A primeira sesión, aberta á participación de todo o mundo, terá lugar na Casa Común de Rarís (Teo) o domingo 30 de novembro ás 10:00 horas. Novos tempos, novos folgos.

Os textos aprobados recentemente na II Asemblea Nacional de Anova deixaron unha folla de ruta colectiva bastante clara e concreta a respecto do camiño a andar nos procesos electorais vindeiros e fundamentalmente nos máis achegados no tempo, que serán as eleccións municipais.

En sucesivos acordos e documentos aprobados pola Coordinadora Nacional, Anova xa amosou o seu apoio decidido, e sobre todo congruente cos seus principios políticos, ás iniciativas de candidaturas cidadás e de unidade popular que están a xurdir polo País todo.

A partir dos textos na II AN Anova fortalece a súa idea primixenia e case que fundacional, a da Fronte Ampla, tanto no eido social coma partidario, apostando pola participación xunto a suxeitos individuais e colectivos nun proceso de configuración de candidaturas populares, porque é na sociedade civil activa onde reside, ou debería residir, a soberanía toda.

Todos estes textos e documentos, así como o moito traballo xa feito no ámbito local, deben valerlle ao mundo Anova para continuar o camiño andado de cara a axudar e mesmo facilitar a construción de poder popular nos concellos, nos barrios, nas vilas e nas aldeas. Dende abaixo e á esquerda sempre.

Neste sentido, Anova vén de convocar para o vindeiro domingo 30 de novembro unha Conferencia Nacional sobre Municipais, que se celebrará na Casa Común de Rarís, en Teo, e cuxas sesións, divididas en tres bloques, comezarán ás 10 da mañá. A dita Conferencia pretende ser un primeiro e decisivo chanzo chanzo dun proceso de decisión interno, con participación externa, e de concreción sobre os procesos municipais e o papel a desenvolver neles polas xentes que conformamos Anova. Así, este encontro do 30 de novembro deberá ser completado cunha segunda sesión para comezos do 2015, co obxectivo único de decidirmos colectivamente a nosa tarefa e obxectivos nestes procesos municipais xa en marcha.

Neste sentido, son tamén unha peza fundamental neste proceso de Conferencia Nacional as asembleas territoriais de base de Anova, pois é aí onde se concentra a participación máis próxima e intensa da nosa militancia.

A sesión do 30 de novembro, que se debuxa totalmente aberta á participación activa de calquera persoa, estará dividida en tres bloques temáticos. Persoas non militantes de Anova terán, ao final de cada bloque, a encomenda de nos dar unha lectura obxectiva do falado, dos puntos fortes e febles, das cuestións que xeneran consenso e disenso, etc.

BLOQUE 1
Por que participación cidadá? Rebelión democrática. Un poder de abaixo-arriba.

BLOQUE 2
Eixos programáticos básicos. Vida digna, economía xusta e sustentábel, gobernar obedecendo, ética na política.

BLOQUE 3
Procesos Municipais Alternativos e de Unidade Popular. Mareas e frontes amplas.