O pacto constitucional está rompido por obra dos mesmos actores que foran os seus artífices hai un terzo de século, a soberanía "nacional" cedida á UE e o FMI, os inquilinos do aparello de estado manexados coma monecos de ventrílocuo polo poder imperial e os seus missi dominici, o poder xudicial a facer "mangas e capirotes" dos dereitos cidadáns á marxe de calquer control democrático, a xerarquía católica reinstalada no sectarismo inquisitorial da "cruzada", e o capital financeiro transnacional convirtido en bailleur de fonds dunha metamorfose do nazi-fascismo encarnado nunha ultradereita reacionária e xenófoba disfrazada de popular: a farsa tráxica está servida no "corral nublado" de Max Estrella.

Cada día que pasa, acontecen feitos e agroman fenómenos que inequívocamente sinalan que o actual rexime político español e a cidadanía que o padece camiñan en direición contraria e sentido histórico inverso un da outra. Mentres a vertixinosa involución político-institucional arestora en curso está a reducir a cinzas o deseño constitucional dun Estado social de dereito, unha economía social de mercado, e unhas autonomías políticas de primeiro rango para as irredentas "nacionalidades históricas", a cidadanía activa, é dicir, exercente como tal, está a reorganizar o seu artellamento nesas tres frontes cardinais de combate dentro da sociedade civil, no senso gramscián do conceito -a dos dereitos e liberdades fundamentais do cidadán, a do escalazado "welfare-state", e a da realidade plurinacional da pell de brau, en metáfora de Espríu. Medra a diverxencia antre esas duas dinámicas, e comezan a proliferar os síntomas de que pode desembocar, mesmo se cadra abruptamente, nun divorcio irreversíbel antre a "sociedade civil" e a "sociedade polìtica" no espazo peninsuar. Síntomas que o poder político non sabe ou non quer abesullar, coma quen, nun territorio volcánico, non presta atención á emerxencia de fumaceiras que anuncian unha erupción.

Por unha banda, no plano político-institucional, coido que non resulta esaxerado diagnosticar que o rexime político áchase en proceso de descomposición -unha etapa desta segunda Restauración borbónica en certo xeito análoga ou equivalente á da primeira hai cousa de cen anos. O pacto constitucional está rompido por obra dos mesmos actores que foran os seus artífices hai un terzo de século, a soberanía "nacional" cedida á UE e o FMI, os inquilinos do aparello de estado manexados coma monecos de ventrílocuo polo poder imperial e os seus missi dominici, o poder xudicial a facer "mangas e capirotes" dos dereitos cidadáns á marxe de calquer control democrático, a xerarquía católica reinstalada no sectarismo inquisitorial da "cruzada", e o capital financeiro transnacional convirtido en bailleur de fonds dunha metamorfose do nazi-fascismo encarnado nunha ultradereita reacionária e xenófoba disfrazada de popular: a farsa tráxica está servida no "corral nublado" de Max Estrella.

No entanto, por outra banda, a cidadanía activamente desalienada, a que non está disposta a que os cidadáns sexamos reconvirtidos en súbditos, reactiva ou reformula en redes a sua resistencia fronte a poderes económicos, políticos e mediáticos que sistemáticamente agreden nos seus dereitos e intereses ao común cidadán que constitue a maioría social, tanto máis desprotexida canto que a maioría dos trebellos e artefactos ideados e construídos no seu día para representárena e defendérena téñense ido tornando ineficientes ou obsoletos, cando non remataron por funcionaren à rebours. Nese proceso de rearme cidadán, unhas veces rexenéranse ou revitalízanse orgaizacións previamente existentes destragadas ou aletargadas, outras innóvase con fórmulas e métodos que se inspiran, transformándoos, nos forxados no decurso dos grandes movementos emancipadores dos dous pasados séculos -os combates polas liberdades cívicas, as loitas de clase, e os procesos de descolonización e autodeterminación dos povos asoballados. Pero, endemáis, vanse incorporando os enxendrados na esperiéncia dos movementos sociais antisistémicos, xurdidos primeiro e primordialmente na periferia do sistema-mundo fronte á "globalización" ultraliberal durante o último terzo de século, e nos que son chaves a prática da auto-orgaización e a democracia horizontal.

