Nesta democracia de baixo perfil, que ás veces acredita en non representarnos, a concentración do dióxido de carbono está a facer irrespirable o aire que inspiramos provocando unha somnolencia de gravidade… con risco de dano vital irreparable no noso ser orgánico colectivo. Aínda así, nesta carreira acelerada de renuncias impulsadas por aqueles que non pasan polas urnas e aplicadas por aqueles que din non ter autonomía para non aplicalas, ábrense fiestras de esperanza.

 A mobilización cidadá do 15-O é unha delas e agardo que, aínda que a moitos lles moleste, esta non esmoreza. Toda a xente que ateigou as rúas do país demostrou que non vai a dar un paso atrás e que, pese a quen lle pese, non vai a deixar de pensar. Precisamos pensar, analizar o que está a acontecer, establecer vasos comunicantes entre formacións sindicais e políticas alternativas cos movementos cidadáns e ser conscientes de que, nesta batalla contra aqueles que cos seus actos insultan a nosa intelixencia, non sobra ningún tecido vivo que latexe demandando modelos de sociedade alternativos e xustos.

O 20-O tamén se abriu outra fiestra de esperanza. Hai varias novas que un leva moito tempo agardando escoitar. O 20-O foi un día deses nos que puiden escoitar unha delas. Son fillo dun donostiarra e dunha galega emigrada en Caracas. Teño dende sempre a fonda convicción da necesidade de empregar as vías pacíficas, políticas e democráticas para a resolución dos conflitos. Por todo iso, para min, a nova do comunicado da organización terrorista ETA foi unha fiestra aberta á esperanza e o inicio da fin de moita dor futura. Cómpre investir en esperanza e xenerosidade para non dar un paso atrás. Xenerosidade para aqueles que non a tiveron, xenerosidade para restaurar a memoria das vítimas e, sobre todo, xenerosidade para entender que “a pelota vasca” está no tellado colectivo da única arma de futuro que precisamos nestes tempos, a da vontade democrática dun pobo.

Respiramos polo tanto cun pouco menos de dificultade mais precisamos non deixar de abrir fiestras. No próximo 20-N a cuestión non está nunha alternancia na xerencia da oficina de demolición e desmantelamento dos nosos dereitos socio-laborais e do estado do benestar. O próximo 20-N deberemos decidir se queremos permitir que continúe entrando o aire e polo tanto apostar por formacións alternativas críticas co modelo actual ou instalarnos na inercia de pasar de Guatemala a Guatepeor sen capacidade de reacción. Entre todos e todas, por acción ou omisión, construímos o futuro.

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012