Esta é a carta que Rexina Vega enviou á organización do Congreso "Ruptura democrática, Procesos Constituínte e Patriarcado" para que lle fixesen unha homenaxe a begoña caamaño. E así se fixo con todo o cariño.

Recordo a Begoña de cando era adolescente. Cada día eu entraba no instituto detras dela e da súa irmá, louras coma o sol. Admirábaa. Era uns poucos anos maior ca min e servíame de espello onde querer mirarme. Alí estaba, en todas as causas que se abrían, en todas as pelexas xustas. A magnífica arroutada da mocidade no seu rostro radiante e xa daquela tocado pola graza do sorriso, un sorriso permanente, tenaz, unha actitude a favor do mundo. Begoña foi sempre unha persoa grande, unha intelixencia que tomou partido pola comprensión de canto vive, pola tenrura. Unha actitude de rebelión consciente que consistía en fuxir tanto do simple coma do confuso. Así era Begoña, a Begoña da radio cos seus programas que semellaban delicadísimas caixas nas que cabía o mapa sonoro do mundo todo, a Begoña da escrita, esa escrita xa madura que a fará trascender como unha das mellores da nosa tribo. Calquera que se achegue as súas dúas novelas percibirá con claridade esa valía, a densidade dun pensamento novo, a radical orixinalidade de quen repensa o mito para iluminalo cunha voz distinta: a das mulleres sabias, a daquelas libres, lindas, loucas. Begoña Viviana, Begoña Morgana, Begoña Circe. A mellor da nosa tribo, a que entendeu a sororidade da maneira máis perfecta. Radicalmente alegre, radicalmente xusta. A causa das mulleres en Galicia e no mundo gañará cada vez que a recordemos, que a leamos, que a interpretemos. Aquí está, loura como o sol, admirable, aquí para facérmonos a todas máis grandes.

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012