Onte, día 2 de outubro, Anova, Esquerda Unida e Podemos Galiza presentaron os termos do texto político nun acto aberto na Praza de Mazarelos, o mesmo lugar no que o 25 de xullo de 2012 Xosé Manuel Beiras abría o camiño da unidade popular no país noso. No acto interviron o secretario xeral de Podemos en galiza, Breogán Rioboó; a coordinadora de EU, Yolanda Díaz e o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras. No público, o outro portavoz nacional e alcalde de Compostela, Martiño Noriega, así como representantes doutras mareas e movementos.

O pre-acordo é un texto que resume unha serie de coincidencias no eido político e obxectivos comúns, como a defensa dos dereitos sociais e políticos, así como dos recursos e bens comúns e o rescate da democracia. Tamén marca o horizonte dos procesos constituíntes e o dereito a decidir.

Velaquí o texto completo:

PREACORDO POLÍTICO PARA A CONSTRUCIÓN DUN ESPAZO DE CAMBIO POLÍTICO E RUPTURA DEMOCRÁTICA E DUNHA CANDIDATURA GALEGA DE CONFLUENCIA CARA AS ELECCIÓNS XERAIS     

Ante un momento político histórico, e como un paso máis no proceso de Unidade popular e cidadá que se ven dando, Anova, Esquerda Unida e Podemos Galiza decidimos facer público un pre-acordo político no camiño cara ás próximas eleccións xerais.   

Do proceso político e social que iniciamos  

- ANOVA, ESQUERDA UNIDA e PODEMOS-GALIZA acordan afondar nun proceso de confluencia política e social que impulse en Galicia unha candidatura para as próximas Eleccións Xerais, un proceso aberto a todos aqueles espazos  cos que se compartan procesos, metodoloxías e obxectivos políticos.  

- Este pre-acordo enmárcase como un novo chanzo na conformación dun amplo e plural espazo de cambio político e ruptura democrática que ten un punto clave de referencia nos espazos de confluencia que mudaron o panorama de moitos concellos galegos o pasado 24M, e que entendemos forma parte dun proceso de acumulación de forzas que busca devolver as institucións municipais, estatais e galegas á cidadanía do común.

- Sabemos que, para gañar, é preciso sumar vontades, persoas e espazos políticos e sociais. Con todo, para Anova, Esquerda Unida e Podemos Galiza o obxectivo é construír unha candidatura galega de cara ás Xerais que permita que estean presentes os actores que levan tempo traballando pola Unidade Popular. Desde a cidadanía a través dos diferentes artellamentos da sociedade civil ate os actores  que conformaron espazos de confluencia e ruptura democrática como a Marea Atlántica, Compostela Aberta e outros procesos municipalistas do país, que son para nós unha auténtica referencia. Este acordo ten, en definitiva, unha vocación necesariamente aberta e inclusiva para todos os actores políticos e sociais que teñan a vontade de sumarse ao proceso de unidade popular que, a diferentes niveis, está en marcha.

Dos puntos de acordo e coincidencia política 

Dereitos sociais e políticos

O proceso de erosión das condicións materiais de vida da poboación en Galicia non é produto dunha circunstancia casual: é o resultado dun sistema de produción e de goberno onde unha minoría privilexiada goberna sobre o 99%, contra a maioría social golpeada polas políticas da austeridade neoliberal. Neste momento, un espazo político de cambio e ruptura democrática que busque responder á situación de emerxencia social e de desigualdade ten que avogar de forma contundente pola democracia nas relacións económicas, por acabar coa corrupción, por deter a privatización do publico, potenciar os sistemas educativos e de saúde, reverter as estruturas patriarcais; e, en definitiva, construír, co tecido cidadá, un novo modelo económico e social. De igual forma, debe responder con garantías democráticas a toda tentativa de regresión autoritaria como forma de protexer e afondar nos dereitos e liberdades cidadás

Defensa dos recursos e bens comúns

É imprescindible o compromiso colectivo con desenvolver políticas que establezan un novo marco de relación co ecosistema que nos rodea. Así mesmo, o novo paso que aquí comezamos ten que ter como obxectivo desenvolver unha proposta baseada na capacidade de xestionar os recursos propios en prol do ben común. Fronte aos que utilizan o de todxs para o seu beneficio particular, artellar formas de ocio, uso e xestión harmónicas dos bens comúns ao servizo das maiorías sociais e pensando no presente e no futuro do país e do planeta.  

