A Europa actual aseméllase xa moito á de antes da Unión Europea. Parecía que se chegara a unha especie de uniformidade diluída, cunha Alemaña sen aspiracións de dominio e unha Rusia desaparecida do mapa e sen poder. Mais a Unión Europea foi sempre, desde o inicio, un proxecto de imperio no continente europeo dirixido polo poder hexemónico do noso tempo desde outro continente.

O obxectivo da creación de Unión Europea foi sempre político, a pesar de que no comezo se apresentou como unión económica. E iso foi o que levou ao fracaso inexorábel, pois non se pode sacrificar até ese punto a economía á política. O habitual é que as unións políticas, como as que se forman cando varios Estados se federan, teñan como base intereses económicos en común, o oposto do que aconteceu na Europa, onde os intereses económicos eran diverxentes. Desde o punto de vista económico estaba claro que nunca podería haber unión nin uniformidade, nin sequer entendemento comercial entre os distintos países que a formaban. A diversidade era xustamente a característica fundamental de Europa e a orixe da súa riqueza cultural e criadora. A Unión Europea serviu para que os países do Norte, máis fortes e adiantados, tirasen proveito con impunidade dos do Sur, afogados na corrupción profunda e incesante e nas mans de elites dispostas a vender ou regalar os seus países para seguir elas vivindo ben. Alemaña, cunha economía baseada na exportación, puido exportar con facilidade a un mercado prisioneiro. Os outros países do Norte, a Franza incluída, puideron vender sen impedimento os seus produtos bancarios aos do centro, sempre inseguros, temorosos de Rusia e atravesados e pisados polos exércitos de uns e doutros, e aos do Sur, mais desorganizados, desorientados e impotentes, e endebedáronos, seguindo a tradición imperial de sumir na miseria aos mais pobres e menos resistentes.

Impúxose, para conseguir a unión política como fose, a moeda única, aínda sabendo que era un desatino desde o punto de vista da economía, e iso levou ao desastre sen saída no que a Unión Europea está afundida e ao que agora se ve tamén con claridade: que na Unión Europea non hai nin haberá diñeiro para os habitantes normais dos países, que son os que están pagando todo, pero haino para subornar ás elites deses países e as de outros que se aspira a conquistar.

Foron as elites dos distintos países de Europa as interesadas en impor ese disparatado proxecto de resonancia nazi e vaticana que só podía beneficialas a elas e facerlles sentir que aínda tiñan un imperio.

Fonte orixinal: http://www.vientodemarzo.blogspot.com.es

Teresa Barro é unha tradutora e escritora galega. Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, coma Grial, así como nos programas de radio da BBC. Entre as súa obras hai que salientar Cartas a Rosalía (Ediciós do Castro, 1981) e Dentro e Fóra (2002). É tamén tradutora ao galego das Fábulas de Esopo (Laiovento, 1997), de obras de Lewis Carrol como Alicia no país das marabillas (Xerais, 1985) e dos Contos de Andersen (Ediciós do Castro, 1983).

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012