A Coordinadora Nacional, reunida hoxe en Teo, aprobou unha proposta de posicionamento de cara ás vindeiras eleccións municipais que será enviada para o seu debate ás súas asembleas territoriais.

Na dita proposta, a Coordinadora Nacional (CN) sigue apostando porque a organización apoie, participe e de ser necesario promova, en congruencia coa súa orixinaria proposta para a confluencia da esquerda rupturista –social ou política–, candidaturas de unidade popular/cidadá ou agrupacións de electores/as nas localidades, que sexan resultado de procesos democráticos, asembleares e participativos desde a base.

Ao entender da CN, se existen candidaturas desas características, que converxan en propostas programáticas e o obxectivo común de camiñar cara a creba democrática deste réxime, a rexeneración da política municipal en Galiza e o avance cara ao dereito a decidir, Anova ten a obriga, por principios sociopolíticos fundacionais, de saudalas e mesmo defendelas. Como ben postulou Xosé Manuel Beiras na fundación de Anova, “é preciso crear un movemento, e non un partido”.

Dentro deste contexto, Anova aposta por comezar un proceso colectivo para definir uns eixos programáticos básicos para a posíbel participación ou apoio da conformación de candidaturas populares. Segundo o Coordinador Nacional, Martiño Noriega, “Anova está disposta a xogar nun campo nubrado como sempre fixo. Non sabemos como vai ser, pero queremos participar para sumar, especialmente neste intre histórico no que as estruturas partidarias tradicionais están sendo sobardadas”.

 Asemblea Nacional: as xeiras de Anova

Por outra banda, a Coordinadora Nacional aprobou o regulamento definitivo do proceso asemblear, que define como extremadamente aberto e participativo, e que rematará no plenario do 11 e 12 de outubro en Compostela, así como a composición da Comisión Redactora de Textos –político e organizativo– para o debate. Tamén se aprobou, logo das achegas da militancia, o lema da Asemblea Nacional: “Coa na nación na esquerda. Tecendo rede”.

Dentro deste proceso, mais coa vontade de compartilo coa codadanía e a esquerda social en xeral, aprobouse a realización dunha serie de xeiras ou encontros abertos polo país para fomentar a participación e o debate político, que confluirían nun outro encontro a nivel nacional previo ao plenario da AN. Un equipo de traballo definirá en poucos días o calendario das xeiras de Anova.

 Día da Patria Galega

No referente á celebración do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, aprobouse entre outras cuestións a convocatoria dun acto político aberto, que se desenvolverá na Praza de Mazarelos o domingo pola mañá, e que continuará cun convivio de irmandade no Parque de Belvís pola tarde.

Asemade, tamén se concretará nos vindeiros días o cartel dun “Foro pola creba democrática e o dereito a decidir” previo aos actos do 25 de xullo.