Andaba eu a remexer antonte, de madrugada, nunha vella cómoda arrombada no faio da nosa casa, na percura duns documentos hai tempo xa traspoleirados, mais que agora precisaba arrecadar.

 Néstas, no batifúndio de aquiles caixóns ateigados das chirimboladas máis diversas, emergullaron as lapelas dunha carpetiña amarela, ou millor diría amarelecida, que puña escrito da miña man 'orixinais en balde'. Díxenme: "outra máis" -poisque delas háivolas abondas, ciscadas polos recantos máis insólitos da casa entremedias de feixes inordes de papeis ás veces atados con bramante, ou amoreados en caixas de cartón, ou como neste caso, recluídos en caixóns, gavetas ou lacenas a porta pechada, ao xeito do inferno do 'Huis clos' de Sartre. Con todo, a curiosidade incitoume a fisgar no contido da carpetiña: varios fascículos de manuscritos, con cadanseu clip, dous diles con copia mecanografada na miña vella máquina elétrica, hai tempo xa difunta, e datados en xuño do 1993, ún mesmo esactamente na noite do San Xoán. Non tiña na memoria pegada ningunha de telos escrito, mais despois de lélos e tida conta das datas, cadraban co episodio da miña expulsión do Parlamento galego, decretada polo daquela seu Presidente, o finado Vitorino Núñez, en execución das ordes de Fraga, no proceso de amputación da lei reguladora da cámara e demouca dos dereitos da oposición. No entanto, o contido de un diles, ou se queredes a parábola que relata, pareceume tan transladábel ao proceso que estamos a vivir e ao desenlace eleitoral do vindeiro domingo, que non me non resisto a transcribírvolo eiquí e sometelo á vosa consideración. Deste xeito, ademáis, cedo ás benguiadas reclamacións de algúns de vós e crebo -inanque só sexa por un día- o mutismo de palabra escrita no que me mantiña desque o nazinecio poder tatexo autoanémico asasinara o 'Galicia Hoxe' que daba acollida ás miñas prosmeiras prédicas dominicais.

H & H: REPÚBLICA DE WEIMAR EN LILIPUT

Cóntannolo os bos libros de Historia -esa literatura decote subversiva por ser veraz, e que portanto o sistema disuade cada vez máis procazmente de lér. Foi o caso nun cultísimo país da moi civilizada Europa. Aconteceu alí a instrutiva peripecia da resistíbel ascensión ou medre 'contra natura' dun anano mental e moral que nomearemos abreviadamene Hit, no colo dun mastodonte con miolos de cuspe de grilo que, tamén por abreviar, chamaremos Hind.

Había nesa altura no tal país un rexime político moi versallescamente democrático e, para máis señas, republicán. Un rexime de moles liberdades xurdido despois dun grorioso período reaccionário como é debido, de guerras e de império, alí coñecido e numerado até duas veces como Reich, e que desembocara nunha igualmente groriosa ruina, co fachendoso arruallo nacional a pedir por portas, ou sexa, humillado e endebedado polos catro costados ou pontos cardinais.

Levaba a liberal constitución dese rexime o nome dunha vella cidade até daquela coñecida no mundo por algo tan distante e contraposto á política e aos xurisconsultos como son as artes da música e da poesía, quer sexa Goethe, Schiller ou Liszt: Weimar. Para culmen de fatalidades, no punto e hora en que comeza a historia ou esperpento de H & H, ou Hit & Hind, desencadeárase en todo o hemisferio darredor dese civilizado e cultísimo país a crise económica e drama social máis graves de tódolos tempos modernos, co consabido correlato de descomposición moral e destrago de valores éticos estabrecidos de antigo, que os santos padres de turno se apresuraron a condear urbi-et-orbe sen perda de tempo, para adverténcia dos homes todos de boa vontade -que desventuradamente resultaron ser ben poucos, mália que escolleitos.

É xusto nese intre preciso, como por un casual, cando ao anano mental e moral nomeado Hit dáselle por botarse a medrar, contra tódalas leis da natureza, insisto -e máis coa desnutrición e fame que aló inzaban por mor da crise, e que il pasaba tamén poisque tampouco niso a fortuna o agraciara. Medra primeiro nos herbais dun recanto verde do grande país: na Bavaria -cousa distinta da Babia, e disimule o perspicaz leitor. A seguida, un mangado de trogloditas fosilizados no paleozoico, mais que o cámbeo climático inducido pola crise devolvera á vida tansiquer vexetativa, con megafonía a esgalla, e cun desleigado mintirán enveleñado nas universidades pola decadéncia de oucidente e especializado en difundir infundios e falacias como quen larga matute con envoltorio de cousa fina, o tal Hit, anano saltarín, salta, faltaría máis, e en só dous anos, de ter 12 a obter 107 acólitos empoleirados nas cortes lexislativas do país en custión. Non satisfeito con iso, noutros dous anos máis estírase até 230 escanos ocupados polos seus sosias, igualiños todos a il e máis antre si coma cagallas de merda ou gasto do mesmo bicho. E tudo moi democrático, por sufraxio universal, libre, individual e segredo dos cultísimos e civilizados cidadáns do espello de oucidente que era o tal país.

