As formas de represión adoptan múltiple rostros. Ás Marchas da Dignidade, que o pasado sábado 22 de marzo levaron a Madrid centos de milleiros de persoas enfrontadas ás políticas salvaxes e criminais da troika e dos seus monecos de ventriloquia, opuxéronlles antes de nada o silencio.

Funcionou o vello paradigma da comunicación de masas: nada existe se non é noticia. Pero nun mundo en que as redes de comunicación escapan ao control corporativo e deveñen sociais, ferramentas de propiedade común ao dispor das multitudes, a realidade emerxe máis aló das marxes do aceptable. O silencio converteuse en estrondo, e a multitude asalariada, excluída, desafiuzada, explotada, desempregada, subalterna, expulsada da cidadanía saltou barreiras e concentrouse na capital do Estado español con toda a súa diversidade social, cultural, nacional e lingüística, coma advertencia da fasquía que terá a creba democrática produto desta rebelión cívica.

Xa que a primeira barreira contra a potencia popular non funcionou de todo, viñeron as seguintes. O Estado acode a formas máis primitivas de coerción. Primeiro, a actuación policial, desmedida, brutal, inaceptable para calquera sensibilidade democrática. A forza policial, que en teoría debera garantir o exercicio pleno de todos os dereitos de cidadanía, exhibe o seu cometido principal: a protección dos gobernos e dos negocios que representan. A seguir, o discurso do medo e xustificación de represión indiscriminada. A pantasma do terrorismo. Os aparellos do Estado e os medios de comunicación colocan o foco nunha fantasmagórica Resistencia Galega cun extraordinario don da ubicuidade e de reproducirse e multiplicarse espontaneamente. Todo é Resistencia Galega como noutro momento todo era ETA. O discurso causa reisa e estupor, pero é grave porque anuncia represión.

Con todo, este discurso do pánico tamén se enfronta ao desmentido dunha crecente e cada vez máis activa conciencia popular. Esa conciencia é precisamente a que engrandeceu a mobilización do 22 de marzo, que os medios europeos cualificaron como a maior da historia de España. Na medida en que a conciencia popular crece, mingua a eficacia dos discursos delirantes, coma o que procura apoñerlle a unha espectral Resistencia Galega a maligna responsabilidade de todas as formas de conflitividade e protesta social. Pero estas son sempre lexítimas, sobre todo en tempos de ataque sen reservas contra os dereitos sociais e o benestar material das clases populares.

Lembremos: non é Resistencia Galega nin ningunha outra organización fantasmagórica; é o pobo organizado. Os diferentes pobos que fan parte (obrigada) do Estado español, nun exercicio de soberanía política e de autoorganización. En rebelión cívica, dispostos á forzar a creba democrática.

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012