O que está a suceder -con especial virulencia desde a caída de Lehman Brothers e as crises de débeda soberana europeas, pero con raíces xa nos anos 70 do século XX- é unha crise sistémica que afecta a varios niveis: económico, institucional, social e ambiental.

Este momento convulso a escala mundial ten a súa expresión, no Estado español, na crise do réxime político pactado tras a morte de Franco entre as vellas e as novas elites. Un sistema que non removeu os poderes económicos (basicamente unha burguesía rentista moi dependente do Estado e mantedora dun modelo produtivo ancorado na tercerización e no ladrillo, un modelo, por tanto, que descansa na explotación da man de obra e no endebedamento), un réxime baseado na centralización política, funcional para esa burguesía, (pese á maquillaxe autonómica, España segue sendo un Estado que non acepta a súa realidade plurinacional), e un réxime que ten como sostén do Estado ao turnismo dinástico do PP e PSOE e a monarquía.

O réxime do 78 padece unha crise de lexitimidade de orixe, pois é un pacto de elites que se constrúe sobre a base de 40 anos de ditadura tras o golpe fascista de 1936. É, a diferenza do ocorrido noutros lugares de Europa, un réxime que non funda a súa lexitimidade no antifascismo de posguerra senón todo o contrario: é a continuidade, sen interrupción, das elites franquistas aggiornadas.

Pero ademais destas orixes pouco honrosas, a crise de lexitimidade deste réxime tamén foi gañada con suor por causa da súa corrupción escandalosa. A corrupción é estrutural, inherente ao propio réxime.

As próximas eleccións son unha oportunidade para comezar a desmontar, dunha vez, todo isto.

As eleccións xerais son unha oportunidade imprescindible. Do seu resultado vai depender que o réxime se refunde cunha pequena reforma constitucional (insustancial, que non cambie nada nin toque o importante) pactada basicamente polos partidos dinásticos ou que se abra a posibilidade dun proceso de procesos constituíntes de base popular.

Non nos xogamos, pois, un goberno máis ou menos progresista, senón a necesidade de impedir que o proceso de ruptura no que nos atopamos se peche en falso cun pacto por arriba que lle dea vida ao réxime outros corenta anos máis.

As distintas expresións electorais que están a recoller o descontento nos diferentes comicios que tiveron lugar até agora, nas distintas nacións do Estado español, son a translación, á sociedade política, do malestar de anos incubado na sociedade civil. Un malestar que en Galiza se expresou con contundencia, por primeira vez, co movemento Nunca Máis (e antes mesmo cunha onda de mobilizacións estudantís contra a LOU) e que tivo continuidade co movemento anti-guerra, coas numerosas protestas pola sanidade pública, mobilizacións do movemento obreiro e folgas xerais, mobilizacións pola lingua, que tivo tamén o seu momento de inflexión co descontento pos-crise financeira que mostrou o 15 M, coas mobilizacións de afectados polas preferentes, de desafiuzados, etc. e que hoxe está a ter continuidade, por exemplo, nas mobilizacións do sector lácteo.

O proceso de construción dun suxeito de ruptura é a síntese lóxica de todas esas expresións sociais e políticas de protesta e enfrontamento ao poder.

Existe unha especie de tempo de espera. De confianza en que estas eleccións poidan dar expresión a todo este descontento múltiple. Por iso é polo que o debate sobre siglas sexa algo bastante secundario e mesmo absurdo. Non podemos fallar a toda esta concentración de enerxías de tantos milleiros de persoas que están a agardar a que o cambio nas institucións poida ser a espita que abra outros cambios maiores.

As siglas son apenas parte do movemento popular. Están desbordadas por el. Por tanto, a súa función principal terá que ser a de favorecer procesos de Unidade Popular máis aló dos intereses electorais inmediatos de cada organización.

Anova, en coherencia co que propugna practicamente desde o seu nacemento, continúa apostando pola fórmula da Unidade Popular, e agarda poder conformar unha candidatura nacional xunto a outros axentes políticos con dúas premisas básicas: rupturismo co réxime do 78 e recoñecemento de Galiza como suxeito político soberano.

Para nós é fundamental construír un suxeito político de ruptura en Galicia a través da acumulación de forzas, proceso que non alude só nin principalmente a organizacións políticas, senón aos segmentos activos das clases populares. Na nosa opinión, este longo proceso de acumulación na instancia política comeza con AGE (Alternativa Galega de Esquerdas) e continúa coas Mareas. Non son dous acontecementos illados senón dous momentos dun mesmo proceso. A nosa posición política é a de favorecer que o proceso continúe enarborando un discurso de ruptura, anticapitalista e soberanista, entendido, isto último, como a defensa da soberanía popular, como o dereito da cidadanía a decidir sobre todas as cousas: sobre o modelo nacional e tamén sobre o modelo produtivo e a economía en xeral. É por iso que para nós o dereito do Pobo Galego a constituírse como suxeito soberano, e por tanto a autodeterminarse, é indiscutible.

Na nosa opinión, neste momento histórico a unidade é prioritaria. Se as forzas de ruptura non somos capaces de coparticipar nun proceso de unidade popular que supere os intereses de cada sigla, o réxime rexenerarase e a oportunidade de cambio quedará clausurada durante décadas.

Construír esta alternativa está a ser unha tarefa moi complexa, creo que non por falta de vontade, senón porque sinxelamente as cousas importantes nunca son fáciles.

No que respecta a Galicia, Podemos, un dos axentes chamados a xogar un papel importante na política do momento, debe de ser coherente, na súa propia praxe, coa definición que fai de España en tanto que Estado plurinacional. Debe, por tanto, remangarse na articulación dunha alternativa electoral coherente con esa idea -do mesmo xeito que xa o fai EU (Esquerda Unida)- apostando por unha fórmula xurídica propia en Galicia que permita falar de igual a igual, en posibles futuros acordos a nivel estatal, con todos os axentes políticos e sociais.

Para Anova é moi importante contar de novo coas forzas que participaron connosco nas mareas municipalistas, pois  o contrario podería desestabilizar eses proxectos, truncar o proceso e significar un paso atrás.

Polo que respecta ao BNG, forza que non participou até agora nas experiencias previas de unidade popular e mesmo foi moi belixerante con elas, debería achegar posicións coas forzas que xa participaron, especialmente coas mareas, para que a súa nova posición sexa entendida como unha aposta honesta, na que a unidade popular non é algo puntual que empeza e acaba nunhas  eleccións xerais, senón que é un proceso que ten pasado e que debe de ter futuro.

Sería positivo que callase o intento xa en marcha de formar unha plataforma cidadá que aglutine colectivos e organizacións do armazón social e persoas sen adscrición partidaria, como terceira pata do proxecto de confluencia para as eleccións xerais.

Parece a cuadratura do círculo. Combinar un necesario asalto ao Congreso que derrote ao bipartidismo e que abra a espita de maiores cambios, no social e no nacional, con ser unha alternativa nacional galega, na que estean cómodos nacionalistas e non nacionalistas, e na que tamén participen as mareas municipalistas e os alcaldes que xa son potentes referencias en Galicia da idea de unidade popular, e que todo iso se consiga en pouco tempo.

Pero se somos coherentes co que proclamamos ante esa maioría social que aposta por un cambio real e pola apertura dun novo proceso constituínte e se somos conscientes do que nos xogamos, non queda outra que cadrar as pezas.

Publicado orixinalmente en Sin Permiso