Acadada esa estatura, o Hit arrepónselle ao Hind en eleicións presidenciais, humíllao, faino pasar á segunda volta e arrepáñalle nada menos que o 37% dos votos. Nunca tal vira nen imaxinara o mangallón do Hind, vellote que en tempos fora home de armas tomar, heroi coas armas vencido mais, con todo, símbolo inviolábel da honra nacional posta a salvo. E máis, inda non reposto do abraio, bambeante a atoutiñante coma os homes de ferro teutóns descabalgados por Alexander Nevsky sobor do xeo do lago que a seguida os engulira, o big Hind -como xa daquela deran en alcumalo os raposeiros cinéfilos do entón- axiña ía ter que presenciar algo inconcebíbel polo seu maxín -poisque imaxinación, o que se di tal, o cuspe de grilo non é que dea pra moita. Tivo, nefeito, que mirar ao Hit convirtido en xefe de governo co apoio duns semifusos que se dicían centristas e nacionalistas, seguidores dun tal Papón-Nunes, que coidaban que os deputados chamábanse así polas deputacións -e inda menos mal con esa opción semántica- e que, enfin, praticaban o nen si nen non senon todo o contrario, ou sexa, mande vostede, patrón.

Á marxe ficaban uns señores moi formais, finos e comedidos, que invocaban a socialdemocracia e tiñan rango de segunda forza na cámara que inda daquela era de representantes que non de gas. Asosegados e impertérritos, por estimaren que a cousa non ía con iles, non perdían a calma por mixiricadas tais como as ocurrencias do Hit. E en frente... Boh!, en frente só combatían 81 garulos atrabiliarios que vistían raro, non cortaban o pelo por riba das orellas como estaba mandado, e predicaban unha cousa esotérica, moi axiña extinta, que iles chamaban comunismo. Éranvos tolos incendiarios natos. De xeito que ao Hit non lle custou nen chisco convencer á caste política e máis a toda a clase meia do país, que xa daquela se declaraba unánimemente apolítica e mesmo por iso votaba en masa ao Hit, de que aquiles garulos incendiaran nada menos que o pazo do Parlamento -que ali chamaban Reichstag, asi de raro. Prendeunos a todos, craro é, e con toda xustiza. E así puido o Hit facer aprobar polo Reichstag unha lei na que o tal Reichstag se suicidaba, colectiva e institucionalmente, pasándolle a Hit, nos mesmiños fuciños dun estupefacto Hind, plenos poderes para governar e lexislar por decreto á marxe desas liberaloides institucións obsoletas, custosas, molestas e insalubres que eran a cámara lexislativa e máis o paspán do Hind, aínda Presidente.

De alí en diante, todo foi como as proprias rosas. Hit suprimíu tódolos sindicatos (agás o seu), tódolos xornais de partidos (agás do seu tamén), e finalmente tódolos partidos (agás, obviamente, o seu: algún tiña que haber). Anticipouse á imaxinación de Orwell convirtindo ao desleigado mintirán xa aludido -agora relembro que o chamaban Pequeno-Goeb- en xefe do Ministerio da (Única) Verdade, con poder absoluto sobor dos mass media a-políticos restantes. Puxo en prática o antiquísimo aforismo de que "a rúa é miña", facendo efectivamente donos da rúa aos seus candorosos e animosos plebeios, orgaizados nunhas siglas equívocas: as SA, disque. Mais cando, bébedos de 'ardor combativo', empezaron a criarlle incordios cos profisionais das armas, fixo que os plebeios fosen liquidados polos aristócratas -istes tamén con siglas equívocas: as SS, seica. E digo "disque" e digo "seica" porque a min aprendéranme que, no mundo normal, para os plebeios está a Seguridade Social, e as Sociedades Anónimas en troques están para os plutocráticos aristócratas. Mais, ben mirado, é obvio que o país desta historia de H & H non era o mundo normal, senón o mundo ao revés. Abrevio. Finalmente, palmou o big Hind, e o anano Hit, que tanto medrara que xa lle cabía todo o Estado na cabeza, xuntou na sua persoa a xefatura de governo, o poder lexislativo e máis a xefatura do Estado. Hala!.

Miragreiramente, o maravilloso enxendro nacía como desenlace dun proceso 'nidiamente' democrático, desenvolto coa forza dos votos nas institucións deseñadas pola constitución de Weimar. E o povo foi totalitariamente feliz: aclamacións clamorosas, concentracións imensas en campos ad-hoc ou fóra diles, milleiros de instrumentistas e coristas multiplicando exponencialmente os decibelios da música de Wagner, fartura de grandeza nacional e de produción de aceiro comestíbel, e moita máis bendición de dios que omito eiquí, foron nourritures terrestres abondosamente ofrecidas e consumidas pola cultísima e civilizada cidadanía de 'escravos felices' dese país de fábula -mal que lle pesase xa daquela ao tácitamente citado Gide e outros pederastas e comunistas coma Bertolt Brecht, que pretendían ter razón iles sós frente á evidencia da felicidade das masas e dos votos nun energuménico orgasmo nacional inenarrábel. E así remata a peripecia ou esperpento de H & H, ou Hit & Hind, con este final feliz indiscutíbel, tanto para Hit que accedeu temporalmente á groria imperial neste mundo, canto para Hind que descansa eternamente na groria celestial do outro.

Cóntannolo os bos libros de historia, os veraces, dixen. Só nunha cousa penso que se enganan ou erran -pois mintiren non é cousa conciliábel con seren veraces. Penso así eu porque niles pónselle ao país do esperpento en custión o nome dun lugar ou topos inexistente. Vós diredes, leitores: chámano Galiza. Engano ou erro enormísimos, non si?. Xa dicía eu!. porque o nome verdadeiro non é ise. O nome verdadeiro é Liliput. Ou tampouco, meu señor Swift?

  Reboraina de Aguiar, xuño do 1993.

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012