Marea como unha candidatura propia". 

Inquirido polas palabras de Carolina Bescansa, número tres de Podemos, en que xa agoiraba no verán a dificultade dun grupo propio para a Marea, Beiras dixo que "Carolina Bescansa é a máis xacobina de toda a equipa dirixente de Podemos. Aínda que é compostelana e eu coñézoa ben dende hai bastantes anos É a máis xacobina pero o que diga Carolina Bescana non fai nada". Sobre unha eventual participación de Bescansa na política galega, Beiras dixo que "pode facer política en Galicia. Por que non?". 

De cara ao papel de En Marea nas negociacións que poida manter o grupo parlamentario de Podemos para a formación do Goberno, Beiras recoñece que En Marea estará suxeito á coordinación de Podemos. O voceiro de Anova di que os problemas das maiorías sociais deben abordarse dende as esquerdas e concretou que  "unha problemática das cuestións nacionais xógase fundamentalmente agora a nivel de estado. Esta alianza que establecemos dános a inciativa política a nós. En Marea ten voz propia per evidentemente funcionaremos tendo en conta a coordinación de todo o conxunto". 

Para Beiras, as liñas vermellas trázanas aqueles que queren "facer ver que os negociadores do outro lado son intraxintes". Nese sentido, rexeitou cun "en absoluto" que se aparque a cuestión do dereito a decidir. Non obstante si explicou que lle suxeriu a Pablo Iglesias propoñerlle a cuestión ao PSOE dende outra metodoloxía.

O voceiro de Anova di que hai que pedir o recoñecemento da existencia de "varias realidades nacionais" e dese dereito e "inserir aí a cuestión da reclamación catalana, do pobo catalán, do referendum" e "formular o recoñecemento desde o principio" e "en cambio, o que si podiamos dicir é que non é indispensable a aplicación dese principio porque hai que ter en conta como vaian as condicións políticas".

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012