A Coordinadora Nacional de Anova aposta por seguir avanzando no espazo de confluencia En Marea para mudar a política a nivel de Estado e alcanzar o vindeiro ano a maioría no Parlamento galego.

Teo, 26 de decembro de 2015-. A Coordinadora Nacional de Anova, órgano  colexiado de dirección política nos períodos interasemblearios, reuniuse hoxe en Teo para analizar os resultados das eleccións ás Cortes do Estado do 20 de decembro, nas que a formación concorreu na coalición instrumental En Marea, un espazo sociopolítico plural que acadou en Galiza o 25% do voto, con máis de 408 mil sufraxios.

A tal efecto, fai pública a seguinte resolución:

  1. A Coordinadora Nacional de Anova-IN valora os resultados electorais obtidos por En Marea de históricos, na medida en que se concorreu ás eleccións cun claro programa de esquerda, rupturista, que cuestionaba e cuestiona frontalmente tanto as políticas neoliberais de austeridade que levan anos mallando na maioría social, como a vixencia da Constitución do 78 no eido dos dereitos sociais e no referente á estrutura política –que non só territorial– do Estado español.
  2. O cumprimento de tódolos requisitos necesarios para constituír, por vez primeira, un grupo parlamentar galego no Congreso, que se exprese en clave da cidadanía da nación galega, amais da obtención de dúas actas no Senado, sitúa a En Marea nun punto de partida excelente para camiñarmos cara a superación do réxime do 78.
  3. Para a Coordinadora Nacional de Anova-IN, estas eleccións constituíron tamén unha demostración palpábel de que os procesos amplos e plurais de unidade popular, nos que esta organización leva traballando dende a súa constitución en xullo de 2012, teñen unha importante receptividade social para liderar o cambio político e social e, xa que logo, marcan o camiño.
  4. Anova-IN quere facer tamén unha aposta clara e decidida por continuar a desenvolver o espazo sociopolítico de confluencia En Marea como ferramenta de base cidadá para mudalo todo, tanto os xeitos de facer política como, no contexto específico destas eleccións, xogar un papel salientábel como galegas e galegos na política estatal. En Marea vai ter unha voz propia no Estado para, por unha banda, tratar de solucionar os graves problemas sociais e ambientais do noso país e constribuír a mudar radicalmente as políticas contrarias á maioría social tanto a nivel de Estado coma na propia da Unión Europea.
  5. Relacionado co anterior, Anova-IN entende que En Marea debe facer todo o posíbel para sacar o Partido Popular do goberno do Estado, colaborando se é que se dá a oportunidade, nun gran pacto de esquerda que blinde os dereitos sociais, que defenda os nosos sectores produtivos e que respecte o dereito a decidir das persoas e dos pobos como máxima expresión da democracia. Entedemos, logo de analizar os resultados electorais especialmente nas nacións periféricas do Estado, que existe unha demanda social importante para camiñar nesa dirección.
  6. Xa por último, Anova vai pular tamén por dirixir boa parte dos seus esforzos a contribuír, dentro de En Marea, á potenciación dunha alternativa cidadá real para, nuns meses, acadar a maioría no Parlamento galego. A fiestra de oportunidade para a expresión da unidade popular continúa aberta. Cómpre agora termos colectivamente a intelixencia política e a xenerosidade necesarias para levar este proxecto adiante.