No vespertino parisiense Le Monde datado o pasado día 2 de xuño apareceu este artigo de Alexis Tsipras, o primeiro ministro grego. Dado que non tivo difusión no noso país, publicámolo traducido ao galego para a vosa información.

O 25 de xaneiro o pobo grego tomou unha decisión valente. Ousou contestar a vía de sentido único da austeridade rigorosa do Memorandum, a fin de reivindicar un novo acordo. Un novo acordo que permita a Grecia atopar o camiño do crecemento dentro do euro cun programa económico viábel e sen repetir os erros do pasado.

Estes erros foron pagados moi caros polo pobo grego. En cinco anos o paro subiu ao 28% (60% para os mozos) e o salario medio diminuíu un 40% mentres que Grecia, consonte ás estatísticas de Eurostat, mudou no Estado da Unión Europea (UE) co indicador de desigualdade social máis elevado.

Peor aínda, a pesar dos duros golpes que se lle propiciaron ao tecido social, este programa non conseguiu dar á economía grega a súa competitividade. A débeda pública subiu do 124% ao 180% do PIB. A economía grega, a pesar dos sacrificios do seu pobo, fica atrancada nun clima de incerteza continua xerada polos obxectivos non realizábeis da doutrina do equilibrio financeiro, que a obrigan a ficar nun círculo vicioso de austeridade e de recesión.

O principal obxectivo do goberno grego no curso dos catro últimos meses é rematar con este círculo vicioso e esta incerteza. Un acordo mutuamente beneficioso, que fixará obxectivos realistas con relación aos excedentes reintroducindo a axenda do desenvolvemento e dos investimentos –unha solución definitiva para o caso grego– é actualmente máis necesario ca nunca. Por outra banda, semellante acordo marcará o fin da crise económica europea que estalou hai sete anos, acabando co ciclo de incerteza para a zona euro.

Hoxe, Europa está en situación de tomar decisións que desencadearán unha forte recuperación da economía grega e europea pondo fin aos guións dun «Grexit» (Grecia exit). Estes guións impiden a estabilización a longo termo da economía europea e son susceptíbeis de quebrantaren en calquera intre a confianza tanto dos cidadáns como dos investidores na nosa moeda común.

Non entanto, algúns sosteñen que o lado grego non fixo nada para ir nesta dirección porque se presenta nas negociacións con intransixencia e sen proposicións. É o caso? Dado o momento crítico, incluso histórico, que vivimos, non soamente para o futuro de Grecia, senón tamén para o de Europa, gustaría restabelecer a verdade e informar de maneira responsábel á opinión pública europea e mundial sobre as intencións e as posicións reais do goberno grego.

Despois da decisión do eurogrupo do 20 de febreiro, o noso goberno someteu numerosas proposicións de reformas aspirando a un acordo que asocie o respecto do veredicto do pobo grego ao das regras que rexen o funcionamento da zona euro.

Comprometémonos especialmente a realizar excedentes primarios menos elevados para o 2015 e o 2016 e máis elevados para os anos seguintes, dado que esperamos un aumento correspondente das taxas de crecemento da economía grega.

Outra proposición importante é o compromiso de incrementar os ingresos públicos mediante a redistribución das cargas dos cidadáns con salarios medios e baixos cara aos que teñen salarios elevados e que, até hoxe, se abstiñan de pagaren a súa parte para afrontar a crise, dado que no meu país estaban protexidos tanto pola elite política como pola troika, que «fechaba os ollos».

Por outra parte, desde o primeiro día. O novo goberno mostrou as súas intencións e a súa resolución mediante a introdución dunha medida lexislativa para facer fronte ao fraude das transaccións triangulares e intensificando os controles aduaneiros e fiscais, a fin de limitar o contrabando e a evasión fiscal. Paralelamente, por vez primeira despois de numerosos anos, as débedas dos propietarios dos medias fóronlle cargadas polo Estado.

O cambio de clima no país é claro. Está igualmente probado polo feito de que os tribunais aceleran o tratamento dos dossiers para que os xuízos se celebren no prazo máis breve cando e trata de casos ligados á evasión fiscal. Os oligarcas que estaban afeitos a seren protexidos polo sistema político teñen todas as razón para perderen o sono. Non existen só as orientacións xerais, existen tamén as proposicións específicas que sometemos despois de discusións coas institucións que cubriron unha gran parte da distancia que nos separaba hai algún meses.

