O comercio mundial de alimentos ten unhas dimensións monetarias abraiantes. Segundo a FAO, está valorado nunha cantidade comprendida entre 200.000 e 300.000 millóns de euros. Controlar este mercado e consagrar un modo de produción dependente del é o grande obxectivo das corporacións transnacionais, que pretenden impoñer a liberalización absoluta dos mercados a través dos acordos da Organización Mundial do Comercio (OMC) e os tratados de libre comercio, bilaterais ou multilaterais.

 Na Unión Europea, estes acordos aplícanse en gran medida por medio das reformas da política agraria común (PAC), que inciden na liberalización e desregulamentación dos mercados de produtos agrarios; provocando unha gran deslocalización da produción e un forte transvase do dereito a producir das pequenas e medianas explotacións cara a grandes unidades de produción moi industrializadas.

O avance destas políticas neoliberais provoca grandes dificultades ao campesiñado en todo o mundo e, nos países do Sur, ten agravado aínda máis a situación de fame e pobreza.

Neste contexto é no que a Vía Campesina lanza en 1996, no Cumio Mundial da Alimentación de Roma, a proposta alternativa da soberanía alimentaria como o dereito que teñen os pobos a decidir as políticas agrarias e alimentarias acaídas para garantir alimentos sans e de calidade a toda a súa cidadanía e, tamén, o dereito das labregas e dos labregos a producilos.

Na Galiza, en só tres décadas máis de 150.000 explotacións pecharon e unhas 350.000 persoas abandonaron a actividade agraria. O medio rural desertifícase, as escolas pechan, os servizos públicos son privatizados e o pequeno comercio esmorece. Mentres, a nosa dependencia alimentaria ronda o 55-60 % e a nosa balanza de produción/consumo dá unha cifra negativa duns 900 millóns de euros.

Desenvolver unha política agraria baseada na soberanía alimentaria suporía a instalación de moitos labregos e labregas producindo esa alimentación básica que hoxe temos que importar e a creación de postos de traballo indirectos ligados á mesma e á vida nas aldeas e vilas do medio rural.

A produción en base á agroecoloxía, a relocalización da produción e a comercialización nos mercados locais e de proximidade que defende a soberanía alimentaria suporían ademais unha redución drástica das emisións de gases con efecto invernadoiro, axudaría a anticipármonos á situación de colapso que se aveciña por mor do pico do petróleo e provocarían máis xustiza co campesiñado mundial, ao evitar entre outras cousas o acaparamento de terras e prohibir o dumpin. A soberanía alimentaria non nega o comercio internacional. Se queremos tomar café, temos que importalo. Pero si cuestiona o movemento masivo de alimentos básicos que cada pobo pode producir.

Como afirma o ETC Group, a cadea industrial de produción alimentaria non é quen de prover de alimentos ás persoas que padecen fame ou desnutrición. Pola contra, o campesiñado ten a vontade e a capacidade de alimentar a quen o precise. Só falta soberanía alimentaria para poder facelo.

Fonte: La Voz de Galicia

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012