Antón Sánchez-. As mareas galegas arrebatan ao Partido Popular as alcaldías das tres maiorías absolutas con que contaba nas cidades galegas.

As eleccións municipais supuxeron en Galiza un auténtico maremoto político provocado sen dúbida polas "mareas", candidaturas de unidade popular conformadas por diferentes organizacións do espazo de ruptura e cidadanía non organizada partidariamente. A lectura semella clara. O éxito da esquerda, tanto social como política, é directamente proporcional á súa capacidade de xerar espazos de confluencia amplos e sen fisuras.

Das sete cidades galegas, que é onde se concentra o groso da poboación galega e onde tradicionalmente comezan as mudanzas políticas a nivel de país, as mareas poden chegar a gobernar tres, precisamente as tres onde o Partido Popular tiña maioría absoluta: Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol. Nas dúas primeiras as mareas logran ademais ser a forza máis votada, algo impensábel hai apenas un par de meses.

Moi significativa e simbólica é a vitoria de Martiño Noriega e Compostela Aberta na capital, que viviu unha lexislatura extremadamente convulsa, con tres alcaldes en catro anos. O até agora alcalde de Teo, concello limítrofe, logrou en pouco máis de dous meses pasar por riba da grande aposta de Núñez Feijoó nestas eleccións, Agustín Hernández. Dez concelleiros fronte a nove do PP, catro do PSOE –que se dá un batacazo histórico– e dous do BNG. O propio Martiño facía onte, ao pouco tempo de coñecer os resultados, mención a dúas persoas, Ánxel Casal e Xosé Manuel Beiras, co que comparte portavocía en Anova. O primeiro deles foi o último alcalde nacionalista de Santiago, até que foi "paseado" en agosto de 1936. Catro meses antes nacía Beiras. "Hoxe facemos xustiza por Ánxel Casal… e por Xosé Manuel Beiras?, lembrou Noriega na súa intervención.

Na Coruña a xesta non foi menor. A candidatura da Marea Atlántica, encabezada por Xulio Ferreiro, superou todas as expectativas ao gañar as eleccións. A marea, conformada por un bo número de activistas sociais co apoio de todos os partidos da esquerda rupturista, vía así premiado o seu gran traballo e a súa extraordinaria capacidade para amorear a maior parte da esquerda baixo una mesma ilusión. "Temos un desexo común", rezaba un dos seus lemas. Mentres, en Ferrol pódese chegar a dar un goberno tripartito, pero capitaneado por Jorge Suárez, de Ferrol en Común.

Difícil pois queda o panorama urbano galego para o Partido Popular, que probabelmente só poida acadar a alcaldía de Ourense. Unha derrota moi severa que se ve acrecentada polo feito de que só terá maioría nunha das catro Deputacións Provinciais, a de Ourense. O castigo electoral a Núñez Feijoó, que se envorcou na campaña, pode estar indicando un cambio político no país de moito maior calado no próximo ano e medio.

Así, máis que en termos cuantitativos, o revolcón provocado polas mareas é cualitativamente unha revolución sen precedentes no panorama político galego, onde se debuxa claramente a diferenza entre o vello e o novo, que agora si parece que comeza a agromar con claridade.

A mensaxe de Anova-Irmandade Nacionalista nesta campaña electoral centrouse en que as municipais deberían servir, amais de para recuperar o poder para os veciños e veciñas, para camiñar cara á ruptura democrática con este réxime putrefacto, desembocando nunha fronte de unidade popular que derrotase ao bipartidismo nas eleccións xerais, e propiciando así o inicio dun novo proceso constituínte.

Os Pactos do 78 viraban ao redor de tres eixes: preservar a situación de privilexio da oligarquía financeira, o perdón ao franquismo por todos os seus delitos e a unidade sagrada de España garantida polo exército. En Anova pensamos que estes tres eixes están en disputa. Precisamos unha economía ao servizo da sociedade, e non ao revés como agora acontece, á vez que loitamos polo final da monarquía e polo recoñecemento da libre determinación das diferentes nacións do estado.

Con esta mesma análise Anova apostou por Alternativa Galega de Esquerda hai tres anos nas eleccións autonómicas de Galicia, cun chamamento de Xosé Manuel Beiras a unha fronte ampla das forzas non bipartidistas de esquerdas, traspasando a fronteira tradicional entre o nacionalismo e o federalismo e baixo a premisa da asunción das organizacións políticas do dereito de Galicia ao seu autodeterminación.

Nas eleccións europeas, a chamada estendeuse ás forzas de esquerda das nacións do Estado español, para crear unha fronte ampla e asestar un duro golpe ao bipartidismo. Esa aposta non callou por diferentes razóns, como o exceso de cálculo partidario, de xeito que só puidemos concorrer como Alternativa Galega de Esquerda en Europa, logrando unha eurodiputada. Aínda que a derrota do bipartidismo puido ser máis evidente, os dous grandes partidos non superaron o 50 por cento e Podemos irrompeu con forza, cun discurso rupturista como síntoma do desexo de cambio de gran parte da cidadanía.

Perante este escenario as eleccións municipais non podían ser máis que outra oportunidade para redoblar a aposta pola unidade popular, sendo conscientes de que había que dar entrada a continxentes de cidadanía non organizada partidariamente, unha vez que desde os movementos sociais das principais cidades determinouse por fin a necesidade e oportunidade da participación nas institucións para a consecución dos seus obxectivos. Por iso desde o verán pasado Anova decidiu que os seus militantes participasen alí onde xurdisen candidaturas cidadás de unidade popular, as mareas, pioneras desde Galiza, unha vez máis, no Estado.

A materialización desta idea en cada cidade ou pobo –contabilizáronse ata 70 candidaturas de unidade popular diferentes– foi diferente, dependendo da súa realidade, dos seus continxentes e do maior ou menor acerto dos actores. Algo normal nun proceso tan novo e tan complexo, case sen ensaios previos e no medio dun escenario ríxido durante décadas.

Alí onde mellor cristalizou o proceso, onde as organizacións políticas como Anova, EU, Podemos, Equo, Compromiso por Galicia ou Espazo Ecosocialista remaron coa cidadanía exercente sen afiliación partidaria nunha soa dirección, onde xurdiron líderes indiscutidos, a vitoria foi total. Ao tempo, onde os procesos tiveron máis dificultades os resultados son moderadamente bos, sendo as mareas chave en varias cidades, pero coa sensación de non chegar a exprimir todo o potencial de cambio que había.

Sexa como for, o que parece patente é que en Galiza está a nacer un novo suxeito político e que, a pouco que se traballe na mesma dirección, vén para quedar, aínda que non teña aínda perfilada a fórmula definitiva.

Non deberiamos desaproveitas esta oportunidade tamén a nivel de Estado, un cambio que sen dúbida pasa tamén pola xeración dunha ampla confluencia das organizacións rupturistas das diferentes nacións. É o momento de ir pola vitoria e a por un novo proceso constituínte no estado español.

Ningunha organización por si mesma é quen de alcanzar este obxectivo. A suma multiplica. A unidade debe ser a forza motriz para cambialo todo.

  Publicado orixinalmente en Sin Permiso.

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012