Proposicións concretas

Precisamente, o lado grego aceptou realizar unha serie de reformas institucionais, tales como o reforzamento da independencia da Axencia grega de estatística (Elstat), as intervencións para aceleraren a administración da xustiza, así como as intervencións nos mercados de produtos, a fin de eliminar as distorsións e os privilexios. Ademais, aínda que somos diametralmente opostos ao modelo de privatizacións preconizado polas institucións, porque non ofrece perspectivas de desenvolvemento e non opera como transferencia de recursos a favor da economía real, senón a favor da débeda –que non é viable de maneira ningunha–, aceptamos proseguir con algunhas pequenas modificacións o programa de privatizacións, dando así probas da nosa intención de ir cara a un acercamento.

Estamos igualmente de acordo para realizarmos unha gran reforma do IVE, simplificando o sistema e reforzando a dimensión de redistribución da taxa, a fin de conseguir aumentar tanto a taxa de recadación como os ingresos. Presentamos proposicións concretas para medidas que conducirán a un aumento suplementario dos ingresos (contribución excepcional sobre os beneficios moi elevados, taxa sobre as eléctricas, intensificación do control das grandes fortunas-defraudadoras, medidas para recuperación de créditos caducados a favor do Estado, taxa especial sobre os produtos de luxo, concursos para as concesións de radiotelevisión), que foron esquecidas, como por azar, pola troika (Comisión europea,, Banco central europeo, Fondo monetario internacional) durante cinco anos, etc.

Estas medidas intentan aumentar os ingresos públicos, evitando contribuír á recensión porque non diminúen a demanda efectiva e non impoñen novas cargas aos baixos e medios salarios.

Puxémonos de acordo para realizarmos unha gran reforma do sistema de seguridade social coa unificación das caixas de seguro social, a supresión de disposicións que autorizan sen razón retiros anticipados, aumentado desta maneira a idade real do retiro.

Debemos ter en conta o feito de que as perdas das caixas da seguridade social, que conduciron ao problema da súa viabilidade a medio termo, son debidas principalmente a eleccións políticas cuxas responsabilidades incumben á vez aos precedentes gobernos gregos e, sobre todo, á troika (a diminución dos fondos de reserva das caixas de vinte e cinco mil millóns de euros en razón do «Private sector involvement» en 2012 e sobre todo a taxa de paro moi elevada, debida case exclusivamente ao programa de austeridade extrema aplicado a Grecia desde o 2010).

Finalmente, a pesar do noso compromiso de restabelecer inmediatamente as normas europeas en materia de dereito do traballo, que foi completamente destecida durante os cinco últimos anos co pretexto de competitividade, aceptamos realizar unha reforma do mercado do traballo despois de consultarmos coa Organización Internacional do traballo, e validada por el.

Non tocar aos retirados

Tendo en conta todo o que precede, pódese con razón preguntar por que os representantes das institucións teiman en dicir que Grecia non presenta proposicións. Porque continuar non fornecendo líquido monetario á economía grega cando Grecia demostrou que quere respectar as súas obrigas exteriores, co pago desde agosto de 2014 de máis de 17 mil millóns de euros en débedas e intereses (case un 10% do seu PIB), sen financiamento exterior?

Finalmente, cal é o interese dos que filtran á prensa que non estamos cerca dun acordo, cando este permitiría pór fin á incerteza política e económica experimentada a nivel europeo e mundial, que se prolonga máis alén da cuestión grega?

A resposta non oficial por parte dalgúns é que non estamos preto dun acordo porque o lado grego mantén as súas posición para restabelecer as convencións colectivas e rexeita diminuír máis os retiros.

Sobre este punto debo dar algunha explicación: no que respecta ao primeiro, a posición de Grecia é que a súa lexislación de traballo debe corresponder ás normas europeas e non pode violar de modo flagrante a lexislación europea. Non pedimos máis que o que está en vigor nos países da zona euro. Co presidente da Comisión europea, Jean-Claude Juncker, fixemos unha declaración neste sentido.

No que respecta ao segundo punto, o dos retiros, a posición do goberno grego é argumentada e lóxica. A diminución acumulada dos retiros en Grecia durante os anos do Memorandum é de 20% a 48%: actualmente un 44% dos retirados reciben un retiro inferior ao limiar da pobreza relativa e, segundo os datos do Eurostat, 23,1% dos retirados viven en condicións de risco de pobreza e de exclusión social.