Rescate da democracia

A demanda da sociedade é clara: queremos recuperar a democracia. A responsabilidade común de aqueles e aquelas que camiñamos no proceso de Unidade Popular e cidadá pasa por artellar unha democracia que vaia máis alá do esqueleto institucional que coñecemos, e que pasa por ser, no mellor dos casos, un mero formalismo procedimental. Precisamos canles de participación que fagan da democracia un proceso constante e non só un modelo estático; é tempo de impulsar unha participación aberta a todos os niveis como obxectivo para construír un espazo de confluencia e un novo modelo de relación entre institucións e a cidadanía

Procesos constituíntes. Soberanía. Dereito a decidir.

Desde a consciencia colectiva de Galicia como nación e da cidadanía galega como suxeito político, comprometémonos a afondar en todos aqueles mecanismos democráticos para a posta en marcha de procesos constituíntes desde os diferentes niveis institucionais e políticos do Estado. A cidadanía, o pobo galego, debe poder decidir libre e soberanamente que políticas lle conveñen para así poder institucionalizar por un lado, a soberanía popular, isto é marcos lexislativos, xurídicos, e políticos que defendan os dereitos sociais e fundamentais das persoas como conquistas colectivas da cidadanía, asegurando así a súa protección contra os ataques de superestruturas de escala continental non suxeitas a control democrático; e por outro o dereito a decidir como un elemento constituínte, signo inequívoco de cambio e garantía da libre, harmónica e democrática relación das nacións que conforman o actual Estado Español.

De como o faremos:

Proceso participativo.

Entendemos que a clave do éxito deste proceso é facer do mesmo un instrumento en mans da cidadanía. A este respecto, temos o compromiso de abrir un proceso de confluencia onde a cidadanía sexa a protagonista, tomando como propio o proceso e modelando, en primeira persoa do plural, todos os seus elementos cardinais: a elaboración programática, a materialización política do espazo, o código ético, control democrático e os elementos que conforman un suxeito político que aborda, dende unha perspectiva de cambio político e ruptura democrática, o proceso electoral para restituír a soberanía cidadá.   

Encaixe xurídico e político.

Co 24M vivimos un momento no que, non por vez primeira, fomos conscientes de que os procesos políticos superan aos propios encaixes xurídicos que as leis definen. Isto pon en valor a necesidade de que cando falamos dun proceso de cambio e ruptura democrática, as vontades políticas vaian ligadas á creatividade e ao desborde dos marcos xurídico-políticos preexistentes. Ao concibirmos o pobo galego como suxeito político soberano, entendemos que este espazo social e político, sustentado pola cidadanía galega, operará en consecuencia con este principio para todos os efectos e en todos os planos: político, xurídico, simbólico, comunicativo e organizativo, tanto na súa conformación como canle de participación cidadá como na súa actividade nas institucións.

Igualdade

Consideramos que a perspectiva de xénero e a consecución dunha conformación paritaria son aspectos fundamentais do espazo político e de participación que desexamos construír. Entendemos que só se pode falar de igualdade real e efectiva ao longo de todo este  proceso de construción dun bloque social e político, poderemos falar dun espazo democrático. Sabemos pola acumulación de experiencias noutros procesos anteriores que  deberemos establecer diferentes baremos para garantir que o cómputo de homes e mulleres sexa paritario. Traballaremos para que neste proceso a paridade no reparto de roles, nos postos e presenzas en espazos de decisión e de participación sexan unha realidade de cambio e non un mero compromiso declarativo.   

Rendición de contas

Este proceso de acumulación de forzas democratizadoras debe ter a súa correlación final no establecemento de mecanismos que permitan a rendición de contas que desborden os habituais mecanismos de representación nas institucións. O bloque final que resulte deste proceso de confluencia social e política debe ser quen de artellar as canles de iniciativa e decisión para que a cidadanía á que se debe, a galega, poida participar activamente e outorgar lexitimidade a todo o proceso dunha forma viva e continuada.

VÍDEO DAS INTERVENCIÓNS

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DE RUBENS ROCHA EN FACEBOOK (foto da portada, ICR-Photographer©)