Boa parte deste proceso decorre soterradamente, coma o traballo da vella toupa, baixo a epiderme do corpo social, e nese traxecto a sua actividade non resulta ostensíbel. Eis por que, cando emergulla, adoita acontecer contra pronóstico e como por xeración espontánea -fenómeno consabidamente tan alleo á dinámica social coma á biolóxica. E decote fronte a unha creba ou unha falcatruada do Estado. Así aconteceu na Galiza cando do masivo movemento cidadán Nunca Máis fronte á catástrofe ecolóxica, inanque nada natural, ocasionada polo naufraxio do petroleiro "Prestige" e a necedade do "señor de los hilillos", don Mariano. E así tamén, en Catalunya, coa iniciativa cidadán de convocar consultas a nível municipal sobre a sua independéncia nacional, fronte á indignante bulra consumada polos poderes e institucións do Estado español no esperpéntico "affaire" do Estatut. Paralelamente -millor diría converxentemente- en Euskadi, a base social da esquerda "abertzale" redeseña a sua expresión política, nunha teimosa percura de novas fórmulas eficientes para o logro da paz cívica interna na que proseguir o seu proceso histórico de autodeterminación -mentres a única que non cede un chisco é a violencia institucional do "Estado penitencia", que diría Loïc Wacquant. Tres expresións distintas dun mesmo proceso de reorgaización da cidadanía activa perante un problema común, en tres espazos sociopolíticos diferentes tocantes á sua idiosincrasia ideolóxico-cultural, á sua estrutura social interna, á sua traxectória histórica e ás manifestacións específicas da sua relación conflitiva co Estado español -incluída a forma peculiar de incidéncia en cada caso do fraude da "reforma plolítica" no episodio da transición ao post-franquismo.

Iste é, na miña opinión, o contexto no que compre facermos a leitura da consulta sobre a independéncia de Catalunya celebrada en Barcelona o pasado 10 de abril, como etapa final dun proceso aberto pola iniciativa pioneira no pequeno concello de Arenys de Munt hai cousa de ano e meio, e en cuxas sucesivas convocatorias tiven a fortuna de ser testemuña como observador convidado -e das que vos levo dado conta nesta páxina do GH. A consulta de Barcelona constituía un repto moi singular: as especiais dificuldades que, para a metodoloxía destes referendums non institucionais, supuña abordalas nas cidades grandes, exacerbabanse no caso desa grande urbe hoxendía moi cosmopolita e multicultural, onde o peso relativo de povoación de moi diversa procedéncia e non, ou apenas, integrada no imaxinario catalán é moito meirande. Requería reduplicar os esforzos en orgaización, continxentes de voluntariado e metodoloxía de traballo, e durante un período preparatorio maior. Era, xa que logo, un repto que por unha banda implicaba un risco adicional moi superior ao das consultas precedentes, e por outra banda, en troques, o impacto e resonáncia do resultado serian moito meirandes dentro e fóra do país: un fracaso da consulta en Barcelona podía dar ao traste con boa parte dos efectos do éxito colleitado nas anteriores.

Durante a miña xornada como observador, os meus amigos do CIEMEN confesaban que acadaren unha participación do 15% sería moi satisfatório. Ora, como xa é sabido, a participación superou o 21% -cun 91% "si", un 7% "non", e o resto votos en branco. Reparade neste contraste: poucas semanas antes, a alcaldía de Barcelona convocara institucionalmente un referendum, con grande aparato propagandístico, sobre un controvertido proxecto de reforma no eixo urbán da cidade -e a participación apenas acadara o 12%. E por certo, relembrades cál fora a cota de participación no referendum galego do Estatuto de autonomía do 21-12-1980?; pois consultade os xornais do día seguinte -e veredes. Coido que o devandito contraste resulta elocuente verbo da diagnose exposta por min máis arriba: o decurso diverxente da credibilidade das actuais institucións políticas e a conciencia activa do común en trance de recuperar a iniciativa cívica, social -e política tamén, no senso máis xenuino do conceito. Ou sexa: da cidadanía activa que entende a "sociedade civil" como o escenário das dinámicas de contradición e confrontación social e ideolóxica determinantes da hexemonía que se proxecta sobre a "sociedade polìtica".

Ao remate da xornada, algúns xornalistas perguntabanme cál coidaba eu que ía ser a reacción dos poderes estatais. Díxenlles que a de sempre, pro que me importaba pouco. O importante era a dinámica endóxena do, neste caso, povo catalán e o salto que supuña a esperiéncia das "consultas" no seu proceso cívico-político de autodeterminación -e non tanto polos resultados cuantitativos canto polo cambio cualitativo de panorama que abría para a continuación dese proceso. Os poderes do estado xa se verían obrigados a "quereren" dialogar, cando o proceso acadase o seu ponto de masa crítica. Se aínda daquela estaban a tempo, claro. Porque se cadra xa non estarían en condicións de impediren a "ruptura", de amañaren outra "transición" -de repetiren o fraude polìtico consumado hai un terzo de século no corral nublado hispano. Nen nesta dimensión problematica das cuestións nacionais aínda pendentes, nen no da opresión e esplotación das xentes traballadoras, nen tampouco no da definitiva emancipación cidadá frustrada no post-franquismo. En suma, nas tres dimensións dialéticas axiais para a instauración da independéncia e a liberdade republicás no senso riguroso do conceito -coa indispensábel e correlativa exclusión de calquer "restauración" institucional arqueolóxica, madia leva. Ésa é a miña espranza -a nosa espranza, quero dicir: a d@s cidadáns do común democráticamente exercentes, sexamos galeg@s, cataláns, euskaldúns ou españois de nación.

Fonte

Galicia Hoxe

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012