Esta situación, que resulta da política do Memorandum, non pode ser tolerábel nin para Grecia nin para calquera outro país civilizado. É necesario polo tanto dicir as cousas como son: se non chegamos aínda un acordo cos nosos socios, non é a causa da nosa intransixencia ou de posición incompresíbeis. Sería máis ben a causa de obsesións dalgúns representantes institucionais, que insisten en solucións irrazoábeis mostrándose indiferentes a respecto do resultado democrático das recentes eleccións lexislativas en Grecia, así como a respecto das posición de institucións europeas e internacionais que se din dispostas a daren probas de flexibilidade para respectaren o veredicto das urnas.

Por que esta obsesións? Unha explicación fácil sería dicir que resulta da intención de certos representantes das institucións de tapar o fracaso do seu programa e de obter dalgunha maneira unha confirmación deste. Non se pode, por outra parte, esquecer que o FMI recoñeceu publicamente, hai algún anos, que se enganara sobre os efectos devastadores dos múltiplos recortes orzamentarios impostos a Grecia.

Acho que esta achega non abonda para explicar as cousas. Non creo que o futuro de Europa poida depender destas obsesións dalgúns dos seus actores.

Dúas estratexias opostas

Chego á conclusión de que a cuestión grega non concirne unicamente a Grecia, senón que se acha no centro dun conflito entre dúas estratexias opostas sobre o futuro da integración europea.

A primeira aspira fondamente á integración europea nun contexto de igualdade e de solidariedade entre os seus pobos e os seus cidadáns. Os que sosteñen esta estratexia parten do feito de que é inadmisíbel forzar ao novo goberno grego a aplicar as mesmas políticas que os gabinetes saíntes, que por outra banda fracasaron totalmente. Senón, estariamos obrigados a suprimir as eleccións en todos os países sometidos a un programa de austeridade. Estaríamos tamén obrigados a aceptarmos que os primeiros ministros e os gobernos sexan impostos polas institucións europeas e internacionais e que os cidadáns sexan privados do seu dereito de voto até a terminación do programa. Somos conscientes de que isto sería o equivalente á abolición da democracia en Europa e o inicio dunha ruptura inadmisíbel no seo da UE. Finalmente, todo isto desembocaría no nacemento dun monstro tecnocrático e o afastamento para Europa dos seus valores fundacionais.

A segunda estratexia conduce á ruptura e á división da zona euro e, deste maneira, da UE. O primeiro paso nesta dirección sería a formación dunha zona euro a dúas velocidades, en que o núcleo central imporía os regras duras de austeridade e de reaxuste. Este núcleo central imporía tamén un superministro de finanzas para a zona euro, que gozaría dun poder inmenso, co dereito a rexeitar os orzamentos nacionais, mesmo do Estados soberanos, que non fosen conformes ás doutrinas do neoliberalismo extremo.

Para todos os países que non cedesen a este poder, o solución sería simple, o castigo severo: aplicación obrigatoria da austeridade e, ademais, restricións ao movemento dos capitais, sancións disciplinarias, multas e mesmo a creación dunha moeda paralela ao euro.

É desta maneira que o novo poder europeo intenta construírse. Grecia é a primeira vítima. É presentada xa como o mal exemplo que os outros Estados e pobos europeos desobedientes non deberán seguir.

Mais o problema fundamental é que esta segunda estratexia implica grandes riscos e os que a apoian non parecen telos en conta. Esta segunda estratexia corre o perigo de ser o inicio do fin, porque transforma a zona euro de unión monetaria en simple zona de taxas de cambio. Pero, ademais, inaugura un proceso de incerteza económica e política que podería transformar de abaixo enriba os equilibrios no conxunto do mundo occidental.

Hoxe, Europa áchase na encrucillada. Despois de concesións importantes do goberno grego, a decisión descansa, non xa entre as mans das institucións que, a excepción da Comisión europea, non son elixidas e que non renden conta aos pobos, senón nas mans dos líderes de Europa.

Que estratexia podería dominar? A dunha Europa da solidariedade, da igualdade e da democracia ou ben a da ruptura e finalmente a división?

Se algúns pensan ou queren crer que a decisión que esperamos só atinxira a Grecia, engánanse. Remítoos á obra mestra de Ernest Hemingway Por quen soan as campás?

FonteLe Monde

Exhortación á desobediencia

Especial de Altermundo en setembro